Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2018 Páx. 22101

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 16 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Repsol Petróleo, S.A. para o complexo industrial da Coruña, nos concellos de Arteixo e da Coruña (expediente 2017-IPPC-M-0094).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión da autorización ambiental integrada.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19.10.2013) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os documentos titulados:

– Memoria de avaliación da AAI de acordo coas MTDs segundo o BREF de Refinación 2014, do 6.3.2018.

– Resumo non técnico da memoria de avaliación da AAI de acordo coas MTD segundo o BREF de Refinación 2014, do 6.3.2018.

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, presentar dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide convenientes.

Os documentos estarán á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderán consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://cmaot.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2018

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2017-IPPC-M-0094.

Núm. de autorización ambiental integrada: 2005/0180_NAA/IPPC_016.

Categoría principal da actividade: 1.2.a) (instalacións para a refinación de petróleo ou de cru de petróleo).

Categoría secundaria: 1.1.b) (instalacións de combustión cunha potencia térmica superior a 50 MW).

Titular: Repsol Petróleo, S.A.

CIF: A28047223.

Enderezo do titular: Méndez Álvaro, 44, 28045 Madrid.

Enderezo da instalación: Bens, s/n, 15008 A Coruña.

Actividade principal: refinación de petróleo.

Descrición das instalacións: actualmente o complexo está formado pola refinaría (situada no polígono industria da Grela-Bens), o terminal marítimo (situado no porto da Coruña) e o oleoduto (que une a refinaría co porto da Coruña). Nestes momentos está en fase de desenvolvemento o traslado ao porto exterior de Punta Langosteira de parte das instalacións do actual terminal marítimo (San Diego).

Proceso produtivo: consiste na destilación do cru de petróleo para a obtención de naftas, gasolinas, destilados, asfalto, coque e xofre. A capacidade actual de destilación está sobre os 6,5 millóns de toneladas ao ano, cun grao medio de utilización da capacidade produtiva do 85 %.

Verteduras: o complexo dispón dunha planta de tratamento de efluentes físico-química cunha capacidade de 7 millóns de m3/ano na cal se tratan as augas da refinaría e as procedentes de Air Liquide, de CLH, de Repsol Butano e dos deslastres do terminal marítimo.

Na instalación xéranse e trátanse dous tipos de efluentes: as augas aceitosas e as augas pluviais e reutilizadas. As augas aceitosas (as usadas nos procesos e as augas de chuvia e de contraincendios, das zonas de limpezas, de equipamentos, etc.) condúcense a través dunha rede de drenaxe independente á cabeceira da planta de tratamento. As augas pluviais e reutilizadas (que son as que se recollen en drenaxes limpas, cubertas de edificacións, etc.) condúcense ata a unha balsa de pluviais e pásanse por areeiros e desnatadores. Unha vez tratadas, ambas as correntes se conducen ata unha balsa de retención. Parte da auga desta balsa vértese ao mar a través dun emisario submarino e outra parte condúcese ata un sistema de tratamento terciario para volver introducila no proceso.