A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación do sistema integrado de formación profesional, cualificacións e acreditación que responda ás demandas sociais, con eficacia e transparencia, a través das diferentes modalidades formativas.
Esta lei, no punto 5 do seu artigo 11, establece que a dirección dos centros integrados de formación profesional de titularidade das administracións educativas será nomeada pola Administración competente, mediante o procedemento de libre designación, entre funcionarios públicos docentes, consonte os principios de mérito, capacidade e publicidade, unha vez consultados os órganos colexiados do centro.
O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13.1 que a dirección dos centros integrados de titularidade pública será provista polo procedemento de libre designación. No caso dos centros integrados de titularidade da Administración educativa, o nomeamento efectuarase entre funcionarios e funcionarias docentes, consonte os principios de mérito, capacidade e publicidade, logo do informe dos órganos colexiados do centro.
O Decreto 77/2011, do 7 de abril, polo que se establece o Regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establece no seu artigo 8 que a dirección dos centros integrados de formación profesional de titularidade pública será provista polo procedemento de libre designación entre o persoal funcionario docente. No procedemento para o nomeamento da dirección rexerán os principios de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade. En todo caso, o procedemento resolverase logo do informe non vinculante dos órganos colexiados.
Pola súa banda, a Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regulan a organización e o funcionamento do Consello Social dos centros integrados de formación profesional de Galicia, no seu artigo 1 define o Consello Social dos centros integrados de formación profesional de Galicia como o órgano de participación que impulsa a colaboración entre a sociedade galega e estes centros mediante a determinación das necesidades do seu contorno, coa finalidade de contribuír eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, á mellora da calidade do servizo público da formación profesional e á obtención dos recursos precisos para procurar a súa suficiencia económica e financeira.
A mesma norma define no seu artigo 2 as funcións do órgano e inclúe na súa letra e) a de emitir informe das candidaturas con carácter previo ao nomeamento do director ou da directora do centro.
Así mesmo, o Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regulan a selección, o nomeamento e o cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 3.3 establece que o nomeamento da dirección dos centros integrados de formación profesional se axustará ao establecido no artigo 11.5 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.
A disposición adicional segunda da Orde do 29 de xullo de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 77/2011, do 7 de abril, polo que se establece o Regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establece a delegación, na persoa responsable da dirección xeral competente en materia de formación profesional, do nomeamento das persoas responsables da dirección dos centros integrados de formación profesional.
Ao existir centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en que a dirección remata o mandato o 30 de xuño de 2018, e de acordo co que antecede, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1. Obxecto
Anunciar a convocatoria para nomear, polo sistema de libre designación, a dirección dos centros públicos integrados de formación profesional pertencentes á Rede de centros integrados de formación profesional que se relacionan no anexo I.
Artigo 2. Requisitos dos candidatos
Para participar nesta convocatoria deberán reunirse os seguintes requisitos:
a) Ser funcionaria ou funcionario de carreira dun corpo docente a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
b) Estar en situación de servizo activo.
c) Ter unha antigüidade de, polo menos, tres anos como funcionaria ou funcionario de carreira na función pública docente.
Artigo 3. Solicitudes
A solicitude de participación nesta convocatoria dirixirase á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e presentarase no Rexistro Único da Xunta de Galicia, nos seus departamentos territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe como anexo II.
No caso de que se opte por presentar a solicitude ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de ser certificada.
Artigo 4. Documentación
Os aspirantes deberán xuntar á petición o curriculum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que aleguen.
Non terán que presentarse aqueles documentos xustificativos de méritos alegados e xa achegados polos concursantes para completar o seu expediente persoal na aplicación informática a través do enderezo www.edu.xunta.es/datospersoais
Aqueles méritos alegados e non xustificados documentalmente non serán tidos en conta.
Artigo 5. Nomeamento
1. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderán declararse desertas as direccións, de considerarse oportuno.
2. O Consello Social dos centros integrados de formación profesional de Galicia e o claustro de profesorado emitirán informe sobre as candidaturas que se presenten, no prazo dos dez (10) días hábiles seguintes ao remate do prazo de solicitudes establecido na epígrafe terceira desta orde.
3. A non emisión do informe referido no punto anterior non impedirá a resolución do procedemento.
4. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nomeará directores ou directoras aqueles candidatos seleccionados na resolución desta convocatoria.
Artigo 6. Recursos
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional única
Resulta de aplicación ás persoas directoras dos centros integrados de formación profesional o Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico de dirección de centros escolares públicos.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2018
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO I
Relación de centros integrados de formación profesional
Provincia |
Concello |
Código do centro |
Centros integrados de formación profesional |
A Coruña |
A Coruña |
15024513 |
CIFP Someso |
A Coruña |
A Coruña |
15027800 |
CIFP Imaxe e Son |
Lugo |
Lugo |
27006528 |
CIFP As Mercedes |
Lugo |
Ribadeo |
27020793 |
CIFP Porta da Auga |
Ourense |
Ourense |
32015050 |
CIFP A Farixa |
Pontevedra |
Vigo |
36013448 |
CIFP Manuel Antonio |
Pontevedra |
Vigo |
36014568 |
CIFP Valentín Paz Andrade |
ANEXO II
Solicitude de participación na convocatoria de libre designación para a selección
e nomeamento da dirección de centros integrados de formación profesional
na Comunidade Autónoma de Galicia
1. Datos persoais.
Primeiro apelido |
Segundo apelido |
Nome |
|
DNI |
Enderezo (rúa,....... número, piso) |
||
Localidade |
Código postal |
Concello |
Provincia |
Teléfono |
Teléfono móbil |
Correo electrónico |
|
2. Datos do destino.
Destino definitivo
Centro de destino definitivo |
Corpo/escala a que pertence |
Especialidade |
Destino provisional
Centro de destino provisional |
Corpo/escala a que pertence |
Especialidade |
3. Centros integrados de formación profesional que solicita por orde de preferencia.
Orde |
Código |
Centro |
Concello |
Provincia |
Quen asina solicita ser admitido/a na convocatoria de libre designación para a selección e o nomeamento da dirección dos centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e DECLARA que son certos os datos consignados e que reúne as condicións exixidas.
…………………………………....., ... de………………... de 20...
Sinatura do solicitante
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa