Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 4 de maio de 2018 Páx. 23259

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 17 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 394749.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas indemnizacións as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude dunha declaración da presenza da praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena dos determinados na correspondente convocatoria. As empresas poderán ser beneficiarias sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014.

2. No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais, polo que non será posible o outorgamento de indemnización se no momento da inspección inicial o viveiro non cumpre este trámite.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

a) Establecer, no marco dos programas de control e loita contra pragas de corentena, as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena.

b) Convocar a concesión de indemnizacións para o ano 2018 (procedemento MR465A).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 17 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 100.000 euros. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes computarase desde o día seguinte ao da publicación desta orde e finalizará o 1 de outubro de 2018.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2018

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias