Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 26 de xuño de 2018 Páx. 30622

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 66/2018, do 14 de xuño, polo que se modifica o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia.

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, regula no seu artigo 18 a planificación das oficinas de farmacia, en canto establecementos sanitarios privados de interese público e, no artigo 19, a autorización de novas oficinas de farmacia, establecendo que a dita autorización se outorgará mediante concurso público convocado coa dita finalidade.

En desenvolvemento do previsto na citada lei, o Consello da Xunta aprobou o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia. Este decreto regula no seu título II o procedemento para a autorización e adxudicación de novas oficinas de farmacia, establecendo os órganos da consellería competente en materia de sanidade que teñen atribuída a competencia nesta materia, así como o réxime xurídico a que estará suxeito. En concreto, o artigo 12 do regulamento prevé que o procedemento de autorización de novas oficinas de farmacia se tramite mediante concurso público, conforme os principios de publicidade e transparencia e mediante criterios obxectivos de selección que garantan a concorrencia competitiva.

O desenvolvemento do anterior concurso realizado na nosa comunidade autónoma, levado a cabo de acordo cos criterios establecidos no citado Decreto 146/2001, do 7 de xuño, produciu certa insatisfacción nos/as profesionais farmacéuticos/as e nos seus colexios profesionais, así como unha serie de demandas en relación con diferentes aspectos do procedemento de autorización e adxudicación das novas oficinas de farmacia.

Deste xeito, coa experiencia acumulada nos anteriores concursos, o obxectivo desta modificación é introducir cambios no procedemento para a adxudicación das novas oficinas de farmacia, simplificándoo e reducindo os prazos co fin de acadar unha máis pronta resolución daquel. Ao mesmo tempo, establécese no decreto un baremo equilibrado que, respectando e tendo en conta os criterios recollidos no artigo 19.4 da Lei 5/1999, do 21 de maio, asigna unha maior puntuación á experiencia profesional respecto dos restantes méritos valorables, co fin de garantir o axeitado desempeño profesional das persoas que resulten adxudicatarias das novas oficinas de farmacia incluídas na convocatoria. Este baremo, incluído no anexo do decreto, substitúe o recollido ata agora no anexo do Decreto 146/2001, do 7 de xuño.

O procedemento de adxudicación levarase a cabo segundo o establecido na normativa básica estatal en materia de procedemento administrativo común das administracións públicas respecto dos procedementos de concorrencia competitiva, o cal implica que, entre outras novidades, se substitúa a notificación persoal pola publicación en diario oficial, de conformidade co previsto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Destaca tamén, como novidade da regulación introducida polo presente decreto, o feito de que a elección das oficinas de farmacia se realizará nun acto público único, ao cal están chamadas a concorrer todas as persoas participantes. Doutra banda, acúrtase a duración dos prazos, establécese que a participación no concurso é respecto da totalidade das oficinas de farmacia incluídas na convocatoria, e introdúcese a previsión de constitución dunha garantía co obxecto de garantir a viabilidade e correcta tramitación do procedemento e a súa perda para os supostos de desistencia, renuncia inxustificada, falta de designación ou apertura do local ou acta desfavorable da apertura unha vez transcorrido o prazo para a emenda dos defectos detectados.

O novo anexo consta de dúas partes. Na primeira recóllese o baremo de méritos que será de aplicación nos concursos públicos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e a súa acreditación, en que se inclúen: méritos académicos (estudos de licenciatura ou grao en farmacia e estudos de posgrao); experiencia profesional (exercicio profesional como farmacéutico en oficina de farmacia; en atención primaria ou en farmacia hospitalaria; nos servizos de Inspección Farmacéutica; nos centros de información de medicamentos dos colexios oficiais de farmacéuticos; nos centros de atención a drogodependentes, entidades prestadoras de servizos sociais, psiquiátricos e penitenciarios; como director/a técnico/a farmacéutico/a de centros de distribución de medicamentos e produtos sanitarios; e noutras modalidades que poidan estar relacionadas coa produción, conservación e dispensación de medicamentos e produtos sanitarios, así como o exercicio como docente); formación complementaria e outros méritos (actividades formativas en calidade de discentes; grao en Óptica-optometría e Dietista-nutricionista e outros títulos ou diplomas relacionados); publicacións (en revistas científicas, libros ou capítulos de libros); coñecemento do idioma galego; discapacidade e fomento e creación de emprego.

A segunda parte do anexo recolle os criterios que deberán observar as persoas integrantes da comisión da valoración dos méritos presentados polos/as participantes nos concursos de adxudicación das novas oficinas de farmacia convocados para tal efecto.

Así pois, o presente decreto resulta conforme cos principios de boa regulación a que se refire o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, en canto que a nova regulación introducida respecto do procedemento de adxudicación de novas oficinas de farmacia obedece a razóns de simplicidade, eficacia, eficiencia e equidade no seu desenvolvemento. As innovacións introducidas veñen motivadas por razóns de interese xeral e resultan necesarias e proporcionais para a consecución do fin último perseguido, que é o de ofrecer á cidadanía un servizo farmacéutico de calidade, asegurando a súa prestación por profesionais altamente cualificados/as e con experiencia suficiente e demostrable na atención farmacéutica ao público.

Así mesmo, en cumprimento do principio de seguridade xurídica introdúcense no Decreto 146/2001, do 7 de xuño, as modificacións necesarias co fin de garantir o mantemento dun marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza, que facilite o seu coñecemento e comprensión.

Na tramitación do presente decreto deuse debido cumprimento ao principio de transparencia, e púxose á disposición da cidadanía en xeral, a través da súa publicación no Portal de transparencia e goberno aberto, así como dos grupos e sectores concretos cuxos dereitos e intereses se ven afectados pola modificación levada a cabo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de xuño de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia

O Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia, queda modificado como segue:

Un. O artigo 13 queda redactado como segue:

«Artigo 13. Criterios de selección

1. Para os efectos deste decreto, enténdese por criterios de selección aqueles que, sen seren requisitos legalmente exixibles para ser titular dunha oficina de farmacia aberta ao público, se establecen co único fin de escoller obxectivamente as solicitudes que se presenten ao procedemento de adxudicación de novas oficinas de farmacia.

2. O concurso público convocado resolverase segundo o baremo que se xunta no anexo, no cal se teñen en conta a experiencia profesional, os méritos académicos, a formación de posgraduado, o coñecemento da lingua galega e as medidas de fomento, mantemento e creación de emprego, tal e como se determina no artigo 19.4 da Lei 5/1999, do 21 de maio».

Dous. O artigo 22 queda redactado como segue:

«Artigo 22. Acordo de inicio de procedemento de adxudicación e convocatoria de concurso público

1. A persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade acordará mediante resolución o inicio da fase de adxudicación das oficinas de farmacia autorizadas e a convocatoria do correspondente concurso público. Esta fase de adxudicación terá unha duración máxima de seis meses.

2. A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de sanidade e incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Zonas farmacéuticas ou entidades colectivas de poboación en que se autoriza a apertura dunha nova oficina de farmacia, con indicación da delimitación territorial concreta para a súa instalación.

b) Baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración, recollido no anexo.

c) Persoas que integrarán a comisión de valoración de méritos.

3. As persoas interesadas en participar no concurso disporán de 20 días, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia, para presentar a súa solicitude, a cal deberá ter carácter individual.

4. O concurso que se convoque para a adxudicación de oficinas de farmacia será único. Enténdese que cada persoa que presente unha solicitude para participar nel o fai en relación coa totalidade das farmacias incluídas na convocatoria, exceptuándose as persoas participantes que teñan a condición de titulares ou cotitulares de oficinas de farmacia, que non poderán ser adxudicatarios/as dunha nova oficina de farmacia na mesma zona farmacéutica en que estea instalada a súa, de conformidade co disposto no artigo 19.5 da Lei 5/1999, do 21 de maio.

5. Así mesmo, non poderán participar no concurso os/as farmacéuticos/as que estean inhabilitados/das ou incapacitados/das para o exercicio da profesión por sentenza xudicial firme penal ou civil, nin tampouco as persoas que o teñan prohibido en virtude do disposto no artigo 57.5 da Lei 5/1999, do 21 de maio.

6. As solicitudes deberán ir acompañadas, polo menos, das seguintes copias ou documentos, agás nos supostos previstos nos artigos 28 e 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Título de licenciado/a ou graduado/a en Farmacia.

c) Certificado de colexiación no correspondente colexio oficial de farmacéuticos ou compromiso formal de colexiarse unha vez obtida a adxudicación da oficina de farmacia.

d) Relación detallada dos méritos alegados e que sexan susceptibles de valoración consonte o sinalado no anexo.

e) Acreditación do pagamento da taxa correspondente.

7. As solicitudes, que irán dirixidas á persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 14.2, letras c) e d), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a presentación electrónica será obrigatoria para as persoas que se atopen colexiadas na data de presentación da solicitude, así como para as persoas representantes das anteriores. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas interesadas que non estean obrigadas á presentación electrónica, conforme o artigo 14.2, letras c) e d), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Por acordo da persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da comisión de valoración regulada no artigo 23 e logo de comprobación do cumprimento por parte das persoas aspirantes dos requisitos necesarios para poder participar no concurso, determinarase a lista provisional de solicitudes admitidas, así como das excluídas, con indicación das causas de exclusión.

O dito acordo, con inclusión da lista, farase público mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de sanidade.

9. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a publicación no Diario Oficial de Galicia, para formular as correspondentes reclamacións ou presentar, de ser o caso, a documentación para a emenda das solicitudes presentadas. Resoltas as reclamacións e examinada a documentación de emenda presentada, publicarase e anunciarase, na mesma forma establecida no número 8, a lista definitiva das persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución conterá tamén o requirimento ás persoas concursantes admitidas para a achega dos documentos acreditativos dos méritos indicados na relación presentada xunto coa súa solicitude, nun prazo máximo de 10 días, agás cando se trate de datos ou documentos elaborados ou en poder das administracións públicas, suposto en que será de aplicación o previsto no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro».

Tres. O artigo 23 queda redactado como segue:

«Artigo 23. Valoración de méritos

1. A valoración dos méritos das persoas concursantes realizaraa unha comisión de valoración que se constituirá para o efecto, en que participarán representantes da consellería competente en materia de sanidade, do Servizo Galego de Saúde e dos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, e que terá en conta o baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración recollido no anexo.

2. As persoas integrantes desta comisión serán designadas na resolución pola que se convoque o concurso».

Catro. O artigo 24 queda redactado como segue:

«Artigo 24. Lista provisional de puntuacións

1. Unha vez valorados os méritos, a comisión de valoración proporá á persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade a lista provisional de puntuacións, que recollerá a relación de persoas concursantes xunto coas puntuacións obtidas por cada unha delas.

2. Mediante resolución da persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade aprobarase a lista provisional de puntuacións, que conterá a relación de persoas concursantes coas puntuacións obtidas por cada unha delas, a cal se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de sanidade, co fin de que as persoas interesadas poidan formular reclamacións no prazo de 15 días contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Cinco. O artigo 25 queda redactado como segue:

«Artigo 25. Lista definitiva de puntuacións

1. Analizadas pola comisión de valoración as reclamacións que de ser o caso se formulasen, a persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería de sanidade ditará, por proposta da comisión de valoración, unha resolución pola que se aprobará a lista definitiva de puntuacións, que recollerá a relación de persoas concursantes coas súas respectivas puntuacións.

2. A dita resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de sanidade, indicará o lugar, a data e a hora en que se realizará o acto público de elección de oficinas de farmacia.

Seis. Engádese un artigo 25 bis, que queda redactado como segue:

«Artigo 25 bis. Acto público de elección de oficinas de farmacia

1. A elección de oficina de farmacia farase nun acto público, mediante chamamento individual das persoas concursantes segundo a orde obtida na lista definitiva de puntuacións, comezando coas de maior puntuación. As persoas concursantes poden asistir a este acto persoalmente ou mediante representante debidamente acreditado. A falta de asistencia da persoa interesada ou, de ser o caso, da persoa que exerza a súa representación, suporá o decaemento do dereito da persoa interesada á elección de oficina de farmacia e a súa exclusión do procedemento, o que será posto en coñecemento da persoa interesada mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de sanidade, consonte o disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. A realización do acto público de elección farase ante a comisión de valoración, que ao comezo do acto dará a coñecer a delimitación territorial das oficinas de farmacia obxecto de elección, que será a fixada na convocatoria do concurso.

3. A continuación farase o chamamento individual das persoas concursantes segundo a orde de puntuación establecida na lista definitiva de puntuacións. Así, a persoa concursante que obtivese a máis alta puntuación elixirá a oficina de farmacia que desexe de entre as incluídas na convocatoria. Formalizada a súa elección, procederase no mesmo acto e de igual modo coa persoa participante seguinte na lista definitiva de puntuacións e así sucesivamente. Cada persoa participante poderá optar á elección dunha das oficinas de farmacia incluídas na convocatoria que non fosen elixidas polas persoas participantes anteriores na lista. En todo caso, na elección deberá respectarse o disposto no artigo 19.5 da Lei 5/1999, do 21 de maio.

4. O acto finalizará cando estean elixidas todas as oficinas incluídas na convocatoria ou, na súa falta, unha vez realizado o chamamento de todas as persoas concursantes. Unha vez finalizado, redactarase unha acta en que se fará constar o resultado.

Sete. Engádese un artigo 25 ter, que queda redactado como segue:

«Artigo 25 ter. Adxudicación provisional, constitución de garantía e resolución do concurso

1. Unha vez finalizado o acto público de elección de oficinas de farmacia, e á vista do contido da acta, a secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade ditará a resolución de adxudicación provisional de novas oficinas de farmacia, na cal figurará a lista das persoas que resulten adxudicatarias provisionalmente, así como a delimitación territorial da oficina de farmacia elixida por cada unha delas, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de sanidade.

2. Co fin de garantir a viabilidade e a correcta tramitación do procedemento de apertura, os/as farmacéuticos/as que resulten adxudicatarios/as provisionais de oficinas de farmacia disporán dun prazo de 10 días, contados a partir do día seguinte ao de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación provisional, para acreditar documentalmente ter constituído garantía suficiente para cubrir o importe de 3.000 euros. A dita garantía poderá ser constituída:

a) Mediante depósito en metálico ante a Tesouraría Xeral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Mediante aval bancario solidario a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os/as adxudicatarios/as provisionais que non constitúan a garantía no prazo indicado quedarán excluídos/as do procedemento de adxudicación convocado, exclusión que lles será comunicada mediante notificación persoal. Neste caso, as ditas oficinas de farmacia pasarán a ser ofertadas de novo aos/ás concursantes seguintes segundo a orde que figure na lista definitiva de puntuacións, por única vez, para o cal se convocará, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de sanidade, un novo acto de elección que se desenvolverá conforme o disposto no artigo anterior.

4. A garantía será reintegrada ao/á titular da autorización, unha vez que se produza a apertura ao seu nome da nova farmacia. A desistencia ou renuncia inxustificada, a falta de designación ou apertura de local ou a acta desfavorable de apertura do local, unha vez transcorrido o prazo para a emenda dos defectos, implicarán a perda da garantía.

5. A comisión de valoración, unha vez transcorrido o prazo para a constitución da garantía e, de ser preciso, o segundo acto de elección, elaborará unha proposta que elevará á persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade, quen ditará resolución de adxudicación definitiva das novas oficinas de farmacias, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de sanidade. Esta resolución conterá as novas farmacias adxudicadas e as oficinas de farmacia incluídas na convocatoria pero non adxudicadas.

6. As oficinas de farmacia incluídas na convocatoria e non adxudicadas, así como as que pechen na Comunidade Autónoma de Galicia por teren obtido os/as seus/súas titulares unha nova autorización, serán tidas en conta na actualización do mapa farmacéutico e analizarase a pertinencia de seren incorporadas ao seguinte concurso».

Oito. Suprímese o artigo 27.

Nove. O artigo 28 queda redactado como segue:

«Artigo 28. Instalación de boticas anexas

No caso de que unha adxudicación recaia nun/nunha farmacéutico/a titular dunha oficina de farmacia que sexa única na súa zona, poderase autorizar, con carácter de urxencia a instalación dunha botica anexa temporal co fin de garantir a atención farmacéutica da zona, de acordo co previsto no artigo 26 da Lei 5/1999, do 21 de maio. Nestes casos, para o/a farmacéutico/a afectado/a non se iniciará o cómputo do prazo para a designación de local mentres non se efectúe a efectiva apertura da botica anexa».

Dez. O artigo 29 queda redactado como segue:

«Artigo 29. Designación de local

1. Resolto o concurso, requirirase a cada un dos farmacéuticos/as aos/ás cales se lles adxudicase por resolución firme en vía administrativa a autorización para unha nova oficina de farmacia, para que no prazo máximo de dous meses designen o local en que proxectan instalar a oficina de farmacia. Deberán remitir á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente á provincia en que se situará a oficina de farmacia a seguinte documentación, agás nos supostos previstos no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro:

a) Xustificación documental da dispoñibilidade xurídica do local.

b) Bosquexo que mostre a localización do local coas coordenadas de xeolocalización correspondentes, en que se indique a delimitación territorial ou parroquia, sinalando as rúas e vías estremeiras.

c) Certificación redactada por un técnico/a competente relativa ao local en que se pretende instalar a nova oficina, que se pronuncie sobre a adecuación do dito local ao disposto no artigo 16 da Lei 5/1999, do 21 de maio, en que se especifique o estado en que se atopa a construción do local designado, superficie útil dispoñible, distribución, plantas que ocupa e características para o seu acceso desde a vía pública, atendendo á normativa sobre accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas que lle sexan de aplicación. Así mesmo, especificará a situación e a distancia coas oficinas de farmacia máis próximas e cos centros sanitarios públicos.

d) Plano a escala 1:2000 do local proposto en relación co edificio de que forma parte.

e) Certificación do concello que acredite a delimitación territorial do local elixido.

f) Xustificante de ter aboado a taxa correspondente á autorización previa de instalación de oficina de farmacia.

2. No caso de que a documentación achegada non reúna os requisitos sinalados, requirirase a persoa adxudicataria para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte a documentación preceptiva, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desiste, logo de resolución que lle será notificada persoalmente.

Once. O artigo 30 queda redactado como segue:

«Artigo 30. Perda do dereito á adxudicación

1. A desistencia, a renuncia inxustificada, a falta de designación ou apertura de local ou a acta desfavorable de apertura, unha vez transcorrido o prazo para a emenda dos defectos, suporá a perda do dereito de adxudicación, así como da garantía constituída.

2. No caso de que a persoa adxudicataria designase un local que, por causa non imputable a ela, incumpra algún dos requisitos exixidos, concederáselle unha única prórroga de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación da dita circunstancia, para que designe un novo local e achegue a documentación prevista no artigo 29. Se non o fai ou o novo local tampouco cumpre os requisitos, perderá o dereito á adxudicación e á garantía constituída.

3. Estas oficinas de farmacia serán tidas en conta nunha nova actualización do mapa farmacéutico e analizarase a pertinencia de seren incorporadas ao seguinte concurso».

Doce. Os números 3 e 4 do artigo 31 quedan redactados como segue:

«3. Á vista do actuado, estenderase a correspondente acta de inspección que, de ser favorable, dará lugar, unha vez incorporada ao expediente, á autorización de funcionamento da nova oficina de farmacia expedida pola secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade. No caso de que a acta fose desfavorable, concederáselle á persoa interesada un prazo de dez días para que emende os defectos recollidos na acta.

4. Transcorrido o prazo de seis meses ou o da prórroga que, de ser o caso, se concederá de mediar xusta causa, sen realizarse a instalación da oficina de farmacia, e logo de audiencia da persoa interesada, a secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade revogará a autorización concedida con perda do dereito a esta, e producirase os efectos previstos nos números 1 e 3 do artigo 30».

Trece. O número 1 do artigo 55 queda redactado como segue:

«1. De conformidade co número 2 do artigo 23 da Lei 5/1999, do 21 de maio, a transmisión das oficinas de farmacia adxudicadas polo procedemento de concurso público só se poderá levar a cabo cando leven abertas ao público un mínimo de quince anos. Nos supostos de falecemento, declaración xudicial de ausencia ou incapacitación legal do/a farmacéutico/a titular ou dun/dunha dos/as titulares, abondará con que a oficina estea aberta ao público na data en que terán lugar estas circunstancias.

No caso de se producir a xubilación voluntaria da persoa titular antes do esgotamento dos quince anos previstos, esta deberá solicitar a designación dun rexente ata completar o período mínimo previsto para a transmisión, en cumprimento do disposto no número 4 do artigo 12 da citada lei.

Catorce. Modifícase o anexo, que queda redactado nos termos que figuran no anexo do presente decreto.

Disposición transitoria única. Réxime de transmisión de oficinas de farmacia

De conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o réxime de transmisión de oficinas de farmacia previsto na redacción do número 2 do artigo 23 da Lei 5/1999, do 21 de maio, que se reproduce na nova redacción dada polo presente decreto ao número 1 do artigo 55 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, será de aplicación ás novas oficinas de farmacia adxudicadas nos concursos públicos convocados con posterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2017, do 26 de decembro. As oficinas de farmacia adxudicadas con anterioridade quedan sometidas ao réxime de transmisión que lles era aplicable antes da entrada en vigor da dita lei».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xuño de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración

Baremo específico de méritos para a adxudicación de novas
oficinas de farmacia e a súa acreditación

1. Méritos académicos.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos acreditados nesta epígrafe será de 15 puntos.

a) Estudos de licenciatura ou grao en Farmacia:

1º. Expediente académico:

– Plan antigo:

Por cada matrícula de honra: 6 puntos.

Por cada sobresaliente: 5 puntos.

Por cada notable: 3 puntos.

Por cada aprobado: 1 punto.

A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias do plan de estudos que son obxecto de valoración para os efectos deste concurso.

– Plan novo:

A puntuación correspondente aos estudos de cada aspirante obterase mediante a aplicación do seguinte algoritmo:

(1Ca + 3Cn + 5Cs + 6Cmh) / (Ca+Cn+Cs+Cmh)

As anotacións Ca, Cn, Cs e Cmh corresponden ao número total de créditos que na certificación académica estean adscritos a materias troncais e obrigatorias e nas cales, respectivamente, se obtiveron as cualificacións de aprobado, notable, sobresaliente e matrícula de honra. Neste cociente só serán tidas en conta as materias obxecto de valoración para os efectos deste concurso.

2º. Pola obtención do premio extraordinario de licenciatura ou grao: 1 punto.

b) Estudos de posgrao:

1º. Título de doutor/a en farmacia ou doutoramento en Ciencias da Saúde: 3 puntos.

2º. Pola acreditación de superación da totalidade do programa de cursos de doutoramento realizados ao abeiro da normativa reguladora anterior ao Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, polo que se regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudos postgraduados, ou por ter acadado o nivel de suficiencia investigadora regulada no Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, ou estar en posesión do diploma de estudos avanzados (DEA) obtido de acordo co disposto no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudos de postgrao, no caso de non ter obtido o título de doutor/a: 0,5 puntos.

3º. Título de máster universitario oficial, obtido ao abeiro do Real decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, polo que se regulan os estudos universitarios oficiais de posgrao ou do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, en materias relacionadas coas ciencias da saúde (ata un máximo de 3 puntos): 0,04 puntos/crédito ECTS.

4º. Título de Farmacéutico/a especialista conforme o Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada (ata un máximo de 2 puntos):

• 1 punto por cada especialidade.

c) Documentación acreditativa:

Con carácter xeral, os méritos académicos acreditaranse mediante copia auténtica do título expedido polo ministerio competente, ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinada, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e data en que se causaron. Tamén se terá por válida a acreditación do pagamento dos dereitos de expedición do título correspondente.

O expediente académico acreditarase mediante certificación académica persoal ou suplemento europeo ao título en que consten as puntuacións obtidas en todas as materias exixidas para a obtención do título alegado, con indicación expresa dos créditos correspondentes a cada unha das materias e do número total de créditos totais obtidos.

A acreditación do máster efectuarase mediante a presentación de copia auténtica do título ou certificación da universidade en que conste que o/a aspirante superou a formación conducente á obtención do referido título, a data de realización e o número de créditos ECTS ou horas asignados á dita actividade formativa.

No suposto de titulacións obtidas no extranxeiro, o aspirante deberá presentar a documentación relativa ao recoñecemento ou homologación das titulacións alegadas nos termos previstos na normativa aplicable.

Deberá presentarse copia traducida por un tradutor/a xurado/a daqueles títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español. Tamén terán validez todas aquelas traducións incluídas nos supostos recollidos na disposición adicional décimo sexta da Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado.

2. Experiencia profesional.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos acreditados nesta epígrafe será de 60 puntos.

a) Exercicio profesional en oficina de farmacia ou botica anexa, como farmacéutico/a con nomeamento en calidade de titular, cotitular, rexente, substituto/a ou adxunto/a:

Por cada mes de servizos prestados: 0,35 puntos.

b) Exercicio profesional como farmacéutico/a de Atención Primaria en institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde, ou como farmacéutico/a especialista en farmacia hospitalaria en institucións sanitarias de asistencia especializada (tanto públicas como privadas):

Por cada mes de servizos prestados: 0,175 puntos.

c) Exercicio profesional como farmacéutico/a nos servizos de Inspección Farmacéutica ou en postos da Administración pública desenvolvendo funcións relacionadas directamente cos medicamentos e/ou establecementos farmacéuticos:

Por cada mes de servizos prestados: 0,175 puntos.

d) Exercicio profesional como farmacéutico/a nos centros de información de medicamentos:

Por cada mes de servizos prestados: 0,175 puntos.

e) Exercicio profesional como farmacéutico/a responsable de servizos farmacéuticos de centros de atención a drogodependentes, entidades prestadoras de servizos sociais, e centros psiquiátricos ou penitenciarios:

Por cada mes de servizos prestados: 0,13 puntos.

f) Exercicio profesional como director/a técnico/a farmacéutico/a, adxunto/a ou substituto/a de centros de distribución de medicamentos e produtos sanitarios:

Por cada mes de servizos prestados: 0,13 puntos.

g) Exercicio profesional como farmacéutico/a noutras modalidades profesionais non recollidas nas alíneas anteriores que estean relacionadas coa produción, conservación e dispensa de medicamentos e produtos sanitarios, así como a realización de actividades de colaboración en procesos analíticos, farmacoterapéuticos e de vixilancia da saúde pública (farmacéutico/a responsable dun servizo farmacéutico de comercial retallista ou entidade gandeira autorizada para a dispensación de medicamentos veterinarios, exercicio en análises clínicas, radiofarmacia, laboratorios farmacéuticos ou farmacéuticos/as inspectores de saúde pública, entre outros).

Por cada mes de servizos prestados: 0,13 puntos.

h) Exercicio como docente:

1º. Polo exercicio como farmacéutico/a docente en centros dependentes da universidade, en materias relacionadas cos medicamentos e/ou produtos sanitarios:

0,4 puntos por curso académico.

2º. Polo exercicio como farmacéutico/a docente noutros centros de ensino, en materias relacionadas cos medicamentos e/ou produtos sanitarios.

0,1 puntos por curso académico.

3º. Polo exercicio como titor/a de prácticas tuteladas externas en oficinas de farmacia ou servizos de Farmacia Hospitalaria, dirixidas á obtención do grao de Farmacia, nos últimos 10 anos:

0,1 puntos por convocatoria.

i) Documentación acreditativa:

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación dunha certificación da vida laboral completa expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, con indicación dos días de cotización tanto no réxime xeral de traballadores como no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos (tales como Muface, Isfas, Muxexu, etc...), presentarase certificación acreditativa emitida polo organismo correspondente. Unicamente nos casos de actividades profesionais nas cales non se impoña, ou non se impuxese no pasado aos/ás exercentes a inscrición no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, poderase acreditar o seu exercicio profesional mediante a presentación da licenza fiscal da actividade ou a documentación relativa ao imposto de actividades económicas, licenza municipal de apertura ou calquera outra proba documental de carácter oficial ou pública válida en dereito.

Ademais, deberá achegarse a seguinte documentación, segundo os casos:

1º. Experiencia profesional por conta allea no ámbito privado.

Cando se prestasen os servizos nunha oficina de farmacia ou botica anexa ou en centros de distribución de medicamentos e produtos sanitarios, presentarase certificado expedido pola autoridade competente, onde conste o período ou períodos de tempo en que o/a aspirante tivo o nomeamento de adxuntía, rexencia ou substitución, e o lugar en que o dito posto foi desenvolvido, xunto co réxime de xornada en cada caso (excepcionalmente, cando o/a interesado/a xunte certificado acreditativo da autoridade competente da non constancia destes datos, poderá substituírse por calquera outro documento que acredite de xeito fidedigno o dito exercicio profesional).

Nos restantes casos, acreditarase mediante a presentación de copia auténtica do contrato de traballo ou, de ser o caso, da documentación complementaria da empresa ou entidade privada, que acredite fidedignamente a denominación do posto e as funcións desempeñadas polo aspirante.

2º. Experiencia profesional como titular ou cotitular da oficina de farmacia, director/a técnico/a farmacéutico de centros de distribución de medicamentos e produtos sanitarios.

Neste caso, a experiencia acreditarase mediante a presentación dunha certificación expedida polo organismo público competente en materia de sanidade en que consten o período de tempo e o lugar do exercicio profesional do/a aspirante.

3º. Experiencia profesional en institucións públicas.

Deberá acreditarse mediante a presentación dunha certificación emitida polo órgano directivo competente en materia de recursos humanos do centro, ou órgano equivalente, en que deberá constar a seguinte información: categoría/especialidade, data de inicio de cada unha das vinculacións, total de días de vinculación e réxime de xornada (xornada completa ou a tempo parcial).

4º. Experiencia profesional no ámbito da Administración pública.

Neste suposto, a dita experiencia acreditarase mediante a presentación dunha certificación expedida polo órgano competente en materia de persoal en que se especifique a denominación do posto de traballo, a unidade ou servizo en que estea integrado, as funcións desempeñadas e o período de tempo durante o cal se desempeñaron.

No caso da acreditación da experiencia como farmacéutico/a docente, o/a aspirante acreditaraa mediante a presentación dunha certificación expedida pola universidade ou centro correspondente en que se indique claramente o tipo de relación laboral (laboral ou funcionarial), o título e o contido das materias impartidas, a duración ou carácter destas (anual, trimestral, cuadrimestral, etc...), e o período temporal lectivo en que se impartiron.

As titorías de prácticas tuteladas externas acreditaranse mediante a presentación dunha certificación expedida polo centro ou estrutura universitaria de Farmacia correspondente, onde se faga constar a condición de titor/a do/a aspirante, o número de alumnos/as para cada convocatoria e quenda, así como a identificación da oficina ou servizo de farmacia onde se desenvolveron as ditas prácticas.

Para o caso de acreditación da experiencia profesional en calquera das epígrafes mencionadas que tivese lugar fóra do Estado español, achegaranse as certificacións oficiais expedidas polos órganos competentes do país en cuestión, e que resulten análogas ás referidas nos parágrafos anteriores. No caso de que estivesen redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, estas certificacións deberán presentarse acompañadas das respectivas copias traducidas por un tradutor/a xurado/a. Terán tamén validez todas aquelas traducións incluídas nos supostos mencionados na disposición adicional décimo sexta da Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado.

3. Formación complementaria e outros méritos.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos acreditados nesta epígrafe será de 10 puntos.

a) Actividades formativas en calidade de discentes (formación recibida), realizadas durante os últimos 10 anos.

Só se valorarán diplomas ou certificados obtidos en actividades formativas acreditadas polos organismos competentes de acreditación da formación continuada, de acordo cos requisitos, co procedemento e cos criterios establecidos pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias:

1º. Relacionadas cos medicamentos ou establecementos farmacéuticos:

• 0,05 puntos por crédito CFC.

• 0,005 puntos por hora, no caso de estaren computados en horas.

2º. Relacionadas coa sanidade ou saúde pública:

• 0,025 puntos por crédito.

• 0,0025 puntos por hora, no caso de estaren computados en horas.

b) Títulos propios da universidade de cando menos 25 créditos, en materias relacionadas cos medicamentos ou establecementos farmacéuticos (ata un máximo de 2 puntos): 0,025 puntos/crédito ECTS.

c) Grao en Óptica e Optometría, e de Nutrición Humana e Dietética: 1,5 puntos por cada un (ata un máximo de 2 puntos).

d) Outros títulos ou diplomas oficiais en Óptica, Acústica e Audiometría, e Ortopedia: 0,75 puntos por cada un (ata un máximo de 1 punto).

e) Documentación acreditativa:

A acreditación dos méritos mencionados no número 3 efectuarase mediante a presentación de copia auténtica do diploma ou certificación expedida polo órgano competente das actividades formativas en que deberán constar, como mínimo, os seguintes datos: entidade organizadora da actividade, denominación completa desta, programa docente impartido, duración desta (créditos e/ou horas) e a acreditación polo Sistema de acreditación da formación continuada das profesións sanitarias.

A acreditación dos títulos propios da universidade efectuarase mediante a presentación de copia auténtica deste ou certificación da universidade en que conste que o/a aspirante superou a formación conducente á obtención do referido título, data de realización e número de créditos ECTS ou horas asignados á dita actividade formativa.

No caso dos distintos títulos ou diplomas oficiais mencionados nas letras c) e d) deste número, estes acreditaranse mediante a presentación de copia auténtica do título expedido pola universidade ou organismo correspondente, ou certificación expedida por este/a debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e da data en que se causaron. Tamén se terá por válida a acreditación do pagamento dos dereitos de expedición do título correspondente.

No suposto de titulacións obtidas no extranxeiro, o/a aspirante deberá presentar a documentación relativa ao recoñecemento ou homologación das titulacións alegadas nos termos previstos na normativa aplicable.

Deberá presentarse copia traducida por un tradutor/a xurado/a daqueles títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español. Tamén terán validez todas aquelas traducións incluídas nos supostos mencionados na disposición adicional décimo sexta da Lei 2/2014, do 25 de marzo.

4. Publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos acreditados nesta epígrafe será de 4 puntos. Valoraranse as publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde, e libros ou capítulos de libros, directamente relacionados co desempeño da prestación farmacéutica, adherencia terapéutica e, en xeral, coa atención farmacéutica en oficinas de farmacia, nos últimos 10 anos, conforme os seguintes criterios:

a) Publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde:

En revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde indexadas nas bases de datos do CSIC (IME, ICYT, ISOC), IBECS, MEDES, Pubmed, Web of Science (WOS), Embase, Scopus e PsycINFO:

– 0,30 puntos por cada publicación.

b) Libros ou capítulos de libros:

1º. Capítulo de libro: 0,10 puntos/capítulo (non se poderán valorar máis de tres capítulos dun mesmo libro).

2º. Libro completo: 0,30 puntos/libro.

c) Documentación acreditativa:

No que se refire á xustificación documental dos traballos publicados en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde, acreditarase tal mérito mediante a presentación dunha certificación ou copia impresa auténtica expedida pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivo de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu/súa autor/a e a data de publicación.

No caso daquelas revistas indexadas en Pubmed non será necesaria a súa acreditación documental. O/a aspirante fará constar, ademais do nome da revista, o título do traballo, o nome do/da seu/súa autor/a, a data de publicación e o número de identificación PMID correspondente.

No caso de libros ou capítulos de libros editados en papel, deberá xuntarse copia auténtica coas follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o/a autor/a, editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, lugar e ano de publicación e índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación estea avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

No caso de libros editados en formato electrónico, tal mérito será acreditado mediante a presentación dunha certificación ou copia impresa auténtica expedida pola editorial ou organismo público con competencias en materia de xestión e arquivo de publicacións, na cal se fará constar a súa autoría e os demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores/as, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

5. Coñecemento do idioma galego.

A puntuación máxima posible para cada aspirante nesta epígrafe será de 5 puntos.

Obterán esta puntuación aquelas persoas que acrediten posuír o certificado de coñecemento da lingua galega 4 (Celga 4) ou equivalente, nos termos e condicións previstos na Orde do 16 de xullo do 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

6. Discapacidade.

As discapacidades que non incapaciten para o exercicio profesional farmacéutico deberán ser acreditadas mediante a presentación de copia autentica da correspondente resolución administrativa de recoñecemento da discapacidade ditada polos órganos con competencias en materia de recoñecemento da discapacidade das distintas comunidades autónomas, en que consten expresamente o recoñecemento do grao de discapacidade e a porcetanxe desta.

As discapacidades valoraranse do seguinte modo, ata un máximo de 5 puntos:

a) Discapacidade cunha porcentaxe entre o 33 % e o 65 %: 2 puntos.

b) Discapacidade cunha porcentaxe superior ao 65 %: 5 puntos.

7. Fomento, mantemento e creación de emprego.

A contratación adicional de persoal para a oficina de farmacia que supoña un crecemento neto durante un período mínimo de 3 anos, nos 5 últimos anos e ata o día inmediatamente anterior á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia, para desenvolver as súas funcións a tempo completo, valorarase ata un máximo de 1 punto da seguinte maneira:

a) Farmacéutico/a adxunto: 0,5 puntos.

b) Técnico/a ou auxiliar de farmacia: 0,25 puntos.

c) Documentación acreditativa.

Esta contratación adicional acreditarase mediante a presentación dunha certificación expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou órgano correspondente, copia auténtica dos contratos de traballo formalizados ou calquera outra documentación que permita constatar o cumprimento efectivo das condicións reflectidas nesta epígrafe para a súa valoración.

Criterios sobre a valoración dos méritos

Co fin de efectuar as correspondentes valoracións dos méritos previstos, observaranse os seguintes criterios:

1. Criterios xerais de baremación.

a) Con carácter xeral, a data que se terá en conta para a valoración dos méritos alegados será o día inmediatamente anterior, incluído, á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo das limitacións temporais específicas recollidas no baremo que deban ser tidas en conta para determinados supostos.

b) Para a valoración específica do exercicio como titor/a de prácticas tuteladas das actividades formativas en calidade de discentes, e das publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde, de acordo co previsto nas correspondentes alíneas do baremo, teranse en conta os dez anos anteriores á data establecida no parágrafo anterior. Para o caso do punto 7 do baremo (fomento, mantemento e creación de emprego) teranse en conta os 5 anos anteriores a esta mesma data.

c) Aqueles méritos alegados que non se acrediten ou non cumpran as condicións establecidas non serán valorados.

d) Así mesmo, non serán valorados aqueles méritos de experiencia profesional e de formación continuada alegados e valorados no anterior concurso público desenvolvido na Comunidade Autónoma de Galicia, cando no dito concurso a persoa aspirante resultase adxudicataria dunha oficina de farmacia.

e) As puntuacións resultantes da aplicación do baremo en todas as alíneas ou subalíneas terán un máximo de dous decimais, con arredondamento da centésima por defecto ata 5, e por exceso a partir de 5.

f) De producirse igualdade de puntuación total ao aplicar o baremo entre dous/dúas ou máis aspirantes, aplicaranse as seguintes regras de desempate pola orde en que se enuncian:

1º. Farmacéuticos/as que nunca fosen titulares nin cotitulares dunha oficina de farmacia.

2º. Farmacéuticos/as que acrediten un maior tempo en exercicio profesional como titulares, cotitulares, rexentes, substitutos/as ou adxuntos/as en oficina de farmacia de zonas farmacéuticas rurais (concellos de poboación con menos de 10.000 habitantes).

3º. Farmacéuticos/as que obteñan a maior puntuación total no punto 2.a) do baremo (experiencia profesional en oficina de farmacia ou botica anexa).

4º. En caso de insuficiencia das regras anteriores, os desempates resolveranse atendendo á orde alfabética dos/das aspirantes empatados/as. Para estes efectos, sortearase mediante acto público a letra a partir da cal se iniciará a orde de prioridade dos/as aspirantes empatados/as, seguindo a orde alfabética do seu primeiro apelido, do segundo apelido e, se tamén coinciden, do nome.

2. Criterios relativos á valoración de méritos académicos.

a) Para a valoración do expediente académico correspondente aos estudos de licenciatura ou grao en Farmacia, utilizaranse as regras e fórmulas establecidas no número 1 do baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e a súa acreditación.

Tanto se o expediente do/a aspirante corresponde ao plan antigo como ao novo, valorarase consonte os seguintes criterios:

1º. Non se puntuará o sobresaliente cando se obtivese matrícula de honra.

2º. Non serán valoradas as materias ou os créditos correspondentes a materias optativas ou de libre elección/configuración. Do mesmo xeito, tampouco se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política, ética ou educación física.

3º. Nos casos de validación de materias ou créditos sen cualificación expresa, valoraranse como aprobados.

4º. A puntuación resultante expresarase cun máximo de dous decimais, de acordo cos criterios xerais de baremación que aparecen no número 1 deste anexo, relativo aos criterios xerais de baremación.

b) Baixo a denominación de premio extraordinario de licenciatura ou grao, inclúense só os outorgados polas universidades.

c) Só se terá en conta a puntuación da subalínea 1.b).2 no caso de que o aspirante non obtivese o título de doutor.

d) A valoración do máster universitario oficial mencionado na subalínea 1.b).3 do baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia farase de acordo co número de créditos ECTS asignados e que consten no título ou certificación correspondente. No caso de que a titulación sexa anterior ao actual Sistema de créditos establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o Sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, realizarase a equivalencia de 1 crédito ECTS por cada 25 horas para efectos do cálculo da puntuación correspondente a este mérito.

e) Só se terán en consideración para a valoración do título de Farmacéutico/a especialista as especialidades desenvolvidas polo sistema de residencia, conforme o recollido no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro.

3. Criterios relativos á experiencia profesional.

a) Para o cálculo das puntuacións en calquera das subalíneas a), b), c), d), e), f) e g) da epígrafe correspondente ao baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e a súa acreditación, o resultado de sumar todos os días correspondentes ás respectivas subalíneas dividirase entre 30 para calcular o número de meses, desprezándose os días sobrantes tras a operación anterior.

b) Nos supostos de desempeño de dúas actividades valorables como experiencia profesional simultaneamente no mesmo período de tempo, só se valorará a actividade a que corresponda a puntuación máis alta, coa excepción daqueles casos en que se incorrese nalgún dos supostos de incompatibilidade recollidos na normativa vixente. Non se considerarán méritos de experiencia profesional valorables os que correspondan ao período de tempo en que se incorrese na dita incompatibilidade.

c) Naqueles casos en que a contratación fose a xornada parcial, para o cálculo dos días cotizados terase en conta a porcentaxe de xornada que conste na certificación da vida laboral. No caso de simultanearse no tempo varios exercicios profesionais compatibles a xornada parcial, estes poderán sumarse tendo en conta a citada porcentaxe sen que en ningún caso poida resultar unha xornada acumulada superior á xornada completa.

d) Os períodos de formación conducentes á obtención do título de Farmacéutico/a especialista conforme o Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, non se terán en conta á hora de valorar a experiencia profesional.

e) Respecto á subalínea 2.c) da epígrafe correspondente ao baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e a súa acreditación, considérase como exercicio profesional na Administración pública, o desempeñado en calquera das organizacións públicas que realizan a función administrativa ou de xestión no sector público estatal e/ou autonómico.

f) A experiencia profesional como docente computarase por curso académico lectivo completo, independentemente do número de materias impartidas e da duración da materia (sexa trimestral, cuadrimestral, semestral ou anual). Enténdense por centros dependentes da universidade todos os centros ou estruturas que a integran, de acordo co disposto no artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, ben sexan de carácter público ben privado.

g) No caso da valoración das titorías de prácticas tuteladas externas, a puntuación concedida será por convocatoria anual. Ademais, se a titoría foi compartida por varias persoas dentro de cada oficina de farmacia ou Servizo de Farmacia Hospitalaria, a puntuación dividirase entre elas. No caso de que o período de prácticas tuteladas se realizase en distintos centros, a puntuación que se asigne será a proporcional ao tempo para o cal se acredite a titoría.

4. Criterios sobre a formación complementaria e outros méritos.

a) Só se valorarán os diplomas ou certificados obtidos en actividades formativas acreditadas polos organismos competentes de acreditación da formación continuada, de acordo cos requisitos, co procedemento e cos criterios establecidos pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias.

b) Só serán valoradas aquelas actividades formativas realizadas nos 10 anos anteriores, tendo en conta para fixar este período o día inmediatamente anterior, incluído, á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia.

c) Para a valoración desta subalínea consideraranse os seguintes criterios:

1º. Cursos relacionados con medicamentos ou establecementos farmacéuticos: terán tal consideración, para efectos do concurso, os relativos a oficinas de farmacia, farmacia hospitalaria, así como farmacoloxía, farmacovixilancia, lexislación farmacéutica, tecnoloxía farmacéutica e similares, aplicados a medicamentos, produtos sanitarios, cosméticos ou produtos de coidado persoal.

2º. Cursos relacionados coa sanidade ou saúde pública: terán tal consideración, para efectos do concurso, os relativos a bromatoloxía, nutrición, toxicoloxía non relacionada cos medicamentos, procesos patolóxicos, tabaquismo, microbioloxía, parasitoloxía, análises clínicas, ortopedia, óptica ou acústica.

As materias non incluídas nos dous números anteriores non serán obxecto de valoración. Non obstante, a comisión de valoración poderá valorar dentro dunha ou doutra subalínea, aqueles cursos relacionados con materias, aínda que non expresamente mencionadas, cando determine a súa inequívoca relación, e deixará constancia expresa no expediente da súa motivación.

d) Unha mesma actividade formativa non poderá ser obxecto de valoración en máis dunha das subalíneas e computarase da forma que resulte máis favorable ao/á aspirante.

e) Para o caso de acreditación de docencia por horas, realizarase a equivalencia de 1 crédito CFC por cada 10 horas de docencia, salvo que da documentación achegada ou da normativa reguladora da concreta docencia derive outra equivalencia entre horas e créditos, e terase en conta a correspondente a esa concreta docencia. No caso de que o certificado indique os créditos CFC e as horas de duración, a valoración realizarase sempre polos créditos CFC que figuren nel.

f) Os cursos que non indiquen o número de horas ou créditos non serán obxecto de valoración.

g) Non se valorarán os cursos realizados durante o período de especialización que estean incluídos no programa docente da especialidade correspondente.

h) Non serán valorados os cursos de prevención de riscos laborais, de informática, de xestión sanitaria, de bioestatística e de metodoloxía de investigación.

i) Non serán obxecto de valoración como actividades formativas os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios, obradoiros ou similares.

j) Só se valorarán ata un máximo de 2 puntos aqueles títulos propios da universidade (título de máster propio, diploma de especialización, título de experto certificados, diploma de extensión universitaria, certificados de extensión universitaria), sempre e cando estean acreditados cun mínimo de 25 créditos ECTS.

5. Criterios relativos ás publicacións en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde.

a) Serán obxecto de valoración as publicacións recollidas en revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde, e libros ou capítulos de libros, directamente relacionados co desempeño da prestación farmacéutica, adherencia terapéutica e, en xeral, coa atención farmacéutica en oficinas de farmacia.

b) Só serán valoradas aquelas publicacións e libros ou capítulos de libros publicados nos 10 anos anteriores, tendo en conta para fixar este período o día inmediatamente anterior, incluído, á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia.

c) As publicacións deben pertencer a revistas científicas ou especializadas en ciencias da saúde indexadas nas bases de datos do CSIC (IME, ICYT, ISOC), IBECS, MEDES, Pubmed, Web of Science (WOS), Embase, Scopus e PsycINFO. Non serán obxecto de valoración as publicacións realizadas en revistas non indexadas nas bases de datos referidas.

Outro tipo de publicacións como editoriais, cartas ou artigos de opinión, técnicas e procedementos non serán obxecto de valoración. Tampouco se valorarán as notas clínicas, resumos de comunicacións, pósteres e casos clínicos.

d) Só terán a consideración de libro aquelas publicacións cun mínimo de 49 páxinas, Para a súa valoración, a publicación debe estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

e) No caso de valoración de capítulos, non se poderán valorar máis de 3 capítulos dun mesmo libro. Os capítulos de libros en que participen catro ou máis autores/as non serán obxecto de valoración.

f) Non terán a consideración de libro, mesmo cando adopten esta forma de edición, as actas dos congresos.

g) Non serán obxecto de valoración os libros/capítulos editados como glosario, anuario, manuais de preparación para o acceso á formación sanitaria especializada e ao emprego público, cursos de formación continuada, protocolos de servizo, libros de casos clínicos, sesións interhospitalarias e demais que así aprecie a respectiva comisión de valoración, que deixará constancia motivada no expediente da causa da súa exclusión.

h) Non se lle asignará ningunha puntuación nesta epígrafe 5 á publicación da tese de doutoramento.

i) Non se valorarán as autoedicións e/ou autopublicacións, entendendo por tales aquelas publicacións financiadas ou promovidas por algún/algunha dos/as seus/súas autores/as ou nos cales figure/n como editor/a.

j) No suposto de libros de autoría colectiva, soamente será obxecto de valoración aquela publicación en que, coa documentación presentada polo/a aspirante, quede suficientemente acreditada a participación concreta nela. Enténdese por autoría colectiva aquela publicación en que interveñen un mínimo de catro autores/as.

k) Á hora de valorar tanto libros como revistas, empregaranse os seguintes criterios:

1º. En ningún caso un mesmo contido determinado e obxectivable publicado baixo diferentes formas e en diferentes publicacións poderá ser obxecto de máis dunha valoración. Valorarase a que resulte máis favorable para o/a aspirante.

2º. Non serán obxecto de valoración as publicacións de carácter divulgativo.

l) Para os efectos deste baremo, non terán a consideración de autor/a da publicación o/a coordinador/a, director/a e outros/as colaboradores.

6. Coñecemento do idioma galego.

Outorgarase a puntuación máxima prevista para esta epígrafe a aqueles/as aspirantes que acrediten o coñecemento do idioma galego conforme a documentación acreditativa descrita no número 5 da epígrafe correspondente ao baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e a súa acreditación.

7. Discapacidade.

Outorgarase a puntuación correspondente de acordo coa cualificación do grao de discapacidade que se reflicta na correspondente resolución administrativa acreditativa do recoñecemento da discapacidade.

8. Fomento, mantemento e creación de emprego.

a) De acordo coa documentación acreditativa presentada polo/a aspirante, outorgarase a puntuación correspondente a cada epígrafe sempre e cando quede perfectamente acreditada a contratación adicional dun/dunha farmacéutico/a adxunto/a e/ou técnico/a ou auxiliar de farmacia nos últimos 5 anos, tendo en conta para establecer esta data o día inmediatamente anterior, incluído, á data de publicación da convocatoria do concurso no Diario Oficial de Galicia.

b) Para a cálculo e a comprobación do cumprimento desta condición teranse en conta as persoas contratadas e o número de días en que estiveron contratadas, así como o tipo de xornada laboral. Terase en conta a porcentaxe de xornada no caso de que o contrato fose a tempo parcial.