Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37142

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCION do 7 de agosto de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que modifica a convocatoria para o ano 2018 regulada na Resolución do 29 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A).

A Resolución do 29 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A), establece na convocatoria para o exercicio económico de 2018 un crédito orzamentario para financiar estas axudas de 275.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.441A.780.1, Convocatoria para equipamento deportivo ás entidades deportivas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

En virtude dunha transferencia de crédito, a dotación destinada ás subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos sufriu un incremento de 225.000,00 euros, contando cun crédito final de 500.000,00 euros.

Ante este incremento do crédito dispoñible para atender a adquisición de equipamentos deportivos polos clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e federacións deportivas galegas, incremento necesario para que desenvolvan a práctica deportiva en condicións óptimas, tanto en termos de rendemento como de seguridade, esta modificación debe garantir que todas estas entidades poidan solicitar axudas con base nese incremento de crédito, realizando unha nova convocatoria, que recolla ese incremento de crédito e un novo prazo para presentar solicitudes.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Increméntase o importe dos créditos destinados ás axudas que se van conceder ao abeiro da Resolución do 29 de xuño de 2018, na contía de 225.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.441A.780.1, Convocatoria para equipamento deportivo ás entidades deportivas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Artigo 2

Modifícase o prazo de presentación de solicitudes de maneira que os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas deberán presentar a súa solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2018

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte