Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2018 Páx. 33383

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2018 pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito da Orde do 25 de abril de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 86, do 4 de maio), pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia para o ano 2018 (código de procedemento MT300A).

Feitos.

Primeiro. A Orde do 25 de abril de 2018, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 86, do 4 de maio, establece as bases reguladoras e convoca as subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia, para o ano 2018.

Segundo. No seu artigo 7.1 indícase que sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

No artigo 7.2 da orde establécese que as resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o artigo 6.6 da presente orde, é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

Terceiro. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia na data do 5 de maio de 2018, ás 00.12.18 horas, con número de rexistro 579437/RX1213990.

Consideracións xurídicas.

O artigo 4.5 da Orde do 25 de abril de 2018 establece que unha vez esgotada a contía máxima fixada no número 1 do mesmo artigo, así como, de ser o caso, os aumentos de crédito efectuados, publicarase o esgotamento da contía máxima fixada e acordarase a non admisión das posteriores solicitudes; a dita publicación efectuarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento de crédito con data do 5 de maio de 2018, ás 00.12.18 horas, autorizado no artigo 4.1 da Orde do 25 de abril de 2018 (DOG núm. 86, do 4 de maio) para sufragar as subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia para o ano 2018.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio
P.D. (Orde do 25.4.2018; DOG núm. 86, do 4 de maio)
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo