Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 29 de maio de 2018 Páx. 26290

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de maio de 2018 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, con domicilio na rúa San Pedro de Mezonzo, 39-41, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. María Esperanza Lavilla Rubira, presidenta do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia constituíuse en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 8 de novembro de 2017, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez co número de protocolo 2925, pola Asociación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, representada en este acto por María Esperanza Lavilla Rubira.

3. Segundo consta no artigo 5 dos estatutos, son fins da Fundación:

• Fomentar a promoción, desenvolvemento e divulgación da integridade e contido da especialidade en ciencias da saúde de hematoloxía e hemoterapia nos seus aspectos médicos, científicos, organizativos, asistenciais, docentes e de investigación.

• Fomentar o desenvolvemento da actividade de investigación científica e tecnolóxica no seo da sociedade.

• Crear un marco adecuado de experiencias entre especialistas en hematoloxía e hemoterapia.

• Impulsar o desenvolvemento de proxectos cooperativos entre os membros da especialidade en hematoloxía e hemoterapia.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María Esperanza Lavilla Rubira como presidenta, María del Carmen Albo López como vicepresidenta, José Ángel Díaz Arias como secretario, Cándido Andión Núñez como tesoureiro, e por Manuel Mateo Pérez Encinas e Jesús Antonio Arias Sampedro como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese sanitario, da Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 15 de maio de 2018.

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza