Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 19 de marzo de 2018 Páx. 16136

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión ao medio propio Fundación Centro Tecnolóxico do Mar para executar durante os anos 2018 e 2019.

De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade á seguinte encomenda coas seguintes características:

– Resolución do 28 de febreiro de 2018, da Consellería do Mar, pola que se lle encarga ao medio propio Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a prestación do servizo de oficina técnica para o apoio ao deseño e subministración de dúas embarcacións patrulleiras para o Servizo de Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar.

– Actividade: realización das actuacións relativas á execución polo Cetmar de accións de apoio á Consellería do Mar que teñen como finalidade o seguimento no deseño e na construción de dúas embarcacións patrulleiras aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota pesqueira de Galicia. Estas embarcacións patrulleiras colaborarán en operacións de busca e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación mariña.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión a medios propios ao ter a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia: ata o 30 de setembro de 2019.

– Financiamento: tramitouse con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia na aplicación orzamentaria 14.02.723A.640.1, e foi cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca nun 75 % (medida asistencia técnica).

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2018

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar