Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 4 de xullo de 2018 Páx. 32227

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 22 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o proxecto e o estudo de impacto ambiental da planta de valorización e almacenamento de residuos non perigosos en Teixoeira-Santa Icía, Arteixo (A Coruña), promovida por Gestión Maracaná Galicia, S.L.

Para os efectos previstos no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro) faise público que, por espazo de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedarán expostos os documentos titulados:

– Proxecto básico, proxecto de explotación e anexo ao proxecto da planta de valorización e almacenamento de residuos industriais e urbanos non perigosos en Teixoeira, Arteixo (A Coruña).

– Estudo de impacto ambiental da planta de almacenamento e valorización de residuos non perigosos industriais e urbanos no lugar de Teixoeira-Santa Icía (Arteixo).

Para que calquera interesado poda consultalos e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que estime convenientes. Os documentos poderán consultarse en horario de atención ao público:

– Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Residuos (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

– Na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña).

– No Concello de Arteixo (praza Alcalde Ramón Dopico, 1, 15142 Arteixo).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Residuos.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2018

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Titular: Gestión Maracaná Galicia, S.L.

CIF: B70124151.

Domicilio social: avda. Finisterre, 65-1, 15147 Coristanco (A Coruña).

Localización da instalación: Teixoeira-Santa Icía, 15142 Arteixo (A Coruña).

Actividade: almacenamento e valorización de residuos non perigosos.

Liñas de tratamento: distínguense as seguintes liñas:

1. Almacenamento de residuos: recepción e almacenamento de residuos.

2. Valorización de residuos da construción e demolición (RCD): recepción, clasificación, triturado e separación de impropios por procedementos mecánicos de RCD para elaborar áridos reciclados.

3. Valorización de residuos de plástico, madeira e metais: recepción, clasificación e trituración, en caso de ser posible, para posterior envío a xestor autorizado.

4. Valorización de papel e cartón (destrución confidencial de documentación): recepción, clasificación e trituración do papel e cartón en distintos tamaños, segundo o grao de seguridade requirido polo cliente, para posterior envío a xestor autorizado.