Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 7 de maio de 2018 Páx. 23484

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2018 pola que se convoca a provisión do posto de coordinador/a do Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais.

En virtude da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, e do seu estatuto, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, esta axencia

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto de coordinador/a do Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais, a que lle corresponden as funcións atribuídas polo Estatuto da Agadic, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá este proceso selectivo, que se engade como anexo I desta resolución.

Terceiro. Contra a presente resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, ou poderá impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2018

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases polas que se regula a convocatoria para a selección do/a candidato/a para a cobertura do posto de coordinador/a do Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais da Agadic

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece, na súa disposición transitoria quinta, que mentres non se regule o réxime do persoal directivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, as axencias públicas autonómicas e os consorcios poden prover os postos que consonte as súas relacións de postos de traballo ou cadros de persoal correspondan ao persoal directivo, entre persoal funcionario ou mediante contratos de alta dirección nos termos sinalados no artigo 13 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

O Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TRLEBEP), sinala que é persoal directivo o que desenvolve funcións profesionais directivas nas administracións públicas definidas como tales nas normas específicas de cada Administración, e indica que, cando o persoal directivo reúna a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección.

Pola súa banda, o artigo 33 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (LEPG), determina que teñen a condición de persoal directivo as persoas que desenvolven funcións directivas profesionais nas administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación da citada lei. O artigo 34 da mesma norma di que a adquisición da condición de persoal directivo se baseará nos principios de mérito e capacidade e en criterios de idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e concorrencia entre o persoal funcionario de carreira e o persoal laboral fixo ao servizo das administracións publicas. O parágrafo 3 indica que a provisión dos postos directivos se levará a cabo por procedementos obxectivos que garantan a publicidade e concorrencia entre as persoas que teñan a condición de persoal directivo. Non obstante o anterior, nas entidades públicas instrumentais tamén se poderán prover excepcionalmente con persoas que non teñan a condición de persoal directivo.

O artigo 34.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, establece que o persoal funcionario de carreira que teña a condición de persoal directivo e sexa nomeado para desempeñar un posto cualificado como directivo na correspondente relación de postos directivos manterá a situación de servizo activo no corpo ou escala a que pertenza. O persoal laboral fixo será declarado na situación que corresponda segundo a lexislación laboral e o convenio colectivo de aplicación.

O artigo 34.5 da citada lei sinala que os contratos laborais de alta dirección do persoal directivo incluirán un pacto de permanencia e non competencia pos contractual polos dous anos seguintes á extinción do contrato.

Por Decreto 150/2012, do 12 de xullo, apróbase o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, e establécese no artigo 22 deste texto que, baixo a dirección da directora ou director, a axencia estruturarase en cinco departamentos, á fronte dos cales existirá unha coordinadora ou coordinador: o Departamento de Xestión, o Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais, o Departamento de Política Audiovisual, o Departamento de Produción Teatral e o Departamento de Produción Coreográfica.

Pola súa banda, o artigo 35 do estatuto establece que constitúen o persoal directivo da Agadic as persoas coordinadoras dos diferentes departamentos, engadindo que serán nomeados e separados polo Consello Reitor, por proposta motivada da Dirección, e que na súa designación se atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

Por acordo do Consello Reitor do 28 de xuño de 2017 adoptouse, entre outros acordos, o de cubrir o posto de coordinador/a do Departamento de Promoción e Fomento de Políticas Culturais da Agadic, código ED.A31.00.002.15770.016.

Por todo o anterior, apróbase esta convocatoria, coa finalidade de seleccionar a candidata ou candidato axeitado para a provisión desta praza, consonte os sinalados principios de mérito e capacidade e a través dun procedemento que garanta a publicidade e concorrencia legalmente exixida na súa selección, para a súa posterior contratación nos termos previstos no artigo 35 dos estatutos desta axencia, de acordo coas seguintes

Bases

1. Obxecto da convocatoria.

Constitúe o obxecto da presente convocatoria a selección para a provisión, mediante nomeamento ou contratación de persoal directivo, dun/ha coordinador/a do Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais.

2. Retribución e incompatibilidades.

2.1. Retribucións. As retribucións brutas anuais ascenderán a 40.064,50 €.

2.2. Incompatibilidades. A persoa que ocupe a coordinación do Departamento de Promoción e Fomento de Políticas Culturais estará sometida ao sistema de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, regulado na Lei 53/1984, do 26 de decembro.

3. Funcións do coordinador/a do Departamento de Promoción e Fomento de Políticas Culturais.

De acordo co artigo 24 do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, o coordinador/a terá as seguintes funcións:

a) Desenvolver a programación do departamento.

b) Impulsar o fomento das actividades relacionadas cos distintos sectores das industrias culturais.

c) Impulsar a realización de estatísticas dos diversos sectores das industrias culturais, así como de propostas para mellorar a consecución dos obxectivos estratéxicos da Axencia.

d) Desenvolver cantas outras funcións lle sexan especificamente encomendadas pola Dirección da Agadic.

4. Requisitos e méritos.

4.1. Requisitos dos/as candidatos/as.

Os aspirantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española; ou

– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea, ou

– Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificado por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

– Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores desta idade dependentes.

– Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

b) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

c) Estar en posesión dunha titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao ou titulación equivalente.

d) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas, ni ter sido inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

e) Ter feitos dezaseis anos.

4.2. Méritos.

a) Experiencia profesional en postos directivos desempeñados na Administración pública, no ámbito xurídico e de tramitación de subvencións e outras axudas públicas relacionados coas funcións que desenvolverá no posto que se convoca, consonte o disposto no artigo 24 do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

b) Experiencia profesional en postos non directivos desempeñados na Administración pública, no ámbito xurídico e tramitación de subvencións e outras axudas públicas relacionados coas funcións que desenvolverá no posto que se convoca, consonte o disposto no artigo 24 do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

A acreditación dos méritos incluídos nos puntos precedentes realizarase mediante achega de informe de vida laboral expedido pola Seguridade Social, contratos de traballo e certificado de funcións desempeñadas emitido pola Administración, empresa ou institución contratante.

c) Cursos de especialización ou másters directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que desenvolverá.

d) Cursos de formación e perfeccionamento: valorarase a asistencia a cursos de formación e perfeccionamento expedidos ou homologados por organismos oficiais e directamente relacionados coas funcións propias da praza obxecto da presente convocatoria.

Todos estes méritos deben ser acreditados mediante soporte documental presentado nun documento orixinal ou copia cotexada.

A avaliación destes méritos realizarase consonte o disposto na base 8.1.

5. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, no modelo que figura como anexo II, xunto co resto da documentación sinalada, deberán presentarse no Rexistro Xeral da Axencia, sito na Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas no prazo de quince (15) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Á solicitude debe xuntarse declaración xurada ou responsable do/a aspirante, de que reúne todos e cada un dos requisitos exixidos para participar neste proceso ou que está en disposición de obtelos no prazo de presentación de solicitudes, no modelo que figura como anexo III das presentes bases.

A solicitude deberán dirixirse ao director da Agadic, acompañada da seguinte documentación:

1. Un currículo completo do candidato ou candidata, así como a documentación acreditativa dos méritos que alegue e que figuran na base 4.2 da convocatoria.

6. Admisión de solicitudes.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes de participación, por resolución da Agadic aprobaranse as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

Esta lista publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro de anuncios da Agadic, dispoñendo as persoas interesadas dun prazo de tres días (3) hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación, para presentar as emendas correspondentes.

Rematado o prazo anterior, ditarase resolución mediante a que se aproba a lista definitiva de aspirantes admitidos/as, e publicarase na forma descrita. Esta publicación implica a desestimación das alegacións ou emendas formuladas por aqueles/as aspirantes que quedan definitivamente excluídos/as.

O feito de ser admitido non presupón o cumprimento dos requisitos para participar nesta convocatoria, que se acreditarán documentalmente como se indica na base 9 da presente convocatoria.

7. Órgano de selección (comisión de valoración).

O órgano de selección será unha comisión de valoración nomeada por resolución do director da Agadic. A comisión no seu funcionamento e actuación axustarase ás instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010, así como no artigo 59 da LEPG, o artigo 60 do TRLEBEP e o artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

8. Procedemento selectivo.

8.1. Valoración de méritos.

A comisión de valoración analizará e puntuará os méritos alegados e acreditados polos candidatos/as indicados na base 4.2, de 0 a 40 puntos, segundo os seguintes criterios:

a) Por acreditar a experiencia sinalada na base 4.2 a): 2 puntos por ano ata un máximo de 10 puntos.

As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

b) Por acreditar a experiencia sinalada na base 4.2 b): 1 punto por ano ata un máximo de 15 puntos.

As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

c) Pola posesión de cursos de especialización, másters ou posgraos directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que desenvolverá, 3 puntos por cada un ata un máximo de 6.

d) Pola posesión de cursos de formación e perfeccionamento especificados no punto 4.2.d), outorgaranse as seguintes puntuacións:

– Cursos de menos de 10 horas de duración: 0,30 puntos por cada un.

– Cursos de duración comprendida entre 10 e 19 horas: 0,45 puntos por cada un.

– Cursos de duración comprendida entre 20 e 49 horas: 0,75 puntos por cada un.

– Cursos de duración igual ou superior ás 50 horas: 1,5 puntos por cada un.

No suposto de que as certificacións non especifiquen o número de horas, concederase a puntuación mínima. Non se puntuarán as xornadas, congresos ou similares. O máximo de puntuación por esta epígrafe será de 9 puntos.

9. Cualificación e proposta do/a candidato/a seleccionado/a.

A puntuación acadada publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), e no taboleiro de anuncios da Agadic, e concederase un prazo de cinco (5) días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas estas alegacións, publicarase a listaxe coa puntuación definitiva, entendéndose desestimadas as alegacións daqueles aspirantes que non experimenten variación.

No caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor do/a candidato/a que obtivese maior puntuación nas epígrafes 4.2.a) e 4.2.b) por esta orde.

Unha vez rematada a avaliación dos aspirantes, o órgano de selección elevará a súa proposta, e incluirá, de ser posible, tres candidatas ou candidatos, ao director da axencia, que resolverá propoñéndolle ao Consello Reitor un/unha candidato/a para que adopte o correspondente acordo de contratación. O dito acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Os/as candidatos/as seleccionados/as deberán acreditar os requisitos para participar neste proceso sinalados na base 4.1 no prazo de cinco (5) días hábiles desde que sexa requirido. Para estes efectos, achegarase orixinal ou ben copia cotexada.

De non presentar solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún dos/as candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución do director da Agadic que se publicará no DOG.

10. Nomeamento e toma de posesión.

Se a persoa aspirante seleccionada para ocupar o posto de traballo convocado ten condición de funcionario/a público/a con destino definitivo noutra Administración pública o seu nomeamento requirirá o informe favorable do departamento onde preste servizos, que se considerará favorable de non emitirse no prazo de quince (15) días, segundo o preceptuado no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado/a. Se no prazo de dous meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado/a non se pode incorporar á Comunidade Autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión. Neste caso o prazo de toma de posesión será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte (20) días hábiles. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento.

Se a persoa aspirante seleccionada para ocupar o posto de traballo convocado non ten a condición de funcionario/a público, o vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección; no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

missing image file

ANEXO III

..............................................................................................................................................con enderezo en ........................................................................................................., con DNI ..................................... declaro baixo xuramento ou responsablemente, para os efectos de ser admitido/a no proceso selectivo para a cobertura do posto de coordinador/a do Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais da Agadic, de acordo co previsto na base cinco, que cumpro todos e cada un dos requisitos exixidos para participar neste proceso ou que estou en disposición de obtelos no prazo de presentación de solicitudes.

En .............................., ....... de ..................... de 2018

(sinatura)