Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2018 Páx. 26179

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 14 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 399970.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Segundo. Finalidade

A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, que se atopen en fase inicial de desenvolvemento e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2018 e 2019, nas modalidades seguintes:

a) Desenvolvemento de proxectos de ficción para cine e televisión (longametraxes, series e miniseries).

b) Desenvolvemento de proxectos de animación (longametraxes cinematográficas e series de animación para TV).

c) Desenvolvemento de proxectos de documental para cine e televisión.

d) Desenvolvemento de proxectos de pilotos de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 14 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

O importe máximo da subvención concedida pola Agadic non poderá superar o 75 % do importe subvencionable.

En todo caso, as cantidades máximas que se poderán conceder segundo o tipo de proxecto son as seguintes:

Longametraxe cinematográfica de ficción/serie ou miniserie de ficción para TV: 20.000 €.

Longametraxe cinematográfica de animación/serie de animación: 20.000 €.

Longametraxe de ficción para TV/longametraxe cinematográfica documental/longametraxe documental para TV/piloto de programa para TV: 10.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2018

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais