Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 2 de maio de 2018 Páx. 22795

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 18 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi) e se convocan para o exercicio 2018.

BDNS (Identif.): 395776.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transportes vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de mobilidade competentes.

Para que xeren dereito á axuda, as autorizacións deberán axustarse ás seguintes regras:

a) As autorizacións terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) As ditas autorizacións deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións de que sexa titular o solicitante.

Segundo. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas aos titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2018.

3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 1 de xullo de 2017 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda.

4. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de abril de 2018, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi) e se convocan para o exercicio 2018.

Cuarto. Importe

A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe de 250.000 €.

A axuda por vehículo será de 10.000 €.

As axudas contempladas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1). A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 13 de outubro de 2018, agás que se produza o suposto de esgotamento previo de crédito.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF303A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Este modelo irá acompañado ademais da documentación relacionada no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2018

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda