De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade do Estado destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, convocase un curso de Patrón de embarcacións de lecer (PER) dirixido a membros do corpo da Garda Civil con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, cuxas bases se especifican a seguir:
Obxectivo do curso.
Obter a capacitación necesaria para poder pilotar embarcacións de ata 12 m e a unha distancia da costa de ata 12 millas, no desenvolvemento das súas funcións.
Contidos do curso.
Parte teórica:
– Tecnoloxía naval, manobras, seguridade no mar, navegación, meteoroloxía, radiocomunicacións, propulsión mecánica e lexislación.
Parte práctica:
– Prácticas de seguridade e navegación:
Formas de utilizar o chaleco salvavidas, extintores, sinais pirotécnicos e espello de sinais, manexo de cabos, preparación para saír ao mar, preparativos antes de iniciar a manobra, comprobacións despois de arrancar, manobras en dársena, aplicacións das regras de rumbo e goberno, velocidade de seguridade e identificación de marcas e balizas, gobernar cunha referencia de terra e con un rumbo de agulla. Rumbo inverso. Obter a corrección total para un rumbo determinado cunha enfilación, situarse por liñas de posición simultánea. Identificación dos puntos notables da costa. Navegación de seguridade, manobras de home á auga. Utilización do M.O.B. do GPS e navegación electrónica.
– Prácticas básicas de radiocomunicacións en simuladores homologados:
Chamadas de socorro en radiotelefonía e LSD en VHF e utilización práctica de VHF portátiles.
Desenvolvemento do curso.
O curso ten unha duración de 50 horas lectivas, desenvolverase entre o 12 de abril e o 30 de xuño de 2018.
Número de plazas, destinatarios y criterios de selección.
24 prazas repartidas por provincias da seguinte forma:
– 8 prazas A Coruña.
– 4 prazas Lugo.
– 4 prazas Ourense.
– 8 prazas Pontevedra.
O curso está dirixido ao persoal dos corpos da Garda Civil que prestan servizos na Comunidade Autónoma galega.
O criterio de selección será por riguroso orde de inscrición ata cubrir o número de prazas. Os aspirantes que non obteñan praza pasaran a ocupar un posto de reserva, igualmente por orde de inscrición que serán chamados no caso de producirse baixas antes de iniciarse o curso.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Solicitudes e prazo de presentación de solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.
2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.
3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado ou que sexan presentadas fóra de prazo.
4. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 8 de abril de 2018, e comeza a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
Admisión.
A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas, o día 9 de abril de 2018.
Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica.
Lugar.
A parte teórica do curso desenvolverase na sede da Agasp e as prácticas de seguridade e navegación na Ría de Arousa.
O alumnado que o desexe, pode solicitar pasar a noite na residencia da Academia durante o transcurso deste.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 26 de marzo de 2018
Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública