Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2018 Páx. 11862

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de febreiro de 2018 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Eduardo Blanco Amor.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Eduardo Blanco Amor, con domicilio na rúa do Progreso, núm. 32, 32003 Ourense.

Feitos:

1. José Manuel Baltar Blanco, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Eduardo Blanco Amor constituíuse en escritura pública outorgada en Ourense o 17 de outubro de 2017, ante a notaria María Teresa Fernández Carrera co número de protocolo 2.109, pola Deputación Provincial de Ourense, representada para este acto polo seu presidente José Manuel Baltar Blanco.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, son fins da fundación:

A conservación, difusión, promoción e tradución da obra de Eduardo Blanco Amor e o seu legado, facendo especial fincapé nos fondos bibliográficos (arquivo e publicación da biblioteca do escrito) propiedade da Deputación de Ourense, desde o 7 de maio de 1983.

A promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura, o xornalismo, a lingua galega, as artes, a fotografía e os estudos históricos e políticos abordados polo autor e polos investigadores da súa obra.

A dinamización e difusión sociocultural de todo o relacionado con Eduardo Blanco Amor, especialmente na provincia de Ourense, en Galicia, España e países de América relacionados co escritor.

A potenciación e difusión da cultura e da realidade social, sobre todo da época do escrito, en Ourense, Galicia, en xeral, e no exterior, e a colaboración con entes públicos e privados con fins semellantes.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Manuel Baltar Blanco como presidente da Deputación de Ourense como presidente; Eduardo Camilo Bóveda Sebastián como vicepresidente; María de los Ángeles Fernández Pérez como secretaria; e por Luis González Tosar, Maribel Outeiriño Rodríguez, Carlos Laíño Lorenzo, Siro López Lorenzo, Luis Pérez Rodríguez, Arturo Lezcano Fernández, Acisclo Manzano Freire, Bieito Iglesias Araujo, Gonzalo Allegue Otero, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, Eduardo-Camilo Bóveda Sebastián, Jesús Vázquez Abad como alcalde do Concello de Ourense, por Manuel Lorenzo Suárez como secretario xeral de Cultura e por Antón Vidal Andión en representación de Editorial Galaxia, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural, da Fundación Eduardo Blanco Amor, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de febreiro de 2018.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Eduardo Blanco Amor, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza