Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2018 Páx. 9341

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 20 de decembro de 2017 pola que se establece a convocatoria para o ano 2018 e se particulariza o seu importe global máximo, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto.

Mediante a Orde do 31 de decembro de 2016 (DOG núm. 23, do 2 de febreiro de 2017) aprobáronse as bases reguladoras xerais para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como expediente anticipado de gasto.

Na dita orde de bases reguladoras xerais, nos seus artigos 3.1 e 11.1 disponse que anualmente se publicarán os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais, así como os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades.

Coa finalidade de contribuír á conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, dítase esta orde de convocatoria para o exercicio 2018.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e abondo no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto fixar o importe global máximo, para o ano 2018, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables (código de procedemento PE209B).

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes e de resolución

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.770.1, código de proxecto 2016 00293 (dotada con fondos do FEMP (Prioridade 1. Fomentar unha pesca sostible, OE1.b), medida 1.2.1), na cal existe crédito suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, quedando a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe máximo das subvencións que se concedan no 2018 será de un millón novecentos dez mil euros (1.910.000 €) e distribuiranse nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2018: 830.000 €.

– Anualidade 2019: 1.080.000 €.

4. De conformidade co disposto no artigo 3.4 da orde de bases reguladoras xerais, os importes consignados para esta convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. As porcentaxes de co-financiamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Disposición transitoria primeira

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2018, serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 30 de xuño de 2019. Nembargantes, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o beneficiario presente a solicitude de axuda.

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde atenderase ao disposto nas bases reguladoras xerais aprobadas mediante a dita Orde da Consellería do Mar, do 31 de decembro de 2016 (DOG núm. 23, do 2 de febreiro de 2017).

En concreto e no referido a:

– Requisitos para solicitar a subvención e forma de acreditalos (artigos 4 e 5).

– Órganos competentes para a instrución e resolución (artigo 14).

– Documentos e información que deben presentar os solicitantes da axuda (artigo 12).

– Recursos (artigo 20).

– Criterios de valoración (artigo 16).

– Prazo e xustificación (artigo 22).

– Medios de notificación ou publicación (artigos 27 e 28).

Disposición adicional segunda

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira primeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file