Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 23 de abril de 2018 Páx. 21661

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o formulario normalizado e se regula a tramitación do procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos.

O Decreto 45/2015, do 26 de marzo, polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, a súa posta en funcionamento, e se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos, establece no seu capítulo II un procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos.

O dito decreto establece no seu artigo 5 que o órgano competente para a instrución e resolución do procedemento integrado é a dirección xeral competente en materia de industria.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar o formulario normalizado da solicitude do procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos segundo o modelo que figura no anexo desta resolución e regular a tramitación deste procedemento, que ten asignado o código IN642A.

2. O procedemento IN642A é un procedemento administrativo de prazo aberto. O prazo para resolver e notificar a resolución do procedemento integrado será de seis meses. Transcorrido ese prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse estimada a solicitude.

Non obstante, no caso de que se notificase previamente ao interesado a emisión dos actos correspondentes ás distintas administracións públicas sectorialmente competentes e estes actos foran desfavorables á implantación ou establecesen condicións para ela, deberá atenderse ao contido dos actos ditados. Así mesmo, respectarase o efecto desestimatorio do silencio establecido na normativa sectorial para o suposto do transcurso dos prazos previstos para a emisión dos correspondentes actos polos órganos competentes.

No caso de solicitude de consulta previa segundo o recollido no artigo 6 do Decreto 45/2015, do 26 de marzo, cando a Administración titular da vía pública sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou algunha das entidades locais galegas, o prazo máximo para responder a consulta será dun mes, entendendo como viables o predio e os accesos propostos, se non se producir contestación expresa no prazo indicado.

3. Establécese a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos para este procedemento, ao considerarse acreditado que o colectivo de persoas físicas solicitantes ten suficiente capacidade económica e técnica para ter acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– No caso de consulta previa á Administración titular da vía:

Poder de representación da persoa solicitante ou representante.

Xustificación do cumprimento da lexislación de estradas.

– No caso de iniciación do procedemento integrado:

Poder de representación da persoa solicitante ou representante.

Proxecto único asinado por técnico competente.

Relación de afeccións da instalación ou declaración responsable de non existencia de afeccións.

De ser o caso, separatas técnicas relativas ás afeccións.

Memoria ambiental.

Xustificación do cumprimento da lexislación de estradas.

Documentación para a obtención da licenza de obra ou comunicación previa.

6. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

9. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1º. DNI ou NIE da persoa solicitante.

2º. DNI ou NIE da persoa representante.

3º. NIF da persoa xurídica solicitante.

4º. NIF da persoa xurídica representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

10. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

11. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

12. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

13. Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

missing image file
missing image file
missing image file