Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37471

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

EXTRACTO do Anuncio do 3 de agosto de 2018 polo que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, corenta prazas de formación para o desenvolvemento no ano 2018 das actividades formativas de especialización en financiamento comunitario, programa TecEuropa.

BDNS (Identif.): 411121.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS)
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das prazas de formación serán o persoal con relación laboral nalgunha das entidades membros do Padroado da Fundación Galicia Europa (FGE): Xunta de Galicia, Abanca, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación Provincial da Coruña, Deputación Provincial de Lugo e Axencia Galega de Innovación (Gain), persoal con relación laboral nalgunha das entidades locais galegas, persoal con relación laboral nalgunha entidade pertencente ao terceiro sector en Galicia e persoal vinculado con algunha das demais entidades públicas ou privadas galegas sen ánimo de lucro. Entenderase por persoal vinculado aquel que teña unha relación laboral ou que acredite unha relación de cooperación coa entidade.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto convocar corenta bolsas de formación para o desenvolvemento de actividades formativas de especialización en financiamento comunitario, programa TecEuropa.

A primeira edición desenvolverase entre os días 26 e 30 de novembro en Bruxelas e os días 11 de decembro (mañá e tarde) e 12 de decembro (mañá) en Santiago de Compostela (20 persoas).

A segunda edición terá lugar entre os días 26 e 30 de novembro en Bruxelas e os días 13 de decembro (mañá e tarde) e 14 de decembro (mañá) en Santiago de Compostela (20 persoas).

As actividades formativas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras do procedemento están recollidas no anexo I da Orde do 20 de xullo de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para realizar, durante o ano 2018, actividades formativas de especialización en financiamento comunitario, programa TecEuropa, e se aproban as bases reguladoras para a súa convocatoria (código de procedemento PR816A).

Cuarto. Importe

O importe total destinado ao financiamento das prazas para a actividade formativa ascende a un total de vinte e oito mil euros (28.000 €). A FGE aboará un máximo de 700 euros a cada persoa beneficiaria, segundo os gastos orixinados, xustificados e pagados, unha vez que finalice a estadía en Bruxelas e se acredite a participación en todas as actividades. O prazo de xustificación será dun mes a partir da data de finalización da actividade formativa en Santiago de Compostela.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa