Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37398

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión dun posto do Concello de Ourense polo procedemento de libre designación.

Mediante Decreto da concelleira delegada de Recursos Humanos e Comercio do 7 de xuño do 2018, aprobouse a convocatoria e bases para a cobertura polo sistema de libre designación do posto de secretaría de clase 1ª denominado oficial maior, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que logo de tramitación do oportuno expediente, as remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior remisión ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública para os efectos da publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa memoria proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Administración Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e o artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán a esta, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto de oficial maior, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional cuxas bases se anexan a este anuncio:

Corporación: Concello de Ourense.

Posto: oficial maior.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 40.492,80 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

Bases para o proceso selectivo dun oficial maior para o Concello de
Ourense, polo sistema de libre designación, entre funcionarios da
Administración local con habilitación de carácter nacional,
subescala de secretaría categoría superior

1.1. Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover o posto de oficial maior do Concello de Ourense, que segundo o artigo 114.2 do Regulamento orgánico de goberno e organización do Pleno e a Comisión especial de suxestións e reclamacións do Concello de Ourense está reservado a funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior. O sistema de provisión será o de libre designación no marco da excepcionalidade fixado no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

1.2. Corporación.

Concello de Ourense.

1.3. Denominación e clase do posto.

O posto de oficial maior do Concello de Ourense (definido no artigo 114 do Regulamento, reservado a funcionario/a de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de secretaría, categoría superior.

1.4. Características do posto.

1. O posto que se deberá prover está incluído no cadro de persoal do Concello de Ourense publicada no BOP de Ourense do 10 de xaneiro de 2015.

2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30 e o seu sistema de provisión é o de libre designación.

3. O complemento específico anual fixado para o posto é de 40.492,80 € brutos.

1.5. Requisitos para o seu desempeño.

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado:

1. Estar integrado/a na subescala de secretaría, categoría superior. Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se encontren nas circunstancias establecidas nas letras a) e b) do artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.

2. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologada polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

No seu defecto o interesado deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como «apto» ou «non apto», destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

1.6. Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse á Alcaldía dentro do prazo dos quince días hábiles seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE), e deberá indicarse nelas, ademais do contido mínimo do establecido no artigo 66.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o do artigo 38 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, o número de rexistro persoal, a situación administrativa en que se encontre o/a solicitante e o seu destino. A elas deberá axustarse a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base 5.

Xunto coas solicitudes, os/as aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que consideren oportuno pór de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

1.7. Nomeamento.

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía procederá, no prazo de un mes, de ser o caso logo de verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a ditar resolución correspondente, que deberá ser motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, a observancia do procedemento e a competencia para o nomeamento de conformidade co establecido no artigo 46 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo. Dela dará conta ao Pleno da Corporación, así como o traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral para a Administración local, para a anotación e publicación conxunta no Boletín Oficial del Estado.

En consideración co sistema de provisión, o nomeamento realizarao discrecionalmente a Alcaldía, en atención aos méritos achegados polos aspirantes. A convocatoria non poderá quedar deserta no caso de que exista un/unha aspirante que reúna os requisitos necesarios e exixidos.

1.8. Toma de posesión.

O prazo para a toma de posesión será de tres días hábiles tratándose de postos de traballo na mesma localidade ou dun mes se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta. Os ditos prazos contarán a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo de tres días hábiles seguintes á publicación da resolución sobre o nomeamento no Boletín Oficial del Estado de conformidade co establecido no artigo 41 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.

1.9. Impugnación.

Contra a presente resolución e cantos actos administrativos deriven dela, os interesados poderán interpor o recurso potestativo de reposición, nos termos e prazos sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente, recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.