Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 11 de maio de 2018 Páx. 23952

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 23 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a participación pública o documento preliminar do Plan de conservación do monumento natural da serra de Pena Corneira, nos concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión.

A serra de Pena Corneira declarouse monumento natural mediante o Decreto 264/2007, do 20 de decembro.

Este espazo está situado dentro da comarca do Ribeiro, na provincia de Ourense. Constitúe unha prolongación ao nordés da serra do Suído e ten unha superficie aproximada de 988 hectáreas, entre as bacías dos ríos Avia e Miño.

O artigo 31 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, enumera os distintos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e establece que ás categorías de protección distintas dos parques naturais ou das reservas naturais correspóndelles, polo menos, a aprobación dun plan de conservación.

Ademais, o artigo 37 da devandita lei indica que os plans de conservación establecerán os réximes de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo. O seu contido mínimo vén citado no seu artigo 38.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento preliminar do Plan de conservación durante un prazo de 20 días hábiles, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto: PC Serra de Pena Corneira.

Segundo. Durante o citado prazo o documento poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Ourense.

– Na sección de conservación da natureza da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion, entrando na subsección de documentos en información pública.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2018

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural