Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 2 de marzo de 2018 Páx. 12451

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2018 pola que se convoca o II Curso superior de inspección ambiental de Galicia.

Conforme os fins que asigna á Escola Galega de Administración Publica a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o II Curso superior de inspección ambiental de Galicia, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

O II Curso superior de inspección ambiental aborda, desde unha perspectiva práctica, as modificacións normativas que tiveron lugar desde a realización do I Curso no ano 2014, no ámbito da inspección ambiental, así como no do traslado de residuos transfronteirizos.

Poden destacarse, así, como principais obxectivos do curso os seguintes:

• Actualizar coñecementos en relación coa normativa e os procedementos de inspección ambiental, de maneira específica nas actividades de prevención e control integrado da contaminación (IPPC) no campo industrial e no traslado de residuos transfronteirizos.

• Dotar dos coñecementos e das habilidades necesarias o persoal que realiza funcións de inspección ambiental e outro persoal técnico no campo do ambiente industrial para exercer as súas funcións adaptándose ás novas exixencias e cambios dos últimos anos.

2. Contidos.

Os contidos deste curso están estruturados nos seguintes temas:

• Tema 1. Normativa ambiental. Directivas europeas. Normativa española e normativa de Galicia. Principais novidades en materia de residuos e de avaliacións ambientais.

• Tema 2. Plan de inspección ambiental de Galicia. Programas de inspección ambiental. Subprogramas ambientais. Manual de inspección ambiental de Galicia. Colaboración e cooperación con outros organismos e entidades.

• Tema 3. Guías técnicas e procedementos de actuación nas inspeccións ambientais. Check list. Protocolos de inspección ambiental. Índices de risco ambiental. Aplicacións prácticas.

• Tema 4. Actividades non IPPC. Tipoloxía de inspeccións ambientais. Metodoloxía que se seguirá nestas inspeccións ambientais. Casos prácticos.

• Tema 5. Actividades IPPC. Tipoloxía de actividades IPPC. Metodoloxía que se seguirá nestas inspeccións ambientais. Casos prácticos.

• Tema 6. Desviacións ambientais de inspeccións ambientais en actividades IPPC. Grao de cumprimento das autorizacións ambientais integradas. MTD asociados aos valores límite de emisión. Casos prácticos. Experiencia dos últimos anos.

• Tema 7. Inspeccións ambientais en vertedoiros. Check list específico de vertedoiros. Guía de inspección en vertedoiros. Casos prácticos.

• Tema 8. Incidencia e urxencias ambientais. Inspección ambiental nos plans de emerxencia exterior (grupo de ambiental) e no plan CAMGAL. Casos prácticos.

• Tema 9. Inspeccións ambientais no traslado de residuos transfronteirizos. Diferente tipoloxía e procedementos. Subprogramas específicos. Casos prácticos.

• Tema 10. Aplicacións informáticas de inspección ambiental. Toma de mostras. Soporte documental administrativo na inspección ambiental. Redes de inspección ambiental.

3. Prazas: 30.

4. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, do subgrupo A1 da Administración pública autonómica de Galicia, que realice funcións de inspección ambiental, e persoal técnico superior da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio relacionado coa inspección ambiental.

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán cubrirse con persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, do grupo A1 da Administración pública autonómica de Galicia, que estea en posesión da titulación universitaria en química, bioloxía, enxeñaría ou veterinaria e realice funcións relacionadas coa inspección.

5. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: os mércores; 21 de marzo; 4, 11 e 25 de abril; 9, 16 e 23 de maio; 6, 13 e 20 de xuño de 2018.

Horas lectivas: 50.

Horario: de mañá, das 9.00 ás 14.00 horas.

6. Inscrición: prazo e documentación requirida.

As persoas interesadas deberán inscribirse a través do espazo «área de matrícula» da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/login.php).

O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación da convocatoria deste curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 12 de marzo de 2018.

As persoas solicitantes deberán acreditar por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal o cumprimento dos requisitos establecidos no punto 4 (titulación e funcións).

Non obstante, a EGAP reserva para si a facultade de solicitar documentación complementaria en caso necesario.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non acheguen a devandita acreditación e titulación con anterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 12 de marzo de 2018.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data de presentación das solicitudes, de acordo co establecido no punto 4.

8. Publicación da lista de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na parte deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde o día da súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase, no mesmo espazo, a listaxe definitiva das persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia:

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para iso, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. Asistencia e puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) Faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións:

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa, interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado electrónico de aproveitamento:

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública