A base oitava da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 22 de decembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 11 de xaneiro de 2017), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de admisión e documentación clínica do Servizo Galego de Saúde, dispón que, logo da publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal, no prazo dos cinco días hábiles seguintes ao da dita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.
A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola cal se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Á vista das reclamacións presentadas e do acordo adoptado sobre estas polo respectivo tribunal de selección e elevado ao órgano convocante, este centro directivo, de conformidade coa dita base,
RESOLVE:
Primeiro. Aprobar e dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as en cada un dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de médico/a de admisión e documentación clínica, convocado mediante a Resolución do 22 de decembro de 2016.
Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.
Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos na base 7) e 11) da resolución de convocatoria do proceso.
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2018
Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos