Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 7 de marzo de 2018 Páx. 13504

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 1 de marzo de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso pola quenda de acceso libre na categoría 001 (camareiro/a-limpador/a//axudante/a cociña) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido no Decreto 19/2016, do 25 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 45, do 7 de marzo), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o artigo 10 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso pola quenda de acceso libre na categoría 001 (camareiro/a-limpador/a//axudante/a cociña) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir setenta e seis (76) prazas da categoría 001 (amareiro/a-limpador/a. Axudante/a cociña) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia polo sistema de acceso libre.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. De conformidade co Decreto 19/2016, do 25 de febreiro (DOG núm. 45, do 7 de marzo), do total de prazas convocadas reservaranse sete (7) para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. Se estas prazas non se cobren acumularase á quenda de acceso libre.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade, que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade, supera os exercicios pero non obtén praza e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso libre, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar o proceso elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas aspirantes que superasen todas as probas selectivas, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

I.1.2. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas: acceso libre ou discapacidade. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídas nas listaxes provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídas. Se é o caso, as aclaracións ou as correccións respecto ao cambio de quenda deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.3. A este selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a LEPG, o V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización de presentación de solicitudes de participación, e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral fixo, os seguintes requisitos:

I.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os súas/seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

I.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.3. Titulación: ter cursada a escolaridade obrigatoria requirida no sistema educativo español segundo o correspondente plan de estudos.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase posuír a credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que teñen obtido o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito comunitario.

I.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.5. Habilitación: non ter sido despedido nin separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertenza.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade, terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

I.2.7. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal laboral fixo que xa pertenza á categoría profesional obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala, que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e, posteriormente, validalos e confirmalos.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, e no Decreto 19/2016, do 25 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a persoa solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta de pagamento: consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da publicación desta convocatoria no DOG e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción, a persoa solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberaa presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada, dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

• Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar onde conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nas oficinas de Correos e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta de pagamento: a persoa solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento electrónico:

• Sen certificado dixital: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterá o xustificante 730 correspondente.

• Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para a devolución da taxa aboada as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso ás persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, de luns a venres, das 8.30 ás 20.00 horas, e os sábados, das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e número do DNI, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de corrección entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo I e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal.

II.1.1. Exercicios.

As probas de oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de sesenta (60) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas das que só unha será correcta.

As preguntas da 1 á 30 serán de carácter teórico e corresponderán á parte xeral e específica do temario, as preguntas da 31 á 60 serán de contido práctico e corresponderán á parte específica. O cuestionario conterá seis (6) preguntas de reserva das cales tres (3) corresponderán á parte xeral e tres (3) á parte específica do temario.

O exercicio terá unha duración de cento vinte (120) minutos.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar a puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta restará un terzo dunha pregunta correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A realización deste exercicio non terá lugar antes dos dez (10) meses posteriores a data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio: consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas, máis tres (3) preguntas de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega.

O exercicio terá unha duración de corenta (40) minutos.

O cuestionario deberá, obrigatoriamente, recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua: léxico, sintáctico e gramatical correspondentes ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar o resultado de apto.

Cada resposta incorrecta restará un terzo dunha pregunta correcta.

Este exercicio celebrarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, posuían o Celga 2 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen o primeiro exercicio no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas a cualificación dese exercicio.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «O», de conformidade co establecido na resolución da Consellería de Facenda do 3 de febreiro de 2016 (DOG núm. 29, do 12 de febreiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na resolución da mesma consellería do 22 de xaneiro de 2016 (DOG núm. 19 do 29 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2016.

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas, publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarao á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento. No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano que convoca publicará a orde que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exames, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

II.3. Fase de concurso.

II.3.1. A fase de concurso consistirá na valoración, ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición da experiencia profesional, entendida como os servizos prestados como persoal laboral na categoría 001 do grupo V no ámbito do V Convenio colectivo de persoal laboral da Xunta de Galicia, ou como persoal laboral na mesma categoría en calquera outra Administración pública, sempre que se inclúa dentro do mesmo grupo de titulación.

Entenderase que é a mesma categoría noutra Administración pública cando figure no contrato asinado algunha das seguintes denominacións: camareiro/a-limpador/a. Axudante/a cociña. Pasador/a de ferro-lavandeiro/a. Costureiro/a. Cortador/a. Pasador/a de ferro. Lavandeiro/a.

Os servizos serán valorados por meses de 30 días a razón de 0,10 puntos/mes.

Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables, dividirase o resultado entre trinta (30), e multiplicarase por 0,10, de xeito que unicamente se valorará o cociente enteiro, desprezándose os decimais.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

A puntuación máxima será de 20 puntos.

II.3.2. Rematada a fase de oposición, as persoas aspirantes deberán presentar, de ser o caso, os méritos enumerados na base II.3.1.

Os méritos deberán referirse á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e deberán acreditarse nos prazos e de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia. Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

A documentación relativa á fase de concurso irá dirixida á Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

II.3.3. O tribunal procederá á baremación da fase de concurso, coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral da Función Pública, e publicaraa no Diario Oficial de Galicia, con indicación da puntuación obtida por cada persoa aspirante.

Contra a baremación, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación perante o propio tribunal, no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no Diario Oficial de Galicia da baremación definitiva da fase de concurso.

II.4. A orde de prelación das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Para asegurar a cobertura de vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas, antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano que convoca poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria de persoas aspirantes que sigan aos propostos, para o seu posible nomeamento como persoal laboral fixo. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poderán ser nomeados persoal laboral fixo.

III. Tribunais.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de Función Pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público ou nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá serlle comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor dos previstos na base III.9, e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte ao establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade que convoca publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse no prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus integrantes, con presenza en todo caso da presidencia e da secretaría deste.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal redactarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da secretaría e o visto e prace da presidencia.

III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, agás aqueles en que estea prevista a lectura pública, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisión e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a quen corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, que deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas, e que terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderá á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás dos restantes participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3, as adaptacións posibles de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas o tribunal tiver dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polo persoal laboral da categoría a que opta, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superarou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal cualificador do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á consellería competente en materia de Función Pública, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento como persoal laboral fixo.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

1. Puntuación obtida na fase de oposición.

2. Puntuación obtida na fase de concurso en cada epígrafe do baremo, na orde pola que figuran.

3. Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

4. En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a relación de persoas aspirantes que o superaron, por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade, e elevará a dita relación a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública para que elabore a proposta de nomeamento.

A partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de aprobados, as persoas aspirantes disporán dun prazo de vinte días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido na base I.2.3 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a súa posesión. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido despedido nin separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

c) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e, de ser o caso, da Administración correspondente.

Así mesmo, a Consellería de Facenda requirira, respecto das persoas que accedan por esta cota de reserva, documento acreditativo do órgano competente sobre a compatibilidade da discapacidade co desempeño das correspondentes funcións.

d) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Os que dentro do prazo fixado, salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeados persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Rematado o proceso selectivo, e unha vez cumpridos os requisitos exixidos con anterioridade, os que o superasen serán nomeados persoal laboral fixo da Xunta de Galicia na categoría correspondente mediante orde da consellería competente en materia de Función Pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia en que se indicará o destino adxudicado e de acordo coa puntuación obtida no proceso selectivo.

IV.5. De acordo co disposto no artigo 13 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, as persoas aspirantes nomeadas persoal laboral fixo adxudicatarios dos seus respectivos postos disporán dun prazo dun mes para tomar posesión no seu destino.

V. Disposición derradeira

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2018

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I
Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso na categoría 001 (camareiro/a-limpador/a. Axudante/a cociña) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia

Parte xeral:

Tema 1. Constitución española, do 27 de decembro de 1978: títulos preliminar, I, II e III.

Tema 2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia: Títulos preliminar, I e II.

Tema 3: V Convenio colectivo único para persoal laboral fixo da Xunta de Galicia: capítulos I, II, III, IV e V.

Tema 4. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: títulos I, capítulo I do título III, capítulo I do título VI e capítulo IV do título VI.

Tema 5. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: títulos preliminar e I.

Tema 6. Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade: título preliminar.

Tema 7. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: títulos I e II.

Parte específica:

Tema 1. A lavandaría. Fases e normas xerais de lavado. O lavado dos tecidos de cor. O branqueo da roupa. O ferro de pasar: clasificación da roupa. Pasada de ferro a máquina. A costura da roupa.

Tema 2. Factores que hai que ter en conta na limpeza de cuartos, baños e zonas comúns nun centro residencial. Tipo de utensilios e produtos necesarios para a súa realización.

Tema 3. Elaboración e condimentación de menús sinxelos e funcións de auxilio ao xefe e aos oficiais de cociña na elaboración dos máis complexos. Factores que hai que ter en conta para colocar e servir as mesas dos comensais. Tipos de dieta, segundo as necesidades dos usuarios.

Tema 4. Procesos de limpeza para o mantemento en perfectas condicións dos utensilios e accesorios propios do departamento de cociña, tales como placas, fornos, marmitas, tixolas etc.

ANEXO II

Dª./D. ..., con domicilio en ..., e con DNI/Pasaporte ..., declara, para os efectos de ser nomeada/o persoal laboral fixo na categoría 001 (camareiro/a-limpador/a//axudante/a cociña) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se atopa en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso á dita categoría.

..., ... de ... de 201...

ANEXO III

Dª/D. ..., con domicilio en ..., e con DNI/pasaporte ..., declara, para os efectos de ser nomeada/o persoal laboral fixo na categoría 001 (camareiro/a-limpador/a//axudante/a cociña) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(país e localidade) ..., ... de ... 201...