Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 27 de marzo de 2018 Páx. 17592

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 16 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente aos exercicios de 2018 e 2019 (código de procedemento TR301K).

BDNS (Identif.): 391018.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refire a presente convocatoria as entidades que, na data de entrada en vigor desta orde, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados no correspondente certificado de profesionalidade ou tivesen solicitado a inscrición mediante declaración responsable nesa data na correspondente especialidade formativa, na Administración pública competente para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas, correspondentes aos exercicios de 2018 e 2019, xestionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das súas xefaturas territoriais. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras establécense nesta orde.

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 26.624.186,02 euros (13.771.967,11 euros para 2018 e 12.852.218,91 euros para 2019).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria