Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2018 Páx. 12152

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se lle dá publicidade á parte dispositiva da Sentenza 457/2017, do 23 de novembro, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Para xeral coñecemento, de conformidade co disposto nos artigos 72 e 104 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, faise público que a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, con data do 23 de novembro de 2017, pronunciou a Sentenza 457/2017, ditada no procedemento ordinario 4756/2012, interposto pola Asociación Defende O Monte Pituco, sentenza que na súa parte dispositiva literalmente di:

«Por todo o exposto, en nome do rei, pola autoridade que lle confire a Constitución, esta sala decidiu:

1º. Estimar parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto polo procurador José Manuel Lado Fernández, en nome e representación da Asociación Defende O Monte Pituco, contra a aprobación do Plan xeral de ordenación municipal de Marín, por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 27 de xuño de 2012 (DOG de 9 de xullo) no sentido seguinte:

1. Desestimamos a pretensión de anulación total do PXOM de Marín.

2. Estimamos a pretensión de anulación das determinacións do PXOM de Marín relativas á clasificación e cualificación dos terreos incluídos no solo urbanizable delimitado de uso industrial (SUD PL-1), sen que proceda facer pronunciamento sobre a clasificación do dito solo, que será a que lle correspondera con anterioridade á aprobación do plan impugnado.

3. Desestimamos a impugnación no referente á anulación das determinacións do PXOM de Marín relativas á clasificación e cualificación, como solo urbano consolidado e sistema xeral portuario, dos recheos realizados no porto de Marín, declarados ilegais por Sentenza firme da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo do 30 de outubro de 2009, así como no relativo ás determinacións do PXOM de Marín relativas á ordenación urbanística das ampliacións do espazo portuario que aínda non se encontran executadas.

4. Desestimamos a pretensión de anulación do PXOM de Marín en canto á ordenación urbanística dos terreos do porto que na demanda se consideran pertencentes ao termo municipal de Pontevedra.

2º. Non facer imposición das custas procesuais causadas».

A citada sentenza foi declarada firme.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2018

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo