Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 16 de abril de 2018 Páx. 20509

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 10 de abril de 2018 pola que se modifican as bases reguladoras establecidas na Orde do 15 de febreiro de 2018 para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións aos obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de formación de aprendices e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

O 8 de marzo publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 15 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións aos obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de formación de aprendices e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

No artigo 2 das bases reguladoras establécense as contías máximas que poderán percibir os obradoiros e as cantidades que estes deberán aboar con carácter mensual aos bolseiros. No artigo 5 regúlanse as titulacións que deberán posuír os aprendices. No artigo 18 regúlanse as obrigas das persoas beneficiarias.

Esta orde ten por obxecto modificar determinados aspectos referidos ao cálculo das contías das subvencións e concretar as obrigas que os obradoiros deben asumir en materia de Seguridade Social. Ademais, introdúcese a titulación de grao en Enxeñería en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto e título superior de Deseño que se omitiron por erro e a necesidade de que o período formativo sexa único e sen interrupcións.

No exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o artigo 34 da Lei 1/1983, de 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 15 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións aos obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de formación de aprendices e se procede á súa convocatoria para o ano 2018

Modifícanse os artigos 2, 5, 6 e 18.a) da Orde do 15 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións aos obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de formación de aprendices, nos termos que se recollen a seguir:

Un. O artigo 2 queda redactado nos seguintes termos:

1. O importe da subvención, que se aboará ao obradoiro, non excederá das seguintes contías mensuais:

– 1,1 veces o IPREM mensual vixente se a formación ten unha duración de 20 horas semanais.

– 1,4 veces o IPREM mensual vixente se a formación ten unha duración de 40 horas semanais.

– O obradoiro percibirá, adicionalmente, unha contía fixa de 200 € mensuais, para gastos en funxibles e materiais que se realicen durante a práctica dos aprendices.

Poderán subscribirse acordos cunha duración entre 21 e 39 horas semanais. Nese suposto, o importe da subvención concedida será incrementado proporcionalmente en función do número de horas pactado entre o obradoiro e o aprendiz.

2. Os obradoiros aboarán aos bolseiros as seguintes cantidades, con carácter mensual, como mínimo:

– 1,2 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando a formación teña unha duración de 20 horas semanais.

– 1,5 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando a formación teña unha duración de 40 horas semanais.

Cando os acordos teñan unha duración entre 21 e 39 horas, o obradoiro aboará o importe correspondente incrementado proporcionalmente.

3. Cada obradoiro poderá solicitar subvención, con carácter xeral, para o financiamento dun acordo cun aprendiz. Se o obradoiro tivese como mínimo 6 traballadores empregados, poderá subvencionar ata dous acordos.

4. A duración da formación subvencionable terá un mínimo de 6 meses e máximo 12 meses, sen prexuízo de que as partes, de forma privada e en exercicio da autonomía da súa vontade, decidan prorrogar a súa colaboración. En todo caso, o período será único e sen interrupcións.

5. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, supere o 100 % do investimento subvencionable.

6. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería e entes dependentes, para os mesmos conceptos subvencionables.

Dous. O artigo 5 queda redactado nos seguintes termos:

Poderán ser aprendices os que, tendo plena capacidade de obrar, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter nacionalidade española ou dun dos países membros da Unión Europea e estar domiciliado/a na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar en posesión do título de grao en Belas Artes, grao en Enxeñería en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, dun título superior de Deseño, dun ciclo formativo de grao superior ou grao medio de Artes Plásticas e Deseño, dun ciclo formativo de grao superior ou grao medio de Formación Profesional directamente relacionados con algunha actividade artesanal segundo a Clasificación nacional de actividades económicas (código CNAE-2009) recollidas no anexo I da Orde do 12 de abril de 2017 da Consellería de Economía, Emprego e Industria, publicada no DOG núm. 79, do 25 de abril.

3. Non ser beneficiario de calquera outra subvención ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.

4. Non estar desempeñando ningunha actividade retribuída no momento da sinatura do acordo e ata a finalización da formación.

5. Non ter enfermidade nin incapacidade que impida o desenvolvemento da actividade obxecto do acordo.

6. Non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tres. O artigo 6 queda redactado nos seguintes termos:

O programa será confeccionado polo obradoiro e incluirá, como mínimo, os seguintes aspectos:

• Competencias que se van transmitir.

• Fases temporais en que se dividirá o período.

• Actividades que se realizarán en cada fase da formación.

• Establecemento de indicadores que permitan medir os resultados das actividades en cada fase, que poderán consistir en probas de avaliación ou número de ensaios con éxito, entre outros. En todo caso, serán representativos, claros e directamente relacionados cos obxectivos.

• Obxectivos intermedios que se pretenden acadar en cada fase temporal, entendidos como a suma de varias actividades relacionadas.

Este programa, que se presenta xunto coa solicitude e que debe ser validado polo órgano instrutor, deberá ser debidamente cumprimentado e presentado á consellería cando finalice o período formativo, como parte da xustificación final da subvención tal e como exixe o artigo 17.

Catro. O artigo 18.a) queda redactado nos seguintes termos:

Aboar mensualmente, nos 5 primeiros días de cada mes, a contía neta que lle corresponda ao aprendiz, así como asumir as obrigas que lle corresponden como empresario de acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación. O obradoiro será o único responsable do impago ao aprendiz, sen prexuízo da exixencia da responsabilidade por parte da Administración por incumprimento da execución das súas obrigas tal e como se establece no artigo seguinte.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria