Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 10 de xullo de 2018 Páx. 32842

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da denominación de orixe protexida Ribeira Sacra.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra solicitou a modificación do prego de condicións relativo a esta denominación de orixe protexida. Tras diversas modificacións sobre a proposta inicial, o Pleno do Consello Regulador en sesión celebrada o pasado día 19 de xuño aprobou o texto definitivo da modificación, para a súa tramitación de conformidade co establecido na normativa europea, estatal e autonómica.

A solicitude de modificación afecta diversos aspectos do prego de condicións e do documento único que serviron de base para a súa inscrición no rexistro europeo e debe someterse a un proceso preliminar de publicidade para eventuais oposicións dentro do Estado membro antes da súa tramitación aos servizos da Comisión Europea. Así o recolle o Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, que establece que os procedementos nacionais de oposición deben garantir unha publicación adecuada da solicitude e fixar un prazo mínimo de dous meses desde a data da publicación, durante o cal, calquera persoa física ou xurídica que teña un interese lexítimo e resida ou estea establecida no seu territorio poida impugnar a modificación proposta presentando unha declaración debidamente motivada.

A normativa estatal reguladora desta materia é o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, modificado polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo. De acordo co artigo 8.6 desta disposición, unha vez comprobado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa reguladora, debe darse publicidade desta mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, para o inicio do prazo de presentación de eventuais oposicións. A publicación deberá incluír o enderezo da páxina web oficial onde se atoparán o novo prego de condicións e o documento único. Para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito abrangue máis dunha comunidade autónoma, e que por tanto son da competencia da Administración xeral do Estado, o devandito real decreto fixou un período de oposición de dous meses, pero non fixou prazo para as de ámbito autonómico, por ser competencia das comunidades autónomas.

Por último, a normativa reguladora da materia no ámbito autonómico é o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Este decreto establece un procedemento para a publicidade e oposición no relativo ás solicitudes de inscrición de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, e tamén para as modificacións dos pregos de condicións das existentes, pero limitado aos produtos alimentarios, xa que no momento da súa aprobación, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas vitivinícolas, aínda non era de aplicación a normativa europea que exixe este trámite. O período para a presentación de oposicións que establece no caso das devanditas denominacións de orixe e indicacións xeográficas do ámbito alimentario é de dous meses.

De acordo co artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma ten a competencia exclusiva, en colaboración co Estado, en materia de denominacións de orixe. Estas competencias, para os produtos de orixe agraria, son exercidas pola Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, de acordo co que se establece no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da devandita consellería.

Por todo o anterior, cumpridos os preceptivos trámites regulamentarios e vistas as disposicións citadas,

RESOLVO:

Ter por comprobada a documentación e continuar o procedemento de tramitación da solicitude de modificación do prego de condicións da denominación de orixe protexida Ribeira Sacra, e dar publicidade á devandita solicitude mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único onde se recolle o resumo dos datos do prego de condicións. O devandito documento único, que figura como anexo I desta resolución, inclúe un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopa o texto íntegro do devandito prego de condicións, no cal figuran sinalados os cambios respecto da versión vixente. A xustificación dos cambios que se pretenden realizar inclúese como anexo II desta resolución.

Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá os vínculos á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atoparán o contido do prego de condicións e do documento único.

Desde o día seguinte ao da última publicación iniciarase o cómputo dun prazo de dous meses para que calquera persoa, física ou xurídica, que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao rexistro da devandita modificación mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, da Consellería do Medio Rural (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Consellería do Medio Rural, de conformidade co previsto nos artigos 115, 120 e 121 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2018

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO I

Denominación de orixe protexida (DOP) Ribeira Sacra

Documento único

1. Nome e tipo:

a) Denominación que debe rexistrarse:

Ribeira Sacra.

b) Tipo de indicación xeográfica:

Denominación de orixe protexida.

2. Categorías de produtos vitícolas:

1. Viño.

3. Descrición dos viños:

Categoría Viño:

1º. Viño tinto (Ribeira Sacra súmmun tinto).

– Breve descrición textual:

• Fase visual: limpo e brillante, capa media alta, cor vermella que vai desde a vermella cereixa á vermella púrpura.

• Fase olfactiva: olores froiteiros de polo menos unha das seguintes series: bagas vermellas (froitos do bosque) ou froitas de árbore (froitos vermellos de óso).

• Fase gustativa: franco, aromas a unha das seguintes series: bagas vermellas ou froitas de árbore, equilibrado en relación alcohol, acidez e adstrinxencia, con duración do recordo aromático do viño.

– Características analíticas xerais:

• Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

• Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11.

• Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

• Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 11,67.

• Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 120.

2º. Viño tinto (Ribeira Sacra tinto):

– Breve descrición textual:

• Fase visual: limpo e brillante, capa media alta, cor vermella que vai desde a vermella cereixa á vermella púrpura.

• Fase olfactiva: olores froiteiros de polo menos unha das seguintes series: bagas vermellas (froitos do bosque) ou froitas de árbore (froitos vermellos de óso).

• Fase gustativa: franco, aromas da serie bagas vermellas ou froitas de árbore, equilibrado en relación alcohol, acidez e adstrinxencia.

– Características analíticas xerais:

• Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

• Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11.

• Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

• Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 11,67.

• Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 120.

3º. Viño branco (Ribeira Sacra súmmum branco):

– Breve descrición textual:

• Fase visual: limpo e brillante, cor amarela que vai desde a amarela pálida ata o dourado.

• Fase olfactiva: franco, olores da serie froitas de árbore (froitos brancos de pebida e óso).

• Fase gustativa: franco, aromas da serie froitas de árbore, equilibrado en relación alcohol e acidez.

– Características analíticas xerais:

• Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

• Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11.

• Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

• Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 11,67.

• Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 160.

4º. Viño rosado (Ribeira Sacra súmmum rosado):

– Breve descrición textual:

• Fase visual: limpo e brillante, capa baixa ou media, cor que vai da cor rosa pálida á vermella cereixa.

• Fase olfactiva: olores froiteiros de polo menos unha das seguintes series: froitos do bosque ou froitos vermellos de óso.

• Fase gustativa: franco, aromas a unha das seguintes series: froitos do bosque ou froitos vermellos de óso, equilibrado en relación alcohol e acidez, con duración do recordo aromático do viño.

– Características analíticas xerais:

• Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

• Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11.

• Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

• Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 11,67.

• Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 120.

5º. Viño tinto (Ribeira Sacra súmmun barrica tinto e Ribeira Sacra súmmun garda tinto):

– Breve descrición textual:

Os viños comercializados co termo «barrica» deberán cumprir, ademais do especificado nos puntos anteriores segundo o tipo de viño, as seguintes características:

• Fase olfactiva: olor de polo menos unha das seguintes series: especias, madeiras ou carballo.

• Fase gustativa: aroma de polo menos unha das seguintes series: especias, madeiras ou carballo.

– Características analíticas xerais:

• Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

• Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 12.

• Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

• Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 16,67.

• Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 140.

6º. Viño branco (Ribeira Sacra barrica branco e Ribeira Sacra garda branco):

– Breve descrición textual:

Os viños comercializados co termo «barrica» deberán cumprir, ademais do especificado nos puntos anteriores segundo o tipo de viño, as seguintes características:

• Fase olfactiva: olor de polo menos unha das seguintes series: especias, madeiras ou carballo.

• Fase gustativa: aroma de polo menos unha das seguintes series: especias, madeiras ou carballo.

– Características analíticas xerais:

• Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

• Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 12.

• Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

• Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 16,67.

• Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 160.

4. Prácticas vitivinícolas:

a) Prácticas enolóxicas esenciais:

a.1) Prácticas enolóxicas específicas:

– O rendemento na extracción non será superior a 69 l de viño por cada 100 kg de uva. No caso dos viños rosados non será superior a 40 l de viño por cada 100 kg de uva.

– Permítese a mestura de mostos e viños cunha colleita anterior ata un 15 %. En anos excepcionais e logo do informe da calidade do produto, poderase autorizar a mestura de dúas colleitas anteriores, co mesmo límite do 15 %.

– Para utilizar o termo «barrica» os viños deben ter sido sometidos a un proceso de envellecemento en barricas de madeira cos seguintes requisitos de tempo mínimo e volume máximo:

• Tintos: mínimo de 6 meses en barricas de 500 l de capacidade máxima.

• Brancos: mínimo de 3 meses en barricas de madeira de 600 l de capacidade máxima.

– Para utilizar o termo «garda» os viños deben ter sido sometidos a un proceso de envellecemento mínimo de 7 meses en tintos e 4 meses en brancos en depósitos de madeira, formigón ou outros materiais permitidos pola lexislación alimentaria distintos do aceiro e o poliéster, cos seguintes requisitos de volume:

• Nos tintos:

– Depósitos de madeira con volumes desde 225 l ata 10.000 l.

– Depósitos de formigón ou outros materiais con volumes de ata 5.000 l.

• Nos brancos:

– Depósitos de madeira con volumes desde 225 l ata 8.000 l.

– Depósitos de formigón ou outros materiais con volumes de ata 5.000 l.

a.2) Restricións pertinentes na vinificación:

– As variedades tintas mencía, brancellao, merenzao, sousón, caíño tinto, caíño longo e caíño bravo, e as brancas godello, loureira, treixadura, dona branca, albariño, torrontés, branco lexítimo e caíño branco teñen a consideración de preferentes ou principais. Os viños que leven a mención «súmmum» estarán elaborados cun mínimo do 85 % destas variedades. Os viños tintos que non se comercialicen como «súmmum» deberán elaborarse polo menos cun 70 % da variedade mencía.

– Non se permite a utilización de prensas continuas nin de máquinas prensoras de acción centrífuga de alta velocidade.

– Non se permiten prácticas de prequentamento da uva ou de quentamento dos mostos ou dos viños en presenza dos bagazos para forzar a extracción de materia colorante.

– Na elaboración dos Ribeira Sacra rosados o tempo de maceración do mosto co bagazo non poderá ser superior a 48 horas.

– Non se poderán utilizar anacos de madeira de carballo na elaboración e posteriores procesos.

a.3) Prácticas culturais:

– A vendima realizarase co maior esmero, integramente de forma manual en caixas de vendima autorizadas polo Consello Regulador e para a elaboración de viños protexidos empregaranse exclusivamente uvas sas e co grao de madurez necesario.

b) Rendementos máximos:

– As producións máximas admitidas por hectárea son as seguintes:

• 9.500 quilogramos de uva por hectárea para as variedades tintas.

• 12.000 quilogramos de uva por hectárea para as variedades brancas.

– O rendemento expresado en hectolitros do produto final por hectárea é:

• 65,55 hectolitros por hectárea para as variedades tintas.

• 82,80 hectolitros por hectárea para as variedades brancas.

5. Zona delimitada:

A zona delimitada está formada por cinco subzonas que comprenden parte dos termos municipais que se indican a continuación:

– Subzona de Amandi: Sober e Monforte de Lemos.

– Subzona de Chantada: Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo e A Peroxa.

– Subzona de Quiroga-Bibei: Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río.

– Subzona de Ribeiras do Miño: Paradela, O Saviñao, Pantón, Sober e Monforte de Lemos.

– Subzona de Ribeiras do Sil: A Teixeira, Parada do Sil, Castro Caldelas e Nogueira de Ramuín.

Estes termos municipais distribúense entre as provincias de Lugo e Ourense, na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Principais uvas de vinificación:

– Tintas: mencía, brancellao, merenzao, sousón, caíño tinto, caíño longo e caíño bravo.

– Brancas: godello, loureira, treixadura, dona branca, albariño, torrontés, branco lexítimo e caíño branco.

7. Descrición dos vínculos:

O principal sinal de identidade destes viños é a súa viticultura (denominada «viticultura heroica»), que se desenvolve sobre socalcos en escarpadas ladeiras, conformando unha impresionante paisaxe antropizada. A orografía determina a existencia de multitude de microclimas, polo que a selección da altitude e a orientación é determinante na adecuada maduración. Ademais, as uvas utilizadas son principalmente de variedades autóctonas, seleccionadas ao longo dos séculos polos vitivinicultores e adaptadas ao clima e ao solo da zona. Elabóranse principalmente tintos, nos cales a variedade mencía é a protagonista, e dá lugar a viños cor cereixa con acidez equilibrada e afroitados.

8. Outras condicións esenciais:

a) Zona de elaboración:

A zona de produción está constituída principalmente por zonas de ladeira con fortes pendentes, o que dificulta a construción de adegas. Por iso, permítese a elaboración en adegas construídas en terreos dalgunhas parroquias estremeiras coa zona de produción nas subzonas e termos municipais seguintes:

– Amandi: Sober.

– Chantada: Carballedo, A Peroxa, Portomarín, Taboada e Chantada.

– Ribeiras do Miño: Pantón e O Saviñao.

– Ribeiras do Sil: A Teixeira e Castro Caldelas.

b) Envasado na zona delimitada:

– O envasado debe realizarse en orixe. O transporte e embotellado fóra da zona de produción e elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellado en orixe permite preservar as características e calidade do produto.

c) Disposicións adicionais relativas á etiquetaxe:

– O nome da denominación de orixe figurará con caracteres dunha altura mínima de 4 mm. O nome da subzona e a variedade, de indicarse, deberán recollerse con caracteres como máximo da metade da altura que se utilice para o nome da DOP.

– É obrigatorio o uso de marca comercial. Cando se utilicen marcas que sexan empregadas tamén noutras denominacións de orixe, a mención «Ribeira Sacra» terá que ir no mesmo campo visual que o nome da marca comercial, sendo o tamaño da mención «Ribeira Sacra» polo menos tres veces superior ao nome da marca comercial, sobre o mesmo fondo e co mesmo tipo de letra.

– Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada. A dita contraetiqueta incluirá o logotipo da denominación de orixe, que figura como anexo II no prego de condicións.

Referencia á publicación do prego de condicións:

http://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/2018/PLIEGO_DE_CONDICIONES_DO_RIBEIRA_SACRA_CCC_junio_2018.pdf

ANEXO II

Denominación de orixe protexida (DOP) Ribeira Sacra

Xustificación dos cambios no prego de condicións

O prego de condicións vixente da DOP Ribeira Sacra establece a protección de produtos da categoría 1, concretamente viños brancos e tintos, e tamén regula o uso na etiquetaxe do termo «barrica» para os viños que sofren envellecemento en envases de madeira de ata un determinado volume e durante un tempo mínimo. Coa nova redacción do prego de condicións preténdese protexer tamén viños rosados. Ademais, coa modificación ábrese a posibilidade de realizar envellecemento en envases doutros materiais distintos da madeira e/ou de capacidades superiores ás máximas permitidas para o do termo «barrica». Estes viños poderanse comercializar coa mención «garda».

Tamén se fan modificacións na caracterización organoléptica dos viños e algunha pequena modificación puntual nas características analíticas. Así mesmo, inclúense novas variedades de uva e realízase unha pequena ampliación do territorio delimitado.

A continuación descríbense con máis detalle os cambios que se promoven e as razóns que os xustifican.

– Inclusión dos viños rosados:

Coa modificación preténdese, entre outras cousas, incluír un novo produto da categoría 1, os viños rosados. Estes deberán ser elaborados polo método tradicional, cun rendemento na elaboración non superior a 40 litros de viño por cada 100 kg de uva, cun tempo de maceración do mosto co bagazo que non poderá ser superior a 48 horas e empregaranse uvas de variedades tintas das cales polo menos o 85 % serán das variedades cualificadas como principais.

A xustificación desta modificación está en que este tipo de viños son tradicionais deste territorio. No momento de poñerse en marcha a denominación (inicialmente coa mención tradicional española «Vinos de la tierra») a principios dos anos noventa, xa se elaboraban rosados coa variedade mencía seguindo a forma de elaboración con maceracións curtas que se realizaba en toda a zona. Nos últimos anos retomouse a elaboración de rosados coas variedades brancellao e merenzao, que elaborados como monovarietais responden ás características dun viño rosado de calidade.

– Regulación do uso do termo «garda»:

O prego de condicións vixente recolle a posibilidade de utilizar o termo «barrica» para os viños envellecidos en barricas de madeira nas seguintes condicións: mínimo 6 meses en barricas de ata 500 litros no caso de tintos e mínimo 3 meses en barricas de ata 600 litros no caso dos brancos.

Coa modificación búscase que viños envellecidos noutras condicións tamén poidan utilizar unha mención que os distinga no mercado. A dita mención é «garda», que se aplicará aos tintos envellecidos en depósitos de madeira de capacidade superior a 225 litros e ata 10.000 litros e aos viños brancos envellecidos en barricas de madeira de capacidade superior a 225 litros e ata 8.000 litros. Tamén se poderá aplicar esta mención aos viños envellecidos en recipientes de formigón ou outros materiais autorizados pola lexislación alimentaria distintos do aceiro e do poliéster, por un período mínimo de 7 meses en tintos e de 4 meses en brancos e, en ambos os casos, cunha capacidade máxima de 5.000 litros.

Trátase de pór en valor elaboracións que se levan a cabo en recipientes de madeira que pola capacidade non entrarían na denominación «barrica», e tamén o uso de depósitos de cemento ou outros materiais. Este tipo de elaboracións véñense realizando desde hai uns 15 anos e son prácticas similares ás que se empregaban outrora, cando aínda non chegara o aceiro ás adegas e os viños descansaban en cubas de madeira, que en función da súa antigüidade achegaban matices en maior ou menor medida aos viños. A chegada de novos materiais tamén abre novas formas para o envellecemento dos viños e isto está a ser aproveitado por algúns adegueiros, que están a experimentar novas formas de envellecemento con bos resultados.

– Modificación da descrición das características organolépticas:

Coa modificación do prego de condicións tamén se pretende modificar a descrición das características organolépticas dos viños, e isto por varias razóns.

En primeiro lugar, para encaixar os novos tipos de viños e elaboracións que se pretenden incluír, isto é, os viños rosados e os viños de «garda».

En segundo lugar, porque desde 1992, ano en que se puxo en marcha a DO Ribeira Sacra, as características organolépticas dos viños foron variando. Por unha parte porque o mercado vai marcando novas pautas e, por outra, porque a evolución da tecnoloxía no mundo da vitinicultura achega solucións que deixan máis patente a singularidade destes viños. Nos viños tintos, a evolución e a mellora na viticultura deu como resultado viños con máis matices aromáticos e estruturas en boca máis complexas. Nos viños brancos, os cambios veñen dados fundamentalmente porque a variedade godello era empregada case en exclusiva na elaboración de viños brancos e, aos poucos, foise complementando co emprego doutras variedades, como a treixadura, a albariño ou outras de cultivo tradicional na zona.

Por último, tamén cómpre modificar a caracterización organoléptica dos viños buscando descritores o máis obxectivos posible, fuxindo dunha caracterización hedónica e subxectiva que dificulta a acreditación dos ensaios conducentes á certificación dos viños.

Esta modificación, ademais de afectar a parte «Descrición do viño» do prego de condicións tamén afecta o relativo ao «Vínculo coa zona xeográfica» xa que, por coherencia, se dá unha nova redacción ao punto relativo aos «datos do produto».

– Axustes nos valores analíticos:

Dentro da parte «Descrición do viño» do prego de condicións, faise un pequeno axuste nos valores analíticos dos tintos «barrica». Esta modificación é froito dos datos obtidos e da experiencia adquirida nos últimos anos, que aconsellan elevar o contido máximo permitido de dióxido de xofre ata 140 mg/l, fronte ao 120 mg/l actuais. Para os viños de «garda» adóptase o mesmo valor que para os «barrica».

Ademais, en todos os viños cunha graduación alcohólica superior a 12,0 % vol, a acidez volátil poderase incrementar sobre os valores agora establecidos (0,7 g/l de ácido acético en xeral e 1,0 g/l no caso de viños envellecidos) en razón de 0,006 g/l por cada décima de grao por riba da devandita graduación alcohólica, sen que en ningún caso se superen os límites de 1,08 g/l para brancos e rosados e 1,2 g/l para tintos.

– Modificación dos requisitos para os viños que levan a mención «súmmum»:

No actual prego de condicións, os viños tintos Ribeira Sacra «súmmum» teñen que estar elaborados nun 85 % con variedades das consideradas preferentes ou principais e a variedade mencía será, polo menos, o 60 % do total. Coa modificación elimínase esta última condición, o que vai permitir que haxa no mercado viños da DO Ribeira Sacra co cualificativo «súmmum» elaborados con base noutras variedades principais diferentes da mencía ou con menos participación da devandita variedade. Isto vai permitir pór en valor esas outras variedades de cultivo tradicional na zona coas que actualmente se están elaborando viños que están a ter unha boa acollida entre os consumidores.

Por tanto, a mención «súmmum» quedará reservada para os viños brancos, tintos ou rosados que se elaboren polo menos cun 85 % de uva das variedades consideradas principais.

En consonancia co anterior, modifícanse os requisitos que deben cumprir os tintos que non poden levar o termo «súmmum». De acordo co prego de condicións vixente, estes viños teñen que estar elaborados polo menos nun 70 % con variedades principais ou preferentes, mentres que coa nova redacción o requisito sería que polo menos o 70 % da uva sexa da variedade mencía, que é a variedade máis característica da denominación de orixe.

– Incremento do rendemento máximo:

Modifícase o rendemento na extracción do mosto de maneira que se pasa de 67 a 69 litros por cada 100 kg de uva. Isto significa consecuentemente un incremento tamén nos rendementos de viño por hectárea, que pasan a ser de 65,65 hl/ha para as variedades tintas (actualmente 63,65 hl/ha) e de 82,80 hl/ha para as variedades brancas (na actualidade 80,40 hl/ha).

Este cambio xustifícase en que a moderna tecnoloxía empregada na elaboración permite rendementos de extraccións máis elevados que os actualmente permitidos sen detrimento da calidade.

– Delimitación da zona xeográfica:

Faise unha lixeira ampliación do territorio delimitado para a produción de uva, de maneira que se engaden as parroquias de Fión, no municipio do Saviñao (subzona de Ribeiras do Miño) e Fontao, no municipio da Teixeira (subzona de Ribeiras do Sil).

Trátase de parroquias estremeiras co territorio actualmente pertencente á denominación de orixe nas cales historicamente se vén cultivando o viñedo. A non inclusión inicial destas zonas no territorio da denominación de orixe débese máis ao descoñecemento dos límites administrativos reais destas parroquias e as estremeiras no momento da creación da denominación que a outras razóns.

Pola mesma razón de axuste dos límites faise unha pequena ampliación da zona en que se pode elaborar o viño, na cal se inclúen as parroquias de Gundivós (municipio de Sober, subzona de Amandi) e Boazo (municipio da Teixeira, subzona de Ribeiras do Sil).

– Inclusión dalgunhas variedades de uva:

A modificación do prego de condicións tamén vai servir para incluír dúas variedades brancas (branco lexítimo e caíño branco) e tres variedades tintas (gran negro, caíño longo e caíño bravo). As cinco son variedades amplamente cultivadas en Galicia e, aínda que non figuran no prego de condicións vixente, estiveron presentes desde hai moito tempo nas viñas da denominación. Con esta modificación preténdese evitar a súa desaparición da zona, coa consecuente perda de riqueza varietal, así como preservar a singularidade dos viños elaborados conxuntamente con outras variedades xa incluídas.

As variedades branco lexítimo, caíño branco, caíño longo e caíño bravo son variedades que se poderían considerar como autóctonas ou de cultivo tradicional en Galicia, e por iso inclúense no grupo de variedades principais ou preferentes, mentres que á variedade gran negro se lle dá a consideración de variedade secundaria. Esta mesma consideración dáselle á variedade tempranillo, que no prego vixente figura como principal, aínda non sendo unha variedade que se poida considerar de cultivo tradicional en Galicia, razón que motiva este cambio no prego de condicións.

O caíño branco, habitual noutras denominacións galegas, é un inmellorable complemento varietal e o branco lexítimo (albarín branco), co seu marcado carácter terpénico achega aos viños brancos incomparables matices florais. Para os viños tintos a inclusión das novas variedades son o complemento adecuado para dar a nota de cor.

– Modificación dalgún requisito adicional:

No parte de «Disposicións aplicables» fanse dúas modificacións puntuais.

Por unha banda, establécense requisitos na etiquetaxe daqueles viños que utilizan a mesma marca para a comercialización de viños da DOP Ribeira Sacra e doutras denominacións de orixe. Así, establécese que a mención «Ribeira Sacra» terá que ir no mesmo campo visual que o nome da marca comercial, sendo o tamaño da mención «Ribeira Sacra» polo menos tres veces superior ao nome da marca comercial e deberá ir sobre o mesmo fondo e co mesmo tipo de letra. O devandito requisito está orientado a evitar a confusión nos consumidores.

Por outra banda, modifícase a data límite para a presentación ante o Consello Regulador da declaración de produción, para facela coincidir coa data en que actualmente é preceptivo presentala ante a Administración, o 10 de decembro de cada ano.