Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 2 de marzo de 2018 Páx. 12430

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2018 pola que se convoca un curso básico de prevención de riscos laborais para o persoal das agrupacións de voluntarios e voluntarias de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2018, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso básico de prevención de riscos laborais para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil (AVPC) da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Curso

Denominación

Básico de prevención de riscos laborais para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia

Modalidade

Semipresencial

Edicións

1

Horas lectivas

60

Prazas por edición

25

Segunda. Obxectivos e contido

– Obxectivos:

• Adquirir os coñecementos básicos en prevención de riscos laborais.

• Coñecer as leis e normas en materia de prevención de riscos laborais sobre a base da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

• Analizar os diferentes plans de actuación, técnicas de prevención e de primeiros auxilios que favorecen ou axudan a superar diferentes situacións de risco.

– Contido:

Módulo 1. Conceptos básicos de seguridade e saúde no traballo.

Unidade didáctica 1. Introdución á prevención de riscos laborais.

Unidade didáctica 2. Marco normativo básico en materia de prevención de riscos laborais.

Módulo 2. Riscos xerais e a súa prevención (I).

Unidade didáctica 1. Os riscos ligados ás condicións de seguridade.

Unidade didáctica 2. Os riscos ligados ao medio natural de traballo.

Unidade didáctica 3. A carga de traballo, a fatiga e a insatisfacción laboral.

Unidade didáctica 4. Sistemas elementais de control de riscos. Protección colectiva e individual.

Módulo 3. Riscos xerais e a súa prevención (II).

Unidade didáctica 1. Nocións básicas de actuación en emerxencias.

Unidade didáctica 2. Primeiros auxilios.

Unidade didáctica 3. O control da saúde dos traballadores.

Módulo 4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos laborais.

Unidade didáctica 1. A xestión da prevención de riscos laborais na empresa.

Unidade didáctica 2. Organismos públicos relacionados coa seguridade e saúde no traballo.

Módulo 5. Riscos específicos da actividade das agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC).

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

a) Ter superado o curso básico de protección civil.

b) Estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

O curso desenvolverase en tres partes: unha parte de formación en liña a través da internet, unha parte presencial e unha proba presencial final.

1. Formación en liña.

1º. Lugar: a través da plataforma de formación en liña da Agasp.

2º. Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

3º. Contido:

• Módulo 1. Conceptos básicos de seguridade e saúde no traballo.

• Módulo 2. Riscos xerais e a súa prevención (I).

• Módulo 3. Riscos xerais e a súa prevención (II).

• Módulo 4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos laborais.

4º. Datas: do 2 de abril ao 3 de maio.

O alumnado deberá acceder ao curso dentro dos primeiros tres días hábiles (excluídos sábados, domingos e festivos) a partir da data de inicio.

As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado poderán ser dados de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizados coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de 6 meses.

5º. Desenvolvemento: o alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación en liña da Agasp, e de acordo cun calendario de presentación, as actividades incluídas na parte en liña do curso, que son as seguintes:

• Visualización dos contidos.

• Superación dos cuestionarios.

• Realización das tarefas segundo as exixencias indicadas.

O/a alumno/a que non realice algunha desas actividades no prazo establecido poderá ser sancionado/a coa baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado/a coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de 6 meses.

No suposto de que as actividades realizadas non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do equipo docente, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de 6 meses desde a data do feito.

2. Parte presencial:

1º. Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

2º. Datas: 4 de maio.

3º. Horario: mañá e tarde, das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

4º. Contido:

• Módulo 5. Riscos específicos da actividade das agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC).

3. Proba presencial final.

1º. Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

2º. Data: 4 de maio.

3º. Horario: das 18.00 ás 19.00 horas.

4º. Contido: consistirá nun exame tipo test.

5º. Lista de admitidos: poderá realizar a proba presencial o alumnado que realice satisfactoriamente, a xuízo do equipo docente, todas as actividades da parte de formación en liña e da parte presencial do curso.

A lista de admitidos na proba presencial estará visible na plataforma de formación despois de finalizar as partes en liña e presencial do curso e unha vez que o equipo docente realice a correspondente avaliación.

6º. Exixencias: o alumnado deberá vir ao exame provisto de:

• DNI ou algún outro documento que acredite a súa identidade.

• Lapis do número 2.

• Goma de borrar.

Sexta. Requirimentos técnicos mínimos para os equipamentos do alumnado

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado), Google Chrome ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF necesítase ter instalado Acrobat Reader.

• Para que funcionen algúns elementos correctamente necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

Sétima. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp
(htpp://agasp.xunta.gal) e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderanse dirixir á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico
formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Oitava. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Novena. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e na orde indicada:

1º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

2º. Teñen preferencia as persoas de maior rango xerárquico na AVPC.

3º. Teñen preferencia as persoas con máis antigüidade como voluntarias de protección civil.

4º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Cando no proceso de selección non se completase a reserva do punto primeiro, a dita reserva, de existir suficiente número de solicitantes, completarase co resto de resto de solicitudes.

Décima. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal ou por fax ao número 886 20 61 23, e cunha antelación de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décimo primeira. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo segunda. Aloxamento e manutención.

A Agasp, para a parte presencial do curso, proporcionará sempre que sexa posible aloxamento de luns a venres na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico
formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

A Agasp tamén proporcionará a manutención ás persoas desempregadas admitidas nos cursos e así o soliciten, nos termos que esta estableza e sempre dentro do recinto da Agasp.

A situación de desemprego deberá ser acreditada polo/a alumno/a seleccionado/a na data de inicio do curso, mediante a presentación da tarxeta de desemprego ou calquera documentación acreditativa válida en dereito.

Todo isto, tanto o aloxamento coma a manutención, estará condicionado ás dispoñibilidades organizativas e orzamentarias da Agasp.

Décimo terceira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo cuarta. Faltas de asistencia

A asistencia á parte presencial do curso é obrigatoria, tal e como está regulado no artigo 16 do Regulamento de réxime interior da Agasp:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberanse xustificar debidamente, e penalizaranse disciplinariamente no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarada/o non apta/o, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderase ver obrigada/o a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporalle ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/do alumna/o ao longo do curso».

Décimo quinta. Certificado de aproveitamento

Entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que superen a totalidade do curso e a proba presencial final.

Décimo sexta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se fose o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 20 de febreiro de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública