Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 4 de maio de 2018 Páx. 23295

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2018, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada LMT, CT Amiudal, no concello de Avión (expediente IN407A 2017/26-3).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas de referencia, que se desagregan no seu proxecto de execución asinado o 21.8.2017 por Miguel Ángel Bernal López, enxeñeiro industrial colexiado número 2901 do ICOIIG, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Resolución do 19 de setembro de 2017 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense, publicada no DOG do 13.10.2017 e no BOP de Ourense do 17.10.2017, e no que respecta á solicitude da declaración de utilidade pública, que contén a relación de bens/dereitos afectados, por Resolución do 24 de novembro de 2017, a cal se inseriu nos seguintes medios: DOG do 20.12.2017, BOP de Ourense do 27.12.2017 e xornal La Voz de Galicia, edición Ourense, do 5.12.2017, taboleiro de anuncios do concello afectado e esta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización das instalacións de enerxía eléctrica.

De igual xeito, realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso non se presentaron alegacións contrarias á realización do proxecto.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 25.282,90 euros, son as seguintes:

LMT subterránea, a 20 kV, de 30 m de lonxitude con condutor RHZ1 1×95 mm2 Al, con orixe no PAS proxectado, en apoio da LMT ALB801 entre o CT Pascais (32AT94) e o CT Abelenda de Avión (32A239) e remate no CT rural proxectado, manobra exterior, Amiudal, de 160 kVA e R/T 20.000/400-230 V.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Corresponde a esta xefatura territorial resolver a presente solicitude de acordo coas competencias que resultan dos decretos 135/2017, do 28 de decembro (DOG núm. 18, do 25.1.2018), e 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG núm. 22, do 1.2.2017), polos que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, respectivamente, isto en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados nos artigos 53 e seguintes da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do citado Real decreto 1955/2000.

Terceiro. O proxecto de execución, que recibiu informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, téndose efectuado a comprobación sobre o terreo da traza da infraestructura eléctrica, na cal non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar de utilidade pública, en concreto, o proxecto e conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto antes sinalado e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente. Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Segundo. O representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dará comezo ao levantamento das actas previas á ocupación nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública para a declaración de utilidade pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procemento administrativo común das administraciones públicas, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 12 de abril de 2018

Santiago Álvarez González
Xefe territorial de Ourense