Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 3 de abril de 2018 Páx. 18333

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2018 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Trasmiras.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou o 12.3.2018 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Trasmiras a favor do Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 12 de marzo de 2018 da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Trasmiras que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2018

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do 12 de marzo de 2018 da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Trasmiras

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é propietaria dun predio integrante dunha masa común, resultado dun procedemento de concentración o reestruturación parcelaria.

O Instituto Galego de Calidade Alimentaria solicitou a cesión do ben inmoble mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 27.4.2017 a presidenta da Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto do ben inmoble.

O 12.5.2017 a Subdirección de Mobilidade de Terras da Agader emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 22.5.2017 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 16.6.2017 a Asesoría Xurídica emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 19.2.2018 a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 26.2.2018 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 1.3.2018 o Consello da Xunta de Galicia, autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11.7.2013 o Consello de Dirección da Agader delegou na persoa titular da Presidencia da Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e despois da proposta do director xeral da Agader,

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Instituto Galego de Calidade Alimentaria da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Trasmiras, que se describe a seguir:

Descrición: parcela 409 do polígono 501 da zona de concentración parcelaria de Zos-Trasmiras, no concello de Trasmiras, cunha extensión superficial dunha hectárea, dúas áreas e sesenta centiáreas. Limita norte con Manuel Feijoo Rodríguez (405), Manuela Conde Gil (410), sur con Comunidade de Veciños de Zos-Concello Trasmiras (406), Pilar Fernández Castro (407), Comunidade Autónoma de Galicia (408) e camiño, leste con Manuel Feijoo Rodríguez (405), e Comunidade de Veciños de Zos-Concello Trasmiras (406), e oeste con Manuela Conde Gil (410) e camiño.

Referencia catastral: 32083A501004090000XB.

Inscrición catastral: o inmoble figura a nome de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, segundo certificación catastral descritiva e gráfica do 16.1.2017.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia, a nome de Comunidade Autónoma de Galicia; tomo 735, libro 86, folio 194, nº rexistral predio 12.501, inscrición 1ª.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase a investigación forestal.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes no mesmo que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións das que a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que inmoble, obras, construcións e instalacións sexan dun só titular, ben da persoa cesionaria, ben de terceiras persoas no caso dunha accesión invertida. Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos á persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no Rexistro da Propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que estas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for o caso, inscrita no rexistro da propiedade.

Todos os custos e impostos que se deriven da cesión serán de conta da persoa cesionaria, incluído o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, renunciando, polo tanto, á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 27 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, logo de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno de Agader, ou funcionario en quen delegue, e deberá constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. A Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.