Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 4 de abril de 2018 Páx. 18599

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2018 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2018, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos, e se convoca en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 25 de xaneiro de 2018, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2018 e facultar o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2018, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2018, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos e convocar para o exercicio 2018 o dito concurso en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Orzamento 2018

09.A1.741A.4802

12.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2018

Juan Manuel Cividades Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2018, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos

O Instituto Galego de Promoción Económica, en diante Igape, convoca o concurso Eduemprende Idea 2018, no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, mediante o que pretende valorar e premiar proxectos de empresa que presente o alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensino e aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa dunha cultura emprendedora necesaria para mellorar a competitividade das nosas empresas e a posibilidade de emprego do alumnado galego. Neste sentido, o Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, aprobado en 2010, conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Igape, ten como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa desta cultura emprendedora e comprende, no seu eixe 3, as actuacións que se refiren ao apoio ao alumnado con habilidades emprendedoras, para a posta en marcha de proxectos empresariais viables e para a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio, co fin de crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas e as actividades emprendedoras ante o déficit emprendedor en Galicia.

A convocatoria deste concurso será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Os premios regulados nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2018, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais por parte do alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos (código de procedemento IG650A).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2017/18 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.

b) A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarios/as. En calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único co poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

c) As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios/as de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Modalidades e características dos premios

Premiarase os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

1. Modalidade A: ciclos de grao superior.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

Artigo 4. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

Estes premios serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Artigo 5 Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

a) Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de participación as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario descritivo do proxecto para o cal optan aos premios a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

No suposto de que a persoa solicitante non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais para que lle presten asistencia e medios para cubrir o formulario electrónico e xerar o IDE identificativo, ou a través do número de teléfono 900 81 51 51.

As solicitudes de participación presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

b) Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo.

c) Os solicitantes que presenten a solicitude por vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

1º. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

2º. Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

3º. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

4º. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.

b) Proxecto de empresa.

c) Resumo executivo do proxecto.

d) Vídeo de presentación do proxecto.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

3. A documentación presentarase preferiblemente por vía electrónica. Para iso as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos e responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a copia simple da documentación presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

4. Os materiais e recursos dixitais que se xunten coa solicitude deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Requisitos de forma.

1º. Os traballos serán orixinais e inéditos.

2º. Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.

b) Requisitos técnicos.

1º. Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador, salvo os de Flash, Java, Descartes e Malted.

2º. Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e propietarios, e poderán ser executados en local.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferiblemente por vía electrónica accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Opcionalmente tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos de todas as persoas solicitantes e participantes en poder das administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE das persoas participantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou na ficha de persoas solicitantes (anexo II), segundo o caso, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Órganos competentes

Para os efectos da avaliación dos proxectos presentados, constituirase unha Comisión avaliadora formada por:

a) Dous/dúas representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

b) Dous/dúas representantes do Igape.

c) Un/unha profesor/a que forme parte do programa Emprende.

Actuará como secretario/a un dos membros da comisión e redactará unha acta de cada sesión que teña lugar. A comisión elixirá de entre os seus membros o/a presidente/a.

O funcionamento da Comisión farase ao abeiro do réxime xurídico dos órganos colexiados contido na sección III, capítulo I, do título I (artigo 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Área de Competitividade será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión da subvención e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de participación serán avaliadas pola Comisión avaliadora en función dos datos declarados na solicitude de participación e no formulario electrónico e a documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo.

3. Baremación das solicitudes:

Unha vez emendadas as solicitudes, serán avaliadas pola Comisión avaliadora, que terá en conta os seguintes criterios á hora de determinar os premios en cada unha das dúas modalidades dos proxectos presentados:

a) A súa viabilidade técnica e legal (máximo 10 puntos).

Avaliarase respecto da actividade proposta o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.

b) A súa viabilidade comercial (máximo 15 puntos).

Avaliarase respecto da actividade proposta o coñecemento e posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.

c) A súa viabilidade financeira (máximo 15 puntos).

Avaliarase respecto da actividade proposta a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sustentable posterior.

d) A coherencia e carácter innovador do plan de negocio (máximo 15 puntos).

Avaliarase o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e a congruencia entre os diferentes puntos do plan de negocio.

e) Creación de emprego (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función do volume de emprego creable, incluídos os promotores do proxecto, a razón de 3 puntos por cada emprego creable.

f) A capacidade do equipo promotor para levalo adiante (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial, grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.

g) A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral sintética presentada (elevator pitch) (máximo 15 puntos).

Avaliarase a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.

No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios «a», «b», «c», «d», «e», «f» e «g», por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

Artigo 9. Resolución

1. Unha vez avaliados os proxectos de empresa pola Comisión avaliadora, a Área de Competitividade do Igape elevará a proposta de resolución de adxudicación dos premios ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos que non sexan obxecto de publicación no DOG practicaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de solicitude. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

No caso de que opten pola vía electrónica, os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

4. Declararase deserto o premio naquelas categorías en que ningún dos proxectos presentados acade unha puntuación mínima de 40 puntos.

5. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro meses, contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de solicitude e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 11. Pagamento dos premios

O pagamento do importe correspondente aos premios farase con base no seguinte procedemento:

1. Cada proxecto de empresa recibirá como máximo un premio.

2. A dotación económica do premio, dividida entre o número de participantes no proxecto, será transferida ás contas bancarias que figuran no anexo I e anexo II, nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2018.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias do premio teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.K) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No anexo I a persoa beneficiaria debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta, na cal se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. No anexo II, as persoas participantes no mesmo proxecto beneficiarias deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta, na cal se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

4. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegro, total ou parcial, do premio ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable recollida no anexo I desta orde. De transcorreren máis de 6 meses desde a presentación desta declaración, a persoa beneficiaria ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

6. As persoas beneficiarias están obrigadas a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

Artigo 13. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía incluirán os premios concedidos ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia deles puidesen imporse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará os premios concedidos ao abeiro destas bases no portal de transparencia e Goberno aberto, na páxina web do Igape www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia; expresará a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade do premio, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos da persoa beneficiaria e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no punto 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 14. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Beneficiarios-Terceiros, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, que, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesario achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 15. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file