Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 9 de marzo de 2018 Páx. 14338

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 20 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago e se convoca a súa XX edición para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 388651.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán participar as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro cunha traxectoria que acredite o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, e que desenvolvan a súa actividade tanto dentro como fóra de Galicia.

Estas entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento efectivo na consecución dos obxectivos establecidos na convocatoria.

Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas nas cales se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as que fosen premiadas nas cinco convocatorias anteriores co Premio Elías Valiña.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten por obxecto a convocatoria e o establecemento das bases reguladoras da concesión do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago como un recoñecemento institucional e social ao esforzo protector e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos Camiños de Santiago por parte das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social. Inclúese, así mesmo, a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial, sen dotación económica, a unha persoa física que, pola súa sensibilidade e interese, teña contribuído especialmente á posta en valor do Camiño. Esta mención só se poderá outorgar de maneira individual.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e e a convocatoria pública do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago e se convoca a súa XX edición para o ano 2018.

Cuarto. Importe

A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 10.21.433A.781.0, que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dentro dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2018, por un importe máximo de 10.000 € (dez mil euros).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria