Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 12 de xuño de 2018 Páx. 28838

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución, e a súa addenda, da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Silleda (Pontevedra), promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/23-0).

Logo de examinar o expediente instruído por petición da empresa Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente Nedgia Galicia, S.A.), con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 18.7.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no térrmino municipal de Silleda, na provincia de Pontevedra (expediente IN627A 2014/74-0); que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 30 de setiembre de 2016 e no Boletín Oficial da Provincia do 3 de outubro.

Segundo. O 20.10.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano, S.A. tiña en nove núcleos de poboación da provincia de Pontevedra, entre os cales se encontra Silleda, a favor de Gas Natural Redes GLP, S.A. coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

Terceiro. O 21.7.2017 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación de execución do proxecto para a planta satélite de almacenamento e regasificación de Gas Natural Licuado (GNL) para a subministración ao termo municipal de Silleda (Pontevedra), que ten por obxecto procurar a subministración de gas natural á rede de gas canalizado de Silleda, unha vez que sexa transformada para a distribución de gas natural (esta transformación será obxecto doutro proxecto).

Neste proxecto prevese a instalación da planta de GNL na parcela onde actualmente se encontra instalada a planta de GLP, que é diferente á parcela prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa.

Esta solicitude acompañouse do correspondente proxecto de execución titulado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Silleda (Pontevedra), asinado polo enxeñeiro industrial José Luís Sousa López (colexiado nº 489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COIIG) e as características básicas das instalacións son as seguintes:

• A planta de GNL instalarase nas parcelas de referencias catastrais 36052A049005440000KS e 36052A049010120001LZ, situadas no polígono empresarial de Trasfontao, onde actualmente está instalada a planta de GLP (cuxo desmantelamento será obxecto doutro proxecto, o de transformación da rede de GLP), e estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; e módulos auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 50 m3 (1 depósito horizontal), unha capacidade de regasificación de 1.500 m3(n)/h e unha presión de subministración de gas natural de 3,5 bar.

• A extensión da rede ten o seu inicio na válvula de saída da planta de GNL desde onde se desenvolverá ata conectar coa rede de distribución de GLP existente actualmente no núcleo urbano de Silleda. A súa lonxitude será de 30 m, realizarase en tubaxe de polietileno de alta densidade PE-100 e SDR 17,6/SDR 17 en diámetro de 110 mm e dimensionarse para unha presión máxima de operación de 3,5 bar.

Este proxecto de execución, tramitado baixo o número de expediente IN627A 2017/23-0, someteuse non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa porque a infraestrutura gasista difire da contida no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a Gas Galicia SDG, S.A. para a distribución de gas natural no termo municipal de Silleda.

Cuarto. O 11.8.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración ao termo municipal de Silleda (expediente IN627A 2017/23-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia de 23/10/2017, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 7 de novembro de 2017 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 6 de outubro, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Silleda desde o 25 de agosto ata o 25 de setembro.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Quinto. O 23.8.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministro a Silleda (Pontevedra) presentado por Gas Galicia SDG, S.A. ao Concello de Silleda, Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica de España, S.A., pola súa condición de entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mencionada instalación e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

O Concello de Silleda, Unión Fenosa Distribución, S.A. e Telefónica España, S.A. non contestaron a petición de informe nin a súa reiteración e en consecuencia enténderase a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 80 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; todo isto, sen prexuízo da autorización que, se for o caso, lles corresponda outorgar.

Sexto. O 17.1.2018 Gas Galicia SDG, S.A. presentou unha adenda ao citado proxecto, no cal se recolle a modificación do deseño da planta de GNL para adaptala ás novas especificacións internas do grupo Gas Natural PE.05186.GN-DG (Deseño e construción de plantas GNL).

Sétimo. O 30.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou a separata técnica da adenda ao proxecto de Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Silleda (Pontevedra) presentado por Gas Galicia SDG, S.A. ao Concello de Silleda.

O Concello de Silleda non contestou a petición de informe nin a súa reiteración, e en consecuencia enténdese a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 80 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; todo isto, sen prexuízo da autorización que, se for o caso, lles corresponda outorgar.

Oitavo. O 21.2.2018 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, Xefatura Territorial) emitiu informe sobre o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural e planta satélite de almacenamento e regasificación (GNL) de Silleda, no cal se fai constar que emite informe favorable ao proxecto e á súa addenda e considera que non existen inconvenientes para a súa autorización.

Noveno. O 30.1.2018 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas o cambio de denominación social a Nedgia Galicia, S.A.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

• Outorgar a Nedgia Galicia, S.A. a autorización administrativa para a instalación da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministro no termo municipal de Silleda (Pontevedra).

• Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A., titulado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Silleda (Pontevedra) xullo 2017, e a súa addenda de outubro de 2017, asinado polo enxeñeiro industrial José Luís Sousa López (colexiado nº 489 del Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COIIG), con referencia do proxecto GDO415161000054603 e da addenda GDO415161000055704; e na cal figura un orzamento de 190.170,61 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os desenvolven, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, comunicando á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Una vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila despois das comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización se outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condiciones estipuladas, pola entrega de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas