Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 5 de xullo de 2018 Páx. 32304

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 25 de xuño de 2018 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Help Galicia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Help Galicia, con domicilio no lugar A Boubeta, 26 (Coiro), 36947 Cangas do Morrazo (Pontevedra).

Feitos:

1. José Manuel Torres García, presidente do padroado da Fundación, en representación de Help Adicciones, S.L., formulou solicitude de clasificación da fundación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Help Galicia constituíuse en escritura pública outorgada en Vigo o 4 de maio de 2018, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada co número de protocolo 905, pola sociedade Help Adicciones, S.L., representada neste acto por José Manuel Torres García.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, son fins da fundación:

• A investigación e estudo da enfermidade de adicción, desenvolvendo diferentes liñas de investigación, divulgando os resultados destas para o seu posterior estudo e desenvolvemento.

• O desenvolvemento de tratamentos específicos en adiccións e en patoloxía dual, estudando e valorando para este fin todos os modelos de recuperación e tratamento posibles.

• A prevención do consumo de drogas e outras condutas de risco, que impidan ou dificulten o desenvolvemento persoal ou social da poboación en xeral.

O desenvolvemento de modelos, metodoloxías, estratexias, programas e actividades de prevención dos problemas relacionados cos consumos de drogas, principalmente dirixidas a adolescentes e novas.

• O desenvolvemento de programas de intervención preventiva, con obxectivos de evitar ou paliar os problemas relacionados cos consumos de drogas.

• O desenvolvemento de estratexias de comunicación social destinadas á sensibilización e mobilización sociais para a prevención de problemas relacionados cos consumos de drogas.

• A elaboración e o desenvolvemento de metodoloxías e fórmulas de formación dos diversos colectivos de profesionais e de mediadores implicados na prevención e corrección dos problemas de drogas.

• A promoción e a xestión de programas de cooperación internacional, con obxectivos de propiciar o desenvolvemento de terceiros países, en materias de contención e prevención de problemas psicosociais e problemas relacionados con consumos de drogas.

• A promoción do voluntariado xuvenil e de adultos.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Help Adicciones, S.L. representada por José Manuel Torres García como presidenta, María de las Angustias Torres García como secretaria, Help Servicios Noroeste, S.L. representada por José Manuel Torres García, e Alsira García Corral, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese sanitario, da Fundación Help Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 19 de xuño de 2018.

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Help Galicia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta Oorde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza