Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2018 Páx. 32554

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se convoca concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia.

As oficinas de farmacia son definidas no noso ordenamento xurídico como establecementos sanitarios privados de interese público, tal e como dispón o artigo 103 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e o artigo 1 da Lei 16/1997, do 25 de abril, de regulación de servizos das oficinas de farmacia. É por iso, polo que xa esta última sinalaba que correspondería ás comunidades autónomas establecer o procedemento específico para a autorización de novas oficinas de farmacia, o cal debería tramitarse consonte os principios de publicidade, transparencia e seguridade xurídica.

A nivel autonómico, o artigo 19.4 da vixente Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, establece que a autorización de novas oficinas de farmacia outorgarase por concurso público, de acordo co baremo e o procedemento que regulamentariamente se estableza, en que necesariamente deberá terse en conta a experiencia profesional, os méritos académicos, a formación posgraduada, o coñecemento da lingua galega, as medidas de fomento, mantemento e creación de emprego e calquera outro que se determine, establecendo, en todo caso, un baremo equilibrado.

En desenvolvemento do dito precepto, o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia, modificado polo Decreto 66/2018, do 14 de xuño (DOG núm. 121, do 26 de xuño), regula no seu título II, capítulo II, sección primeira, o procedemento de autorización de apertura de novas oficinas de farmacia, e na súa sección segunda o procedemento de adxudicación das ditas oficinas de farmacia.

Por outra banda, en cumprimento das previsións contidas no artigo 18 da Lei 5/1999, do 21 de maio, así como na disposición adicional segunda do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, aprobouse o Decreto 127/2017, do 23 de novembro, polo que se aproba o mapa farmacéutico de Galicia, se planifica a autorización de novas oficinas de farmacia e se fixa a delimitación territorial para a súa localización (DOG núm. 237, do 15 de decembro). A planificación efectuada no dito decreto serve de marco de referencia para racionalizar o establecemento de novas oficinas de farmacia na Comunidade Autónoma de Galicia e velar pola axeitada distribución destas de cara a garantir a prestación dun servizo público de calidade.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 22.1 do referido Decreto 146/2001, do 7 de xuño,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar o inicio da fase de adxudicación de novas oficinas de farmacia autorizadas consonte o sinalado no Decreto 27/2017, do 23 de novembro, polo que se aproba o mapa farmacéutico de Galicia, se planifica a autorización de novas oficinas de farmacia e se fixa a delimitación territorial para a súa localización (código de procedemento SA300A).

Segundo. Convocar concurso público para a adxudicación das 41 novas oficinas de farmacia relacionadas no anexo I desta resolución. O dito concurso desenvolverase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia pública e transparencia, e será tramitado de conformidade co sinalado no artigo 22 e seguintes do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia, con aplicación do baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración establecido no dito decreto, así como no anexo II da presente resolución.

Terceiro. As bases polas que se rexerá o dito concurso público son as seguintes:

I. Requisitos de participación.

Poderán participar neste concurso as persoas licenciadas ou graduadas en farmacia. Non entanto, debe terse en conta que aquelas que teñan a condición de titulares ou cotitulares de oficinas de farmacia, non poderán ser adxudicatarios/as dunha nova oficina de farmacia na mesma zona farmacéutica en que estea instalada a súa, de conformidade co disposto no artigo 19.5 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

Non poderán participar no concurso os/as farmacéuticos/as que estean inhabilitados/as ou incapacitados/das para o exercicio da profesión por sentenza xudicial firme penal ou civil, nin tampouco quen o teña prohibido en virtude do disposto no artigo 57.5 da Lei 5/1999, do 21 de maio.

II. Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para participar neste concurso terán carácter individual.

2. O prazo para a súa presentación será de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes, que irán dirixidas á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, presentaranse segundo o modelo normalizado recollido no anexo III, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas tituladas ou graduadas en Farmacia que na data de presentación da súa solicitude estean colexiadas no correspondente colexio oficial de farmacéuticos.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. As solicitudes deberán ir acompañadas, polo menos, das seguintes copias ou documentos:

a) Copia do documento acreditativo da representación, en caso de actuar mediante ela.

b) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa.

c) Certificado de colexiación no correspondente Colexio Oficial de Farmacéuticos ou compromiso formal de colexiarse unha vez obtida a adxudicación da oficina de farmacia.

d) Anexo IV (relación detallada dos méritos alegados susceptibles de valoración) debidamente cuberto.

e) Anexo V (folla de autobaremación) debidamente cuberto.

f) Certificado de estudos de lingua galega (Celga 4 ou equivalente) cando non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

g) Certificado de discapacidade cando non sexa expedido pola Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Título oficial universitario en Farmacia.

d) Certificado de estudos de lingua galega (Celga 4 ou equivalente) cando sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

e) Certificado de discapacidade cando sexa expedido pola Xunta de Galicia.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

6. A taxa para poder participar no concurso público de oficinas de farmacia é de 225,23 euros, conforme o disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

A persoa solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

a) Pagamento presencial: poderá efectuar o pagamento cubrindo o correspondente impreso de pago (modelo de tramitación presencial 731 ou modelo de autoliquidación de taxas AI), o cal poderá descargar a través da web da Axencia Tributaria de Galicia
https://ovt.atriga.gal/. O ingreso do importe da taxa poderá realizarse en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Os códigos para cubrir o dito impreso son:

Consellería de Sanidade: código 11.

Delegación de Servizos Centrais: código 13.

Servizo de Planificación e Ordenación: código 02.

Taxa: denominación: solicitude para participar no concurso público de autorización de novas oficinas de farmacia: código 311403.

b) Pagamento electrónico: poderá realizarse a través da OV Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia, á cal poderá acceder con ou sen certificado dixital, e seguindo as súas instrucións. O pagamento poderá efectuarse en calquera das entidades colaboradoras neste método de pagamento, as cales poderán ser consultadas na web da dita axencia.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

O importe da taxa seralles reintegrado ás persoas aspirantes que así o soliciten e que figuren como excluídas na lista definitiva de persoas admitidas e excluídas no concurso, sempre e cando cubrisen os datos bancarios necesarios para facer a devolución.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de taxa nos supostos de renuncia a participar no concurso público de adxudicación por parte das persoas participantes admitidas provisional ou definitivamente.

III. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

IV. Valoración dos méritos e comisión de valoración.

1. Os méritos presentados polas persoas participantes, serán valorados con referencia ao día inmediatamente anterior, incluído, á data de publicación desta convocatoria de concurso no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo das limitacións temporais específicas recollidas no baremo que deban ser tidas en conta para determinados supostos. A dita valoración efectuarase consonte o sinalado no baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración recollidos no anexo II da presente resolución.

2. A valoración dos méritos das persoas concursantes levarase a cabo por unha comisión de valoración constituída para o efecto, a cal estará integrada polas seguintes persoas:

a) Presidencia:

1º. Titular: Francisco José López Rois, subdirector xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento da Consellería de Sanidade.

2º. Suplente: Carmen Sixto Dasilva, xefa do Servizo de Planificación e Ordenación Sanitaria da Consellería de Sanidade.

b) Secretaría:

1º. Titular: Laura Recacho Rivas, subdirectora xeral de Réxime Xurídico e Administrativo da Consellería de Sanidade.

2º. Suplente: Alejandra Escudero González, xefa do Servizo Técnico-Xurídico da Consellería de Sanidade.

Vogais:

1º. Titulares:

– Jesús Manuel Balea Filgueiras, subdirector xeral de Farmacia do Servizo Galego de Saúde.

– Orlando Peñas González, letrado do Servizo Galego de Saúde.

– Rosario García Riestra, en representación dos colexios oficiais de Farmacia.

– Mª Jesús García Verde, en representación dos colexios oficiais de Farmacia.

2º. Suplentes:

– José Antonio Valcárcel Nogueira, xefe do Servizo de Calidade e Seguridade de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

– Carlos Fernández Pérez, letrado do Servizo Galego de Saúde.

– Mª Teresa Ocampo Hermida, en representación dos colexios oficiais de Farmacia.

– Antonio Poyo-Guerrero Traseira, en representación dos colexios oficiais de Farmacia.

As funcións desta comisión serán as recollidas nos artigos 23 e seguintes do Decreto 146/2001, do 7 de xuño.

V. Información básica sobre protección de datos persoais.

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Sanidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actuación da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2018

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade

ANEXO I

Relación das novas oficinas de farmacia convocadas e delimitación territorial

Provincia

Concello

Delimitación territorial

Novas oficinas autorizadas

A Coruña

Ames

040000 Biduído (Santa María)

1

A Coruña

Ames

080000 Ortoño (San Xoán)

2

A Coruña

Ares

010000 Ares (San Xosé)

1

A Coruña

Arteixo

090000 Morás (Santo Estevo)

1

A Coruña

Brión

010000 Ánxeles (Os) (Santa María)

1

A Coruña

Cambre

050000 Cambre (Santa María)

1

A Coruña

Cambre

110000 Temple (O) (Santa María)

1

A Coruña

Carral

020000 Paleo (San Estevo)

1

A Coruña

Cee

030000 Cee (Santa María da Xunqueira)

1

A Coruña

Culleredo

010000 Almeiras (San Xián)

1

A Coruña

Culleredo

080000 Rutis (Santa María)

2

A Coruña

Narón

000100 Narón

2

A Coruña

Oleiros

080000 Perillo (Santa Locaia)

1

A Coruña

A Pobra do Caramiñal

020000 Lesón (Santa Cruz)

1

A Coruña

Ponteceso

060000 Cospindo (San Tirso)

1

A Coruña

Ribeira

060000 Oleiros (San Martiño)

1

A Coruña

Sada

020000 Meirás (San Martiño)

1

A Coruña

Teo

020000 Calo (San Xoán)

1

A Coruña

Val do Dubra

090000 Portomouro (San Cristovo)

1

A Coruña

Vilasantar

050000 Présaras (San Pedro)

1

Lugo

Burela

000100 Burela

1

Lugo

Friol

090000 Friol (San Xiao)

1

Lugo

Negueira de Muñiz

040000 Negueira (San Salvador)

1

Lugo

Ribadeo

080000 Ribadeo (Santa María)

1

Ourense

Allariz

030000 Allariz (Santiago)

1

Ourense

Esgos

020000 Esgos (Santa María)

1

Ourense

O Pereiro de Aguiar

020000 Covas (San Cibrao)

1

Ourense

O Pereiro de Aguiar

080000 Santa Marta de Moreiras (Santa Marta)

1

Ourense

Verín

140000 Verín (Santa María a Maior)

1

Pontevedra

Baiona

060000 Santa Cristina da Ramallosa (Santa Cristina P.)

1

Pontevedra

Barro

030000 Curro (Santa María P.)

1

Pontevedra

Cangas

040000 Darbo (Santa María de Fóra P.)

1

Pontevedra

Moaña

020000 Meira (Santa Eulalia P.)

1

Pontevedra

Poio

020000 Poio (San Xoán P.)

1

Pontevedra

Ponteareas

240000 Ribadetea (San Xurxo)

1

Pontevedra

O Rosal

020000 Rosal (O) (Santa Mariña P.)

1

Pontevedra

Salceda de Caselas

060000 Salceda (Santa María P.)

1

Pontevedra

Silleda

300000 Silleda (Santa Eulalia P.)

1

ANEXO II

Baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración

Baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia
e a súa acreditación

1. Méritos académicos.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos acreditados neste número será de 15 puntos.

a) Estudos de licenciatura ou grao en Farmacia:

1º. Expediente académico:

– Plan antigo:

Por cada matrícula de honra: 6 puntos.

Por cada sobresaliente: 5 puntos.

Por cada notable: 3 puntos.

Por cada aprobado: 1 punto.

A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias do plan de estudos que son obxecto de valoración para os efectos deste concurso.

– Plan novo:

A puntuación correspondente aos estudos de cada aspirante obterase mediante a aplicación do seguinte algoritmo:

(1Ca + 3Cn + 5Cs + 6Cmh) / (Ca+Cn+Cs+Cmh)

As anotacións Ca, Cn, Cs e Cmh corresponden ao número total de créditos que na certificación académica estean adscritos a materias troncais e obrigatorias e nas cales, respectivamente, obtivéronse as cualificacións de aprobado, notable, sobresaliente e matrícula de honra. Neste cociente só serán tidas en conta as materias obxecto de valoración para os efectos deste concurso.

2º. Pola obtención do premio extraordinario de licenciatura ou grao: 1 punto.

b) Estudos de posgrao:

1º. Título de doutor/a en Farmacia ou doutoramento en Ciencias da Saúde: 3 puntos.

2º. Pola acreditación de superación da totalidade do programa de cursos de doutoramento realizados ao abeiro da normativa reguladora anterior ao Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, polo que se regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudos posgraduados, ou por ter acadado o nivel de suficiencia investigadora regulada no Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, ou estar en posesión do Diploma de Estudos Avanzados (DEA) obtido de acordo co disposto no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudos de posgrao, no caso de non ter obtido o título de doutor/a: 0,5 puntos.

3º. Título de máster universitario oficial, obtido ao abeiro do Real decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, polo que se regulan os estudos universitarios oficiais de posgrao, ou do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, en materias relacionadas coas Ciencias da Saúde (ata un máximo de 3 puntos): 0,04 puntos/crédito ECTS.

4º. Título de Farmacéutico/a Especialista conforme o Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada (ata un máximo 2 puntos):

– 1 punto por cada especialidade.

c) Documentación acreditativa:

Con carácter xeral, os méritos académicos acreditaranse mediante copia auténtica do título expedido polo ministerio competente, ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinada, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e data en que foron causados. Tamén se terá por válida a acreditación do pagamento dos dereitos de expedición do título correspondente.

O expediente académico acreditarase mediante certificación académica persoal ou suplemento europeo ao título en que consten as puntuacións obtidas en todas as materias exixidas para a obtención do título alegado, con indicación expresa dos créditos correspondentes a cada unha das materias e o número total de créditos totais obtidos.

A acreditación do máster efectuarase mediante a presentación de copia auténtica do título ou certificación da universidade en que conste que o/a aspirante superou a formación conducente á obtención do referido título, data de realización e o número de créditos ECTS ou horas asignados á dita actividade formativa.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, o aspirante deberá achegar a documentación relativa ao recoñecemento ou homologación das titulacións alegadas nos termos previstos na normativa aplicable.

Deberá presentarse copia traducida por tradutor/a xurado/a daqueles títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español. Tamén terán validez todas aquelas traducións incluídas nos supostos recollidos na disposición adicional décimo sexta da Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado.

2. Experiencia profesional.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos acreditados neste número será de 60 puntos.

a) Exercicio profesional en oficina de farmacia ou botica anexa, como farmacéutico/a con nomeamento en calidade de titular, cotitular, rexente, substituto/a ou adxunto/a:

Por cada mes de servizos prestados: 0,35 puntos.

b) Exercicio profesional como farmacéutico/a de atención primaria en institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, ou como farmacéutico/a especialista en farmacia hospitalaria en institucións sanitarias de asistencia especializada (tanto públicas como privadas):

Por cada mes de servizos prestados: 0,175 puntos.

c) Exercicio profesional como farmacéutico/a nos servizos de Inspección Farmacéutica ou en postos da Administración pública desenvolvendo funcións relacionadas directamente cos medicamentos e/ou establecementos farmacéuticos:

Por cada mes de servizos prestados: 0,175 puntos.

d) Exercicio profesional como farmacéutico/a nos centros de información de medicamentos:

Por cada mes de servizos prestados: 0,175 puntos.

e) Exercicio profesional como farmacéutico/a responsable de servizos farmacéuticos de centros de atención a drogodependentes, entidades prestadoras de servizos sociais, e centros psiquiátricos ou penitenciarios:

Por cada mes de servizos prestados: 0,13 puntos.

f) Exercicio profesional como director/a técnico/a farmacéutico/a, adxunto/a ou substituto/a de centros de distribución de medicamentos e produtos sanitarios:

Por cada mes de servizos prestados: 0,13 puntos.

g) Exercicio profesional como farmacéutico/a noutras modalidades profesionais non recollidas nas letras anteriores que estean relacionadas coa produción, conservación e dispensación de medicamentos e produtos sanitarios, así como a realización de actividades de colaboración en procesos analíticos, farmacoterapéuticos e de vixilancia da saúde pública (farmacéutico/a responsable dun servizo farmacéutico de comercial detallista ou entidade gandeira autorizada para a dispensación de medicamentos veterinarios, exercicio en análises clínicas, radiofarmacia, laboratorios farmacéuticos ou farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública, entre outros).

Por cada mes de servizos prestados: 0,13 puntos.

h) Exercicio como docente:

1º. Polo exercicio como farmacéutico/a docente en centros dependentes da Universidade, en materias relacionadas cos medicamentos e/ou produtos sanitarios:

0,4 puntos por curso académico.

2º. Polo exercicio como farmacéutico/a docente noutros centros de ensino, en materias relacionadas cos medicamentos e/ou produtos sanitarios.

0,1 puntos por curso académico.

3º. Polo exercicio como titor/a de prácticas tuteladas externas en oficinas de farmacia ou servizos de farmacia hospitalaria, dirixidas á obtención do grao de Farmacia, nos últimos 10 anos:

0,1 puntos por convocatoria.

i) Documentación acreditativa:

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación dunha certificación da vida laboral completa expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, con indicación dos días de cotización tanto no réxime xeral de traballadores como no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos (tales como Muface, Isfas, Mugeju, etc.), presentarase certificación acreditativa emitida polo organismo correspondente. Unicamente nos casos de actividades profesionais ás cales non se impoña, ou non se impuxese no pasado aos/ás exercentes, a inscrición no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, poderase acreditar o seu exercicio profesional mediante a presentación da licenza fiscal da actividade ou a documentación relativa ao imposto de actividades económicas, licenza municipal de apertura ou calquera outra proba documental de carácter oficial ou pública válida en dereito.

Ademais, deberá achegarse a seguinte documentación, segundo os casos:

1º. Experiencia profesional por conta allea no ámbito privado.

Cando se prestasen os servizos nunha oficina de farmacia ou botica anexa ou en centros de distribución de medicamentos e produtos sanitarios, presentarase certificado expedido pola autoridade competente, onde conste o período ou períodos de tempo en que o/a aspirante tivese o nomeamento de adxuntía, rexencia ou substitución e o lugar en que o dito posto foi desenvolvido, xunto co réxime de xornada en cada caso (excepcionalmente, cando o/a interesado/a xunte certificado acreditativo da autoridade competente da non constancia destes datos, poderá substituírse por calquera outro documento que acredite de xeito fidedigno o dito exercicio profesional).

Nos restantes casos, acreditarase mediante a presentación de copia auténtica do contrato de traballo ou, de ser o caso, da documentación complementaria da empresa ou entidade privada, que acredite fidedignamente a denominación do posto e as funcións desempeñadas polo aspirante.

2º. Experiencia profesional como titular ou cotitular da oficina de farmacia, director/a técnico/a farmacéutico/a de centros de distribución de medicamentos e produtos sanitarios.

Neste caso, a experiencia acreditarase mediante a presentación dunha certificación expedida polo organismo público competente en materia de sanidade en que conste o período de tempo e o lugar do exercicio profesional do/da aspirante.

3º. Experiencia profesional en institucións públicas.

Deberá acreditarse mediante a presentación dunha certificación emitida polo órgano directivo competente en materia de recursos humanos do centro, ou órgano equivalente, en que deberá constar a seguinte información: categoría/especialidade, data de inicio de cada unha das vinculacións, total de días de vinculación, e réxime de xornada (xornada completa ou a tempo parcial).

4º. Experiencia profesional no ámbito da Administración pública.

Neste suposto, a dita experiencia acreditarase mediante a presentación dunha certificación expedida polo órgano competente en materia de persoal en que se especifique a denominación do posto de traballo, a unidade ou servizo en que estea integrado, as funcións desempeñadas e o período de tempo durante o que se desempeñaron.

No caso da acreditación da experiencia como farmacéutico/a docente, o/a aspirante acreditará esta mediante a presentación dunha certificación expedida pola universidade ou centro correspondente en que se indique claramente o tipo de relación laboral (laboral ou funcionarial), o título e o contido das materias impartidas, a duración ou o seu carácter (anual, trimestral, cuadrimestral, etc.), e o período temporal lectivo en que foron impartidas.

As titorías de prácticas tuteladas externas acreditaranse mediante a presentación dunha certificación expedida polo centro ou estrutura universitaria de Farmacia correspondente, onde se faga constar a condición de titor/a do/da aspirante, o número de alumnos/as para cada convocatoria e quenda, así como a identificación da oficina ou servizo de farmacia onde foron desenvolvidas as ditas prácticas.

Para o caso de acreditación da experiencia profesional en calquera dos puntos recollidos que tivese lugar fóra do Estado español, achegaranse as certificacións oficiais expedidas polos órganos competentes do país en cuestión, e que resulten análogas ás referidas nos parágrafos anteriores. No caso de que estivesen redactadas nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español estas certificacións deberán presentarse acompañadas das respectivas copias traducidas por tradutor/a xurado/a, tendo tamén validez todas aquelas traducións incluídas nos supostos recollidos na disposición adicional décimo sexta da Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado.

3. Formación complementaria e outros méritos.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos acreditados neste número será de 10 puntos.

a) Actividades formativas en calidade de discentes (formación recibida), realizadas durante os últimos 10 anos.

Só se valorarán diplomas ou certificados obtidos en actividades formativas acreditadas polos organismos competentes de acreditación da formación continuada, de acordo cos requisitos, o procedemento e os criterios establecidos pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias:

1º. Relacionadas cos medicamentos ou establecementos farmacéuticos:

0,05 puntos por crédito CFC.

0,005 puntos por hora, no caso de estar computados en horas.

2º. Relacionadas coa sanidade ou saúde pública:

0,025 puntos por crédito.

0,0025 puntos por hora, no caso de estar computados en horas.

b) Títulos propios da Universidade de cando menos 25 créditos, en materias relacionadas cos medicamentos ou establecementos farmacéuticos (ata un máximo de 2 puntos): 0,025 puntos/crédito ECTS.

c) Grao en Óptica e Optometría, e de Nutrición Humana e Dietética: 1,5 puntos por cada un (ata un máximo de 2 puntos).

d) Outros títulos ou diplomas oficiais en Óptica, Acústica e Audiometría, e Ortopedia: 0,75 puntos por cada un (ata un máximo de 1 punto).

e) Documentación acreditativa:

A acreditación dos méritos recollidos no número 3 efectuarase mediante a presentación de copia auténtica do diploma ou certificación expedida polo órgano competente das actividades formativas en que deberán constar, como mínimo, os seguintes datos: entidade organizadora da actividade, a súa denominación completa, programa docente impartido, a súa duración (créditos e/ou horas) e a acreditación polo Sistema de Acreditación da Formación Continuada das Profesións Sanitarias.

A acreditación dos títulos propios da Universidade efectuarase mediante a presentación da súa copia auténtica ou certificación da Universidade en que conste que o/a aspirante superou a formación conducente á obtención do referido título, data de realización e número de créditos ECTS ou horas asignados á dita actividade formativa.

No caso dos distintos títulos ou diplomas oficiais recollidos nas letras c) e d) deste número, estes acreditaranse mediante a presentación de copia auténtica do título expedido pola Universidade ou organismo correspondente, ou certificación expedida por este/a debidamente asinada, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e da data en que foron causados. Tamén se terá por válida a acreditación do pagamento dos dereitos de expedición do título correspondente.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, o/a aspirante deberá achegar a documentación relativa ao recoñecemento ou homologación das titulacións alegadas nos termos previstos na normativa aplicable.

Deberá presentarse copia traducida por tradutor/a xurado/a daqueles títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español. Tamén terán validez todas aquelas traducións incluídas nos supostos recollidos na disposición adicional décimo sexta da Lei 2/2014, do 25 de marzo.

4. Publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos acreditados neste número será de 4 puntos, valorándose as publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde, e libros ou capítulos de libros, directamente relacionados co desempeño da prestación farmacéutica, adherencia terapéutica e, en xeral, coa atención farmacéutica en oficinas de farmacia, nos últimos 10 anos, conforme os seguintes criterios:

a) Publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde:

En revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde indexadas nas bases de datos do CSIC (IME, ICYT, ISOC), IBECS, MEDES, Pubmed, Web of Science (Wos), Embase, Scopus e PsycINFO:

– 0,30 puntos por cada publicación.

b) Libros ou capítulos de libros:

1º. Capítulo de libro: 0,10 puntos/capítulo (non se poderán valorar máis de tres capítulos dun mesmo libro).

2º. Libro completo: 0,30 puntos/libro.

c) Documentación acreditativa:

No que se refire á xustificación documental dos traballos publicados en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde, acreditarase tal mérito mediante a presentación dunha certificación ou copia impresa auténtica expedida pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivamento de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o/a seu/súa autor/a e a data de publicación.

No caso daquelas revistas indexadas en Pubmed non será necesaria a súa acreditación documental. O/a aspirante fará constar ademais do nome da revista, o título do traballo, o nome do/da seu/súa autor/a, a data de publicación e o seu número de identificación PMID correspondente.

No caso de libros ou capítulos de libros editados en papel, deberá achegarse copia auténtica coas follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o/a autor/a, editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, lugar e ano de publicación, e índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación estea avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

No caso de libros editados en formato electrónico, tal mérito será acreditado mediante a presentación dunha certificación ou copia impresa auténtica expedida pola editorial ou organismo público con competencias en materia de xestión e arquivamento de publicacións, na cal se fará constar a súa autoría e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores/as, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

5. Coñecemento do idioma galego.

A puntuación máxima posible para cada aspirante neste número será de 5 puntos.

Obterán esta puntuación aquelas persoas que acrediten posuír o certificado de coñecemento da lingua galega 4 (Celga 4) ou equivalente, nos termos e condicións previstos na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

6. Discapacidade.

As discapacidades que non incapaciten para o exercicio profesional farmacéutico, deberán ser acreditadas mediante a presentación de copia auténtica da correspondente resolución administrativa de recoñecemento da discapacidade ditada polos órganos con competencias en materia de recoñecemento da discapacidade das distintas comunidades autónomas, en que conste expresamente o recoñecemento do grao de discapacidade e a súa porcentaxe.

As discapacidades valoraranse do seguinte modo, ata un máximo de 5 puntos:

a) Discapacidade en porcentaxe entre o 33 % e o 65 %: 2 puntos.

b) Discapacidade en porcentaxe superior ao 65 %: 5 puntos.

7. Fomento, mantemento e creación de emprego.

A contratación adicional de persoal para a oficina de farmacia que supoña un crecemento neto dese durante un período mínimo de 3 anos, nos 5 últimos anos e ata o día inmediatamente anterior á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia, para desenvolver as súas funcións a tempo completo, valorarase ata un máximo de 1 punto da seguinte maneira:

a) Farmacéutico/a adxunto/a: 0,5 puntos.

b) Técnico/a ou auxiliar de farmacia: 0,25 puntos.

c) Documentación acreditativa:

Esta contratación adicional acreditarase mediante a presentación dunha certificación expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou órgano correspondente, copia auténtica dos contratos de traballo formalizados ou calquera outra documentación que permita constatar o cumprimento efectivo das condicións reflectidas neste número para a súa valoración.

Criterios sobre a valoración dos méritos

Co fin de efectuar as correspondentes valoracións dos méritos previstos, observaranse os seguintes criterios:

1. Criterios xerais de baremación.

a) Con carácter xeral, a data a ter en conta para a valoración dos méritos alegados será o día inmediatamente anterior, incluído, á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo das limitacións temporais específicas recollidas no baremo que deban ser tidas en conta para determinados supostos.

b) Para a valoración específica do exercicio como titor/a de prácticas tuteladas das actividades formativas en calidade de discentes, e das publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde, de acordo co previsto nos correspondentes puntos do baremo, teranse en conta os dez anos anteriores á data establecida no parágrafo anterior. Para o caso do número 7 do baremo (fomento, mantemento e creación de emprego) teranse en conta os 5 anos anteriores a esta mesma data.

c) Aqueles méritos alegados que non se acrediten ou non cumpran as condicións establecidas non serán valorados.

d) Así mesmo, non serán valorados aqueles méritos de experiencia profesional e de formación continuada alegados e valorados no anterior concurso público desenvolvido na Comunidade Autónoma de Galicia, cando no dito concurso a persoa aspirante resultase adxudicataria dunha oficina de farmacia.

e) As puntuacións resultantes da aplicación do baremo en todos os puntos ou subpuntos terán un máximo de dous decimais, con redondeo da centésima por defecto ata 5, e por exceso a partir de 5.

f) De producirse igualdade de puntuación total ao aplicar o baremo entre dous/dúas ou máis aspirantes, aplicaranse as seguintes regras de desempate pola orde en que se enuncian:

1º. Farmacéuticos/as que nunca fosen titulares nin cotitulares dunha oficina de farmacia.

2º. Farmacéuticos/as que acrediten un maior tempo en exercicio profesional como titulares, cotitulares, rexentes, substitutos/as ou adxuntos/as en oficina de farmacia de zonas farmacéuticas rurais (concellos de poboación con menos de 10.000 habitantes).

3º. Farmacéuticos/as que obteñan a maior puntuación total no número 2.a) do baremo (experiencia profesional en oficina de farmacia ou botica anexa).

4º. En caso de insuficiencia das regras anteriores, os desempates resolveranse atendendo á orde alfabética dos/das aspirantes empatados/as. Para estes efectos, sortearase mediante acto público a letra a partir da cal se iniciará a orde de prioridade dos/das aspirantes empatados/as, seguindo a orde alfabética do seu primeiro apelido, do segundo apelido e, se tamén coincidiran, do nome.

2. Criterios relativos á valoración de méritos académicos.

a) Para a valoración do expediente académico correspondente aos estudos de licenciatura ou grao en Farmacia, utilizaranse as regras e fórmulas establecidas no número 1 do baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e a súa acreditación.

Tanto se o expediente do/da aspirante corresponde ao plan antigo como ao novo, valorarase de acordo cos seguintes criterios:

1º. Non se puntuará o sobresaliente cando se obtivese matrícula de honra.

2º. Non serán valoradas as materias ou os créditos correspondentes a materias optativas ou de libre elección/configuración. Do mesmo xeito tampouco se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política, ética ou educación física.

3º. Nos casos de convalidación de materias ou créditos, sen cualificación expresa, valoraranse como aprobados.

4º. A puntuación resultante expresarase cun máximo de dous decimais, de acordo cos criterios xerais de baremación que aparecen no número 1 deste anexo, relativo aos criterios xerais de baremación.

b) Baixo a denominación de premio extraordinario de licenciatura ou grao, inclúense só os outorgados polas universidades.

c) Só se terá en conta a puntuación do subpunto 1.b).2º no caso de que o aspirante non obtivese obtido o título de doutor/a.

d) A valoración do máster universitario oficial recollido no subpunto 1.b).3º do baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia, farase de acordo co número de créditos ECTS asignados e que consten no título ou certificación correspondente. No caso de que a titulación sexa anterior ao actual sistema de créditos establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, realizarase a equivalencia de 1 crédito ECTS por cada 25 horas para efectos do cálculo da puntuación correspondente a este mérito.

e) Só se terán en consideración para a valoración do título de Farmacéutico/a Especialista as especialidades desenvolvidas polo sistema de residencia, conforme o recollido no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro.

3. Criterios relativos á experiencia profesional.

a) Para o cálculo das puntuacións en calquera dos subpuntos a), b), c), d), e), f) e g) da epígrafe correspondente ao baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e a súa acreditación, o resultado de sumar todos os días correspondentes aos respectivos subpuntos dividirase entre 30 para calcular o número de meses, desprezándose os días sobrantes tras a operación anterior.

b) Nos supostos de desempeño de dúas actividades valorables como experiencia profesional simultaneamente no mesmo período de tempo, só se valorará a actividade a que corresponda a puntuación máis alta, coa excepción daqueles casos en que se incorrese nalgún dos supostos de incompatibilidade recollidos na normativa vixente, non considerándose méritos de experiencia profesional valorables os que correspondan ao período de tempo en que se incorrese na dita incompatibilidade.

c) Naqueles casos en que a contratación fose a xornada parcial, para o cálculo dos días cotizados terase en conta a porcentaxe de xornada que conste na certificación da vida laboral. No caso de simultanearse no tempo varios exercicios profesionais compatibles a xornada parcial, estes poderán sumarse tendo en conta a citada porcentaxe sen que en ningún caso poida resultar unha xornada acumulada superior á xornada completa.

d) Os períodos de formación conducentes á obtención do título de Farmacéutico/a Especialista conforme o Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, non se terán en conta á hora de valorar a experiencia profesional.

e) Respecto ao subpunto 2.c) da epígrafe correspondente ao baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e a súa acreditación, considerase como exercicio profesional na Administración pública, o desempeñado en calquera do conxunto das organizacións públicas que realizan a función administrativa ou de xestión no sector público estatal e/ou autonómico.

f) A experiencia profesional como docente computarase por curso académico lectivo completo, independentemente do número de materias impartidas e da duración da materia (sexa trimestral, cuadrimestral, semestral ou anual). Enténdense por centros dependentes da Universidade todos os centros ou estruturas que a integran de acordo co disposto no artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, ben sexan de carácter público ou privado.

g) No caso da valoración das titorías de prácticas tuteladas externas, a puntuación concedida será por convocatoria anual. Ademais, se a titoría fose compartida por varias persoas dentro de cada oficina de farmacia ou servizo de farmacia hospitalaria, a puntuación dividirase entre elas. No caso de que o período de prácticas tuteladas se realizase en distintos centros, a puntuación a asignar será a proporcional ao tempo para o que se acredite a titoría.

4. Criterios sobre a formación complementaria e outros méritos.

a) Só se valorarán os diplomas ou certificados obtidos en actividades formativas acreditadas polos organismos competentes de acreditación da formación continuada, de acordo cos requisitos, o procedemento e os criterios establecidos pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias.

b) Só serán valoradas aquelas actividades formativas realizadas nos 10 anos anteriores, tendo en conta para fixar este período o día inmediatamente anterior, incluído, á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia.

c) Para a valoración deste subpunto consideraranse os seguintes criterios:

1º. Cursos relacionados con medicamentos ou establecementos farmacéuticos: terán tal consideración, para efectos do concurso, os relativos a oficinas de farmacia, farmacia hospitalaria, así como farmacoloxía, farmacovixilancia, lexislación farmacéutica, tecnoloxía farmacéutica e similares, aplicados a medicamentos, produtos sanitarios, cosméticos ou produtos de coidado persoal.

2º. Cursos relacionados coa sanidade ou saúde pública: terán tal consideración, para efectos do concurso, os relativos a bromatoloxía, nutrición, toxicoloxía non relacionada cos medicamentos, procesos patolóxicos, tabaquismo, microbioloxía, parasitoloxía, análises clínicas, ortopedia, óptica ou acústica.

As materias non incluídas nos dous números anteriores non serán obxecto de valoración. Non obstante, a comisión de valoración poderá valorar dentro dun ou doutro subpunto, aqueles cursos relacionados con materias, aínda que non expresamente mencionadas, cando determine a súa inequívoca relación, deixando constancia expresa no expediente da súa motivación.

d) Unha mesma actividade formativa non poderá ser obxecto de valoración en máis dun dos subpuntos, computándose polo que resulte máis favorable ao/á aspirante.

e) Para o caso de acreditación de docencia por horas, realizarase a equivalencia de 1 crédito CFC por cada 10 horas de docencia, salvo que da documentación achegada ou da normativa reguladora da concreta docencia se derive outra equivalencia entre horas e créditos, téndose en conta a correspondente a esa concreta docencia. No caso de que o certificado indique os créditos CFC e as horas de duración, a valoración realizarase sempre polos créditos CFC que figuren nese.

f) Os cursos que non indiquen o número de horas ou créditos, non serán obxecto de valoración.

g) Non se valorarán os cursos realizados durante o período de especialización que estean incluídos no programa docente da especialidade correspondente.

h) Non serán valorados os cursos de prevención de riscos laborais, de informática, de xestión sanitaria, de bioestatística e de metodoloxía de investigación.

i) Non serán obxecto de valoración como actividades formativas os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios, talleres ou similares.

j) Só se valorarán ata un máximo de 2 puntos aqueles títulos propios da Universidade (título de máster propio, diploma de especialización, título de experto certificados, diploma de extensión universitaria, certificados de extensión universitaria), sempre e cando estean acreditados cun mínimo de 25 créditos ECTS.

5. Criterios relativos ás publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde.

a) Serán obxecto de valoración as publicacións recollidas en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde, e libros ou capítulos de libros, directamente relacionados co desempeño da prestación farmacéutica, adherencia terapéutica e, en xeral, coa atención farmacéutica en oficinas de farmacia.

b) Só serán valoradas aquelas publicacións e libros ou capítulos de libros publicados nos 10 anos anteriores, tendo en conta para fixar este período o día inmediatamente anterior, incluído, á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia.

c) As publicacións deben pertencer a revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde indexadas nas bases de datos do CSIC (IME, ICYT, ISOC), IBECS, MEDES, Pubmed, Web of Science (WOS), Embase, Scopus e PsycINFO. Non serán obxecto de valoración as publicacións realizadas en revistas non indexadas nas bases de datos referidas.

Outro tipo de publicacións como editoriais, cartas ou artigos de opinión, técnicas e procedementos non serán obxecto de valoración. Tampouco se valorarán as notas clínicas, resumo de comunicacións, pósteres e casos clínicos.

d) Só terán a consideración de libro aquelas publicacións cun mínimo de 49 páxinas, Para a súa valoración, a publicación debe estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

e) No caso de valoración de capítulos, non se poderán valorar máis de 3 capítulos dun mesmo libro. Os capítulos de libros en que participen catro ou máis autores/as non serán obxecto de valoración.

f) Non terán a consideración de libro, aínda cando adopten esta forma de edición, as actas de congreso.

g) Non serán obxecto de valoración os libros/capítulos editados como glosario, anuario, manuais de preparación para o acceso á formación sanitaria especializada e ao emprego público, cursos de formación continuada, protocolos de servizo, libros de casos clínicos, sesións interhospitalarias e demais que así aprecie a respectiva comisión de valoración, deixando constancia motivada no expediente da causa da súa exclusión.

h) Non se lle asignará ningunha puntuación neste número 5 á publicación da tese doutoral.

i) Non se valorarán as autoedicións e/ou autopublicacións, entendendo por tales aquelas publicacións financiadas ou promovidas por algún/algunha dos/das seus/súas autores/as ou nos cales figure/n como editor/a.

j) No suposto de libros de autoría colectiva, soamente será obxecto de valoración aquela publicación que, coa documentación presentada polo/a aspirante, quede suficientemente acreditada a participación concreta nela. Enténdese por autoría colectiva aquela publicación en que interveñen un mínimo de catro autores/as.

k) Á hora de valorar tanto libros como revistas, empregaranse os seguintes criterios:

1º. En ningún caso un mesmo contido determinado e obxectivable publicado baixo diferentes formas e en diferentes publicacións poderá ser obxecto de máis dunha valoración, realizándose a que resulte máis favorable para o/a aspirante.

2º. Non serán obxecto de valoración as publicacións de carácter divulgativo.

l) Para os efectos deste baremo, non terá a consideración de autor/a da publicación o/a coordinador/a, director/a e outros/as colaboradores/as.

6. Coñecemento do idioma galego.

Outorgarse a puntuación máxima prevista para este número a aqueles/as aspirantes que acrediten o coñecemento do idioma galego conforme a documentación acreditativa descrita no número 5 da epígrafe correspondente ao baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e a súa acreditación.

7. Discapacidade.

Outorgarase a puntuación correspondente de acordo coa cualificación do grao de discapacidade que se reflicta na correspondente resolución administrativa acreditativa do recoñecemento da discapacidade.

8. Fomento, mantemento e creación de emprego.

a) De acordo coa documentación acreditativa presentada polo/a aspirante, outorgarase a puntuación correspondente a cada epígrafe sempre e cando quede perfectamente acreditada a contratación adicional dun/dunha farmacéutico/a adxunto/a e/ou técnico/a ou auxiliar de farmacia, nos últimos 5 anos, tendo en conta para establecer esta data o día inmediatamente anterior, incluído, á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia.

b) Para o cálculo e comprobación do cumprimento desta condición teranse en conta as persoas contratadas, o número de días en que estiveron contratadas, así como o tipo de xornada laboral, téndose en conta a porcentaxe de xornada no caso de que o contrato fose a tempo parcial.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file