BDNS (Identif.): 391513.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. As entidades locais de Galicia, excluídas as deputacións provinciais.
2. Os agrupamentos de concellos para a realización dun proxecto común. As súas entidades integrantes nomearán unha entidade representante única que actuará como coordinadora e interlocutora coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que será a receptora da asignación económica.
Segundo. Obxecto
O obxecto desta orde é convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, mediante a súa creación ou o mantemento ou reforzamento dos existentes, ou a promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega en concellos ou en agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 16 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e se procede á súa convocatoria (ED115A).
Cuarto. Contía
Importe total da convocatoria: 245.000 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2018
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria