Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2018 Páx. 24268

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 2 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 397722.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas neste programa as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) na data de publicación da presente convocatoria, que establezan accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coa área de actuación recollida no RUEPSS, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta convocatoria ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación durante sete meses de persoas mozas incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 2 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dous millóns cincocentos doce mil seiscentos vinte oito euros (2.512.628,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria