Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2018 Páx. 11109

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 15 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a documentación de solicitude de autorización ambiental integrada para a reforma e ampliación dunha explotación porcina de 1.250 a 2.865 porcos de ceba que Productos Miño, S.L. posúe no concello de Chantada, provincia de Lugo (expediente 2016-IPPC-I-84).

Para os efectos previstos no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), e no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

– Proxecto de autorización ambiental integrada e estudo de avaliación ambiental de explotación de ceba de porcino.

Promotora: Productos Miño, S.L.

Situación: Abral, Mato, Chantada (Lugo).

Para que calquera interesado poida consultalos e, se for o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio http://cmaot.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Prevencion_e_control_de_actividades?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/seccion.html&ui=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/dinamico/listado_ippc_central.html.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2017

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO
Memoria resumo

Clave do expediente: 2016-IPPC-I-84.

Peticionaria: Productos Miño, S.L.

CIF: B27180215.

Enderezo social: lugar de Soilán, s/n, Santa María Pesqueiras (Pazo do Piñeiro), 27516 Chantada (Lugo).

Localización da instalación: Abral, Mato, Chantada (Lugo). Un punto de localización da explotación porcina é o definido polas coordenadas UTM (FUSO 29, DATUM ETRS89): X: 598268, Y: 4717629.

Actividade: explotación porcina de ceba.

Descrición: o proxecto consiste na reforma e ampliación dunha explotación dedicada a ceba de gando porcino. A actividade actual realízase en catro naves con capacidade para 1.250 prazas de porcos de ceba e proxéctase a reforma de dúas naves existentes, despois da cal a explotación contará cunha capacidade total de 2.865 prazas. A explotación existente conta cunha fosa exterior de xurro e proxéctase a cubrición desta e a construción dunha nova fosa exterior cuberta para o almacenamento do xurro que se xerará na explotación.

Os ciclos de produción comezan coa entrada nas naves dos leitóns cun peso inicial de 18-20 kg de peso vivo e 2 meses de vida e finalizan cun peso medio de 90 kg de peso vivo e 111 días de estadía na explotación. Neste momento retíranse da explotación para o seu traslado ao matadoiro. O baleiro sanitario entre ciclos é de 10 días.

O xurro xerado na explotación será valorizado en parcelas agrícolas.

As augas derivadas desde a vivenda familiar existente nas inmediacións, así como as do local de aseo e vestiario e as augas de limpeza das naves de produción, serán conducidas á fosa de xurro. As augas pluviais verteranse directamente ao terreo.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2017/302 da Comisión do 15 de febreiro de 2017 pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no marco da Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello respecto á cría intensiva de aves de curral ou de porcos.