Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Jueves, 12 de julio de 2018 Pág. 33171

III. Otras disposiciones

Consellería del Medio Rural

ORDEN de 10 de julio de 2018 por la que se establecen las bases reguladoras y la convocatoria de ayudas destinadas a sufragar los daños en las explotaciones agrícolas y ganaderas, derivados de la explosión de material pirotécnico producida en Tui el 23 de mayo de 2018.

O pasado 23 de maio de 2018 produciuse a explosión de material pirotécnico na parroquia de Paramos en Tui. A magnitude da deflagración causou danos persoais, así como cuantiosos danos materiais. Para facerlles fronte, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 104, do 1 de xuño, o Decreto 55/2018, do 31 de maio, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018.

No artigo 9 do citado decreto indícase que serán obxecto de axuda os danos causados pola explosión nas explotacións agrícolas e gandeiras, respectando os criterios establecidos pola Unión Europea nas directrices comunitarias sobre axudas estatais nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais de 2014 a 2020.

As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social, humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nestas bases reguladoras.

A presente orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria da concesión das axudas destinadas a sufragar os danos a explotacións agrícolas e gandeiras afectadas pola explosión pirotécnica producida o 23 de maio pasado.

Esta orde axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas á reparar os danos nas explotacións agrícolas e gandeiras afectadas pola explosión pirotécnica de Tui do 23 de maio de 2018. Código de procedemento administrativo MR617A.

Artigo 2. Procedemento de concesión

Estas axudas outorgaranse de forma directa e por rigorosa orde de entrada, consonte co establecido no artigo 3 do Decreto 55/2018, do 31 de maio, de medidas urxentes para a reparación de danos causados pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018.

Artigo 3. Liñas de axuda

As liñas obxecto de axuda son as seguintes:

a) Axuda para reparar ou substituír bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras (liña I).

b) Axuda pola perda total ou parcial da produción agrícola das explotacións agrícolas e gandeiras (liña II).

c) Axuda pola morte de gando ou pola perda de colmeas das explotacións gandeiras e apícolas (liña III).

Artigo 4. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables :

a) Liña I: os gastos de reparación dos danos causados. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por nova maquinaria (nova ou de segunda man).

b) Liña II: os danos sufridos na produción agrícola na campaña.

c) Liña III: o valor dos animais mortos ou das colmeas destruídas como consecuencia da explosión pirotécnica nas zonas afectadas.

2. O IVE non é subvencionable.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas as persoas titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, con exclusión dos organismos públicos.

Artigo 6. Requisitos

1. Ser titular, á data de solicitude da axuda, dunha explotación agraria inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e, de ser o caso, no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Para o caso dos danos en animais e colmeas, estes deberán estar correctamente identificados e/ou declarados.

2. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Tramitación e resolución das axudas

1. Cada Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes correspondentes ao seu ámbito xeográfico, realizando de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales elaborará a proposta de aprobación.

2. Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, considerarase que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3 A persoa titular desta consellería ou en quen delegue, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de tres meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común

Artigo 11. Recursos administrativos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poida exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo para resolver previsto no artigo 9.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Incompatibilidade

1. As axudas previstas neste capítulo serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 13. Contía da axuda

1. A contía da axuda será:

a) Liña I: o 100 % do investimento elixible, cun límite máximo de 25.000 euros, tendo en conta o establecido no anexo e no caso de danos en viñedo tomaranse como referencia os valores dos módulos establecidos na Orde do 4 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia

b) Liña II: o 100 %, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 euros, segundo as indemnizacións establecidas para os diferentes cultivos no plan de Seguros Agrarios Combinados do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

c) Liña III: no caso de morte de gando bovino, ovino e cabrún, reprodutores porcinos e polos de engorde das especies Gallus gallus e Meleagris gallopavo, a axuda será a dos importes establecidos na Orde do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2017.

No caso de morte de aves reprodutoras e poñedoras,a acuda será os importes establecidos no Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus, e de mandas de pavos reprodutores.

No caso de morte de animais doutras categorías de gando porcino as acudas serán : femias de reposición, 150 euros; leitóns ata o destete, 25 euros; leitóns de transición, 40 euros; animais de ceba, 140 euros. No caso de morte de animais da especie cunícola: reprodutores, 30 euros; femias de reposición, 15 euros; cazapos lactantes, 1 euro; e cazapos de engorda, 3 euros. No caso de morte de gando equino, 200 euros se se trata de animais de máis de 24 meses, e 60 euros no caso de animais menores de 24 meses. No caso de destrución das colmeas, 100 euros por colmea destruída. O límite máximo por persoa beneficiaria será de 15.000 euros.

Artigo 14. Transparencia, bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a Consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPITULO II

Convocatoria

Artigo 15. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2018 e de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde, ás axudas destinadas á reparar os danos nas explotacións agrícolas e gandeiras afectadas pola explosión pirotécnica de Tui do 23 de maio de 2018.

Artigo 16. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 17. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante (se fose o caso).

b) Póliza de seguros e/ou declaración responsable de que os bens danados para os cales solicita as axudas non están asegurados, están asegurados na súa totalidade ou están asegurados parcialmente.

c) Memoria xustificativa dos danos polos cales se solicita axuda.

d) Presuposto ou presupostos de diferentes provedores, se fose o caso. Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior, IVE excluído, á cuantía de 50.000 €, cando se trate de contrato de obras, ou de 18.000 €, cando se trate de outros contratos, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que realicen, presten ou subministren.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT (da persoa solicitante).

e) Estar ao día do pagamento coa Seguridade Social (da persoa solicitante).

f) Estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga (da persoa solicitante).

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 19. Xustificación dos traballos subvencionables

1. O prazo para executar e xustificar as axudas concedidas neste capítulo remata o 30 de outubro de 2018 e os interesados, ademais de acreditar a documentación esixida nos números seguintes, deberan cumprir as obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Unha vez realizados os investimento ou gastos previstos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicalo, presentando unha declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos polas distintas administracións públicas polos cales se aprobou a axuda e a documentación e os xustificantes seguintes en función da liña subvencionada

2. Na liña I, xunto coa notificación de remate dos traballos, achegarase a seguinte documentación:

a) Facturas e xustificantes de gasto. Os xustificantes de gasto consistirán, de forma xeral, na copia das facturas acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

b) Xustificantes do pagamento efectivo.

3. Na liña II, perdas de produción agrícola, non será necesario presentar ningún documento xustificativo; será suficiente para tramitar o pagamento o informe favorable da xefatura territorial correspondente, tras as comprobacións oportunas.

4. Na liña III, no caso do gando morto ou das colmeas destruídas, non será necesario presentar ningún documento xustificativo; será suficiente para tramitar o pagamento o informe favorable da xefatura territorial correspondente, tras as comprobacións oportunas.

Artigo 20. Financiamento das axudas

1. As axudas públicas reguladas nestas bases financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia 13.03.712B.772.0 (CP 2010 1153) para o ano 2018, por un importe de 47.300 euros.

2. As contías establecidas nesta orde poderán ser obxecto de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta ampliación terá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Se poderá realizar un primeiro pago do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pago anticipado, que se fará efectivo una vez realizada a notificación da subvención, non estando obrigado o interesado á presentación de avais, conforme ao establecido no artigo 3.4 do Decreto 55/2018, do 31 de maio.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia - Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como Diarios Oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para que dite os actos necesarios para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO II

Liña I-Maquinaria agrícola

Inversión

Límite máximo

Tractor

15.000,00 €/ud.

Fresadora y arado

4.000,00 €/ud.

Rulo

1.800,00 €/ud.

Grada de discos

7.000,00 €/ud.

Desbrozadora

5.000,00 €/ud.

Desbrozadora de mano

500,00 €/ud.

Cisterna de purín

6.000,00 €/ud.

Os límites máximos aplicables á maquinaria correspóndense con maquinaria nova. No caso de maquinaria de segunda man aplicaráselles unha diminución do 60 %, mentres que no caso de reparacións a diminución será do 90 %.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file