Con data do 3 de maio de 2018, o Concello de Barbadás solicitou á Dirección Xeral de Administración Local a clasificación da praza de tesoureiro/a como posto reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.
Este posto de tesouraría é un posto para o desempeño das funcións propias de tesouraría de acordo co establecido no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, aberto á subescala de intervención-tesouraría e co complemento de destino 28.
O artigo 14 do citado Real decreto 128/2018 establece que nas corporacións locais cuxa secretaría estea clasificada en segunda clase existirá un posto de tesouraría reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional da subescala de intervención-tesouraría.
O expediente tramitado polo Concello é conforme o disposto no artigo 14 do citado Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos/as funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, e no artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, e reúne os requisitos para a súa tramitación de conformidade co informe emitido o 16 de maio de 2018 pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local.
Polo exposto, e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 20 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,
RESOLVO:
Clasificar o posto de tesouraría do Concello de Barbadás (Ourense) como posto reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de intervención-tesourería; como sistema de provisión do posto quedará determinado o de concurso de méritos.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2018
Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local