Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 19 de xuño de 2018 Páx. 29698

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de febreiro de 2017, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Chan do Eixo como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 23 de febreiro de 2017, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque eólico Chan do Eixo. Covelo e A Cañiza (Pontevedra), promovido por Parque Eólico Chan do Eixo, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Covelo e da Cañiza queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Chan do Eixo.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente.

O plan dos municipios afectados é o seguinte:

• O Concello de Covelo conta cun plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 19 de maio de 1999, no cal os terreos afectados pola infraestrutura do parque están clasificados como solo rústico común. Trátase dun PXOM non adaptado á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), polo que, en aplicación da súa disposición transitoria primeira, lle corresponde o réxime de solo rústico de especial protección de patrimonio cultural.

• O Concello da Cañiza réxese polo Plan xeral de ordenación municipal, aprobado definitivamente o 27 de xuño de 2003, no cal, aos terreos directamente vinculados co parque eólico, lles corresponde a clasificación de solo rústico de protección forestal. Trátase dun PXOM non adaptado á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), polo que, en aplicación da súa disposición transitoria primeira, lle corresponde o réxime de solo rústico de especial protección forestal.

A delimitación da poligonal de afección do parque eólico afecta as seguintes cualificacións urbanísticas do solo en cada un dos municipios:

• Covelo, afecta solo rústico común, solo rústico de especial conservación e protección de parques forestais, zonas agrestes e de potencionalidade agrícola e solo de núcleos rurais.

• A Cañiza, afecta solo rústico de protección forestal e solo rústico de protección de augas.

Terreos vinculados directamente ás instalacións propias do parque eólico, resultantes dos ocupados materialmente pola instalación de aeroxeradores, edificio de control, subestación, liña eléctrica de evacuación, redes de condución eléctrica subterráneas e novos accesos viarios exteriores e/ou de servizos, así como as servidumes vinculadas a cada unha delas, e que serán delimitadas en función das obras que se van realizar e instalacións precisas para o adecuado funcionamento do parque eólico, tal como se define a seguir (segundo o número 3.2.2 da modificación do Plan sectorial eólico de Galicia):

• Aeroxeradores: 200 m, distancia a partir da cal o ruído producido por un aeroxerador se confunde co do vento.

• Edificio de control e subestación: 10 m.

• Edificacións secundarias: 5 m.

• Redes de condución eléctrica subterráneas: 3 m a cada lado do eixo da rede, que se poden eliminar nas marxes que discorren paralelas a camiños de servizo.

• Novos accesos viarios exteriores e/ou de servizos: superficie ocupada materialmente por estes e as súas servidumes necesarias.

Os terreos vinculados ás instalacións do parque e as súas servidumes asociadas representan a área de incidencia urbanística propiamente dita.

2. Regulación detallada do uso pormenorizado.

Dada a discrepancia co plan urbanístico dos terreos vinculados directamente coas instalacións propias do parque eólico, resulta necesario adecuar a normativa urbanística para viabilizar a implantación das instalacións referidas, coa adecuada clasificación e cualificación dos terreos de incidencia urbanística que, de acordo co establecido nos artigos 32.2.c), 33.2.f), 34 e 38 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a súa modificación, será a de solo rústico de especial protección de infraestruturas.

Esta nova clasificación deberá superpoñerse á prevista polo vixente plan urbanístico, de acordo co artigo 32.3 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), e aplicarase de modo complementario.

2.1. Ámbito.

Comprende esta cualificación de solo a zona grafada nos planos destinada ás instalacións de infraestruturas propiamente ditas, incluídos os camiños de servizo e gabias, cunha franxa lateral mínima de 3 m a cada lado do eixe.

2.2. Condicións de uso e licenzas.

Para poderse implantar nesta categoría de solo, o citado uso destinado á instalación de infraestruturas enerxéticas deberá contar coa correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

Segundo o previsto no número 3 do artigo 14 do Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia, no proxecto técnico de execución das obras do parque eólico deberase incluír unha memoria urbanística como documento específico e independente en que se indicará a finalidade e uso da actuación proxectada, razoando a súa adecuación á ordenación vixente, consecuencia da aprobación do proxecto sectorial, que o clasifica e cualifica de solo rústico de especial protección de infraestruturas.

A separata da memoria urbanística acompañarase dun plano de situación a escala 1/5000 e demais información gráfica que sexa precisa para indicar a clasificación e cualificación do solo obxecto da actuación e da normativa e ordenanza aplicables.

2.3. Condicións de edificación.

Dadas as especiais exixencias de superficie e características deste tipo de instalacións, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura, de acordo co xustificado na presente memoria.

A edificación propiamente dita será exclusivamente a dedicada ao centro de control-oficinas-talleres e, se for o caso, casetas colectoras ou centros de transformación.

Permítense como máximo dúas plantas, sen excederen as superficies pechadas unha ocupación en planta de 1.000 m2.

En canto ao aeroxerador proposto, considérase que non consome edificabilidade e, dada a súa peculiaridade, non se redactan condicións de edificación para el, aínda que a súa instalación se axustará ao establecido na declaración de impacto ambiental que se formule, se for o caso.

2.4. Condicións estéticas.

De acordo co establecido no proxecto, os materiais serán:

• Cuberta: tella árabe.

• Paramentos: revestimentos de pedra de musgo ou país.

• Carpintaría: aluminio lacado en cor ou tipo inox.

2.5. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa os servizos de:

• Acceso rodado.

• Abastecemento de auga.

• Saneamento e depuración.

• Enerxía eléctrica.

Así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

2.6. Usos compatibles.

Por non afectaren as condicións de explotación do recurso eólico, considéranse compatibles dentro do ámbito clasificado e cualificado como solo rústico de infraestruturas os usos seguintes:

• Actividades e usos non construtivos previstos no artigo 33.1 da Lei 9/2002, e a súa modificación, alíneas b) e c).

2.7. Servidumes.

• Aeroxeradores: 200 m.

• Edificio de control e subestación: 10 m.

• Redes de condución: 3 m a cada lado do eixo da rede, que se poden eliminar nas marxes que discorren paralelas a camiños de servizo. A menor distancia, resulta incompatible calquera tipo de edificación.

• Accesos e vías: superficie ocupada materialmente por eles, máis as súas servidumes necesarias.

3. Eficacia.

As determinacións contidas no presente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

Os concellos en que se asenten as infraestruturas enerxéticas obxecto do proxecto sectorial deberán adaptar o seu plan urbanístico ao contido nel nos prazos seguintes:

a) A Cañiza e Covelo:

• Primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que, obviamente, pode ser expresamente para esta adecuación.

• Revisión do plan urbanístico municipal vixente.

• Adaptación do plan á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a súa modificación pola Lei 2/2010.

4. Non necesidade de autorización autonómica previa.

De acordo co sinalado no artigo 34.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a súa modificación pola Lei 2/2010 non necesitarán autorización autonómica previa as infraestruturas e instalacións previstas no presente proxecto sectorial, unha vez que se aprobe definitivamente, ao amparo da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.