Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2018 Páx. 7951

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, e se convocan para os anos 2018 e 2019.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realice unha política de fomento do movemento cooperativo e adopte as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas. O mesmo texto legal, na súa disposición adicional sétima, establece que a Xunta de Galicia poñerá en marcha accións de promoción, difusión, desenvolvemento, formación e fomento do cooperativismo no marco da súa acción política e como fórmula empresarial de creación e mantemento de emprego, cohesión territorial e vertebración económica e social de Galicia.

As cooperativas xunto con outras entidades (entre as que se atopan as sociedades laborais, os centros especiais de emprego, as empresas de inserción, as confrarías de pescadores e outras), forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo das persoas que as integran, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

A economía social, polos seus principios, perfílase cada día máis como un actor económico e social fundamental na sociedade actual. Co obxecto de promover o seu desenvolvemento creouse un instrumento de colaboración formado por entidades públicas e privadas que colaboran nun marco de actuación co mesmo obxectivo común de fomento, que presta especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. Este instrumento foi regulado mediante o Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.

De acordo co disposto no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e en aplicación do disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndenlle á Secretaría Xeral de Emprego as competencias na comunidade autónoma en materia de cooperativismo e economía social.

As axudas establecidas nesta orde forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e pretenden incentivar a realización de actividades de promoción e formación, por parte de entidades que se incorporaron á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. Deste modo promóvese a efectiva participación nesta rede das entidades adheridas.

O marco de actuacións que representa a Rede Eusumo permite a coordinación de actuacións e un maior e máis eficaz aproveitamento dos recursos dispoñibles para o labor de fomento, ao mesmo tempo que se facilita a aplicación de criterios de calidade e homoxeneidade nos labores de asesoramento realizados polas entidades.

As axudas concéntranse nun único programa, a diferenza de convocatorias anteriores. Con isto preténdese un maior impulso da Rede Eusumo, desde o punto de vista de aproveitar as potencialidades que presenta, cunha maior coordinación, cooperación e eficacia, con independencia da tipoloxía de cada entidade. Seguindo esa mesma liña, recóllese a posibilidade de presentación conxunta de solicitudes.

Neste marco de actuación, estas bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As axudas serán financiadas con cargo a fondos finalistas do Estado por tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE). Esta orde tramítase de conformidade co establecido no artigo 25 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, ao estar previsto a existencia de crédito suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións a entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social (procedemento TR811A).

CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo
para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo
e a economía social (procedemento TR811A)

Artigo 2. Principios de xestión

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Financiamento

1. A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2018 e 2019 e realizarase con cargo ás aplicacións da Secretaría Xeral de Emprego 09.40.324C.445.0, 09.40.324C.460.0 e 09.40.324C.481.1.

2. As axudas serán atendidas con fondos finalistas do Estado por tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

3. Estes importes poderán verse modificados ou incrementados con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración do Estado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde:

a) As asociacións de entidades de economía social.

b) Os concellos de Galicia, e as áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e os consorcios locais.

c) As cámaras de comercio.

d) As universidades.

e) As fundacións e asociacións, e as organizacións profesionais, empresariais e sindicais.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As asociacións de entidades de economía social, as fundacións e asociacións, e as organizacións profesionais, empresariais e sindicais deberán estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e estar ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos ditos rexistros.

b) Ter formalizada a súa adhesión á Rede Eusumo mediante a subscrición de convenio de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento con anterioridade á publicación desta orde.

Entenderase que cumpren este requisito os concellos pertencentes a unha agrupación de concellos, unha área metropolitana, unha mancomunidade de municipios ou un consorcio local que teñan subscrito o dito convenio.

c) Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

d) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

3. As entidades que poden ser beneficiarias poderán concorrer ás axudas de xeito individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo. Neste suposto, todas as entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En particular, deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe de subvención, que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

4. Ningunha entidade poderá figurar en máis dunha solicitude individual. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude presentada en primeiro lugar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figure a entidade incumpridora.

Porén, unha mesma entidade poderá figurar nunha solicitude individual e, ademais, nunha ou varias solicitudes conxuntas, sempre que concorra nestas con diferentes entidades socias.

Artigo 7. Actividades subvencionables

Son subvencionables as actividades de carácter informativo, divulgativo, formativo e de asesoramento dirixidas a fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social. A título orientativo, as actividades poderán consistir en:

a) Organización de actividades formativas, tales como cursos e obradoiros, que teñan por obxecto dar a coñecer os principios e características propias da economía social ou dalgunha das tipoloxías de entidades que a conforman, mellorar o funcionamento das entidades e propiciar a súa consolidación e crecemento, así como formar o persoal responsable de titorías, especializado no asesoramento e acompañamento de proxectos.

b) Organización de actividades de difusión como xornadas, conferencias, simposios, charlas ou visitas formativas.

c) Celebración de feiras, mostras e congresos.

d) Celebración de encontros entre entidades de economía social, ou entre estas e outros actores económicos, dirixidas á mellora da xestión, aos intercambios comerciais, á intercooperación para a posta en marcha de actividades, á obtención de financiamento e outras que contribúan de xeito directo á consolidación dos proxectos de economía social.

e) Actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores ou a entidades de economía social preexistentes, para a posta en marcha de novos proxectos ou consolidación do negocio, realizadas de conformidade co «Itinerario do emprendemento en economía social» para o asesoramento en economía social http://eusumo.gal/asesoramento. Estas actividades serán subvencionables sempre que se acadasen un mínimo de 10 horas de asesoramento e se completasen os bloques I (presentación do proxecto) e II (deseño do modelo de negocio) do dito itinerario, e se teña iniciado ou derivado a outra entidade para o inicio do seguinte bloque.

f) Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, así como manuais, guías, unidades didácticas ou similares, sempre que sexan inéditos.

g) Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.

h) Elaboración de plans estratéxicos de carácter plurianual para o desenvolvemento da economía social.

i) Calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo e a economía social.

Artigo 8. Gastos subvencionables

1. Normas xerais:

1.1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

1.2. Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

1.3. Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. Normas específicas para diferentes tipos de gasto.

2.1. No caso de actividades formativas e divulgativas a que se refire o artigo 7.a) e 7.b) serán subvencionables os gastos correspondentes ás accións en que se acredite a asistencia mínima de 10 alumnos/as, xustificada na forma establecida nesta orde e sempre que polo menos o 70 % do alumnado acredite unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.

Serán subvencionables os custos directos asociados á realización da actividade, así como os custos indirectos e os correspondentes á organización das actividades, sempre que, conxuntamente, non superen o 30 % do custo total da actividade realizada e xustificada.

2.1.1. Consideraranse custos directos os seguintes:

a) As retribucións do persoal formador interno e externo no exercicio das actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes das accións formativas.

b) Os gastos de amortización de equipamentos didácticos e plataformas tecnolóxicas, calculados con criterios de amortización aceptados nas normas de contabilidade, así como o alugamento ou arrendamento financeiro destes, excluídos os xuros, soportados na execución das accións formativas e de xeito proporcional a estas.

c) Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións formativas, incluíndo o material de protección e seguridade. Así mesmo, no caso da teleformación, os custos imputables aos medios de comunicación utilizados entre o persoal formador e participantes.

d) Os gastos de alugamento, arrendamento financeiro, excluídos os xuros, ou amortización das aulas, obradoiros e demais superficies utilizadas na realización da formación.

e) Gastos de seguro de accidentes das persoas participantes.

f) Gastos de publicidade para a organización e difusión das accións formativas.

Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e xustificaranse os criterios de imputación a esta.

2.1.2. Considéranse custos indirectos e gastos de organización os seguintes:

a) Os custos de persoal de apoio tanto interno como externo e todos os necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

b) Os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a súa adecuada preparación ou execución. Non serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

c) Outros custos: electricidade, auga, calefacción, mensaxaría, comunicacións, limpeza e vixilancia, asociados á execución da actividade formativa.

De conformidade co artigo 29, punto 9, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estes custos imputaranse polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida na que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

2.1.3. Para as actividades divulgativas e formativas, non serán subvencionables os gastos correspondentes a manutención das persoas asistentes, tales como servizos de comidas e pausa-café.

2.2. Para a subvención de custos de persoal asociados a calquera tipo de actividade só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou o posto de traballo, as pagas extraordinarias, as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF, así como as axudas de custo.

Artigo 9. Contía das axudas

1. A contía das axudas non poderá superar o 80 % dos gastos necesarios para a realización das actividades.

2. Establécense, así mesmo, os seguintes límites de subvención para as actividades que se indican a continuación:

a) Unha cantidade máxima de 3.000,00 euros por cada actividade divulgativa ou formativa a que se refire o artigo 7.a) e 7.b), cun custo máximo de douscentos euros (200,00 €) por hora de duración efectiva para a primeira edición das actividades e cento cincuenta euros (150,00 €) por hora para as segundas e sucesivas edicións dunha mesma actividade.

Os gastos de material e papelaría e fotocopias será elixible ata o límite de 8 €/por cada alumno/a con asistencia acreditada de acordo co sinalado no artigo 8.2.1 desta orde.

b) Celebración de encontros a que se refire o artigo 7.d): 1.500,00 euros por cada actividade.

c) Actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores ou a entidades de economía social, a que se refire o artigo 7.e): ata un máximo de 20,00 euros por hora de atención e 2.000,00 euros por itinerario completado.

3. A contía máxima da axuda por todos os conceptos subvencionables non poderá exceder dos 100.000,00 euros por anualidade para cada entidade beneficiaria. Non obstante, se, unha vez atendidas todas as solicitudes que cumpran os requisitos previstos nesta orde para acceder ás axudas, quedan remanentes de crédito, poderá procederse á súa distribución, seguindo a orde de prelación existente, e ata un máximo de 70.000,00 euros adicionais por anualidade e entidade beneficiaria. Todo o anterior enténdese sen prexuízo do disposto no artigo seguinte.

Artigo 10. Incentivo adicional

1. No caso de existir remanente de crédito unha vez adxudicadas as axudas previstas no artigo anterior, e en compensación do esforzo asociado ao labor de impulso e promoción de lanzamento de proxectos cooperativos e de economía social, concederase un incentivo adicional por cada grupo promotor que alcanzase a fase de constitución formal durante o ano natural inmediatamente anterior a aquel en que se presente a solicitude.

2. A entidade solicitante terá dereito a percibir un importe adicional máximo de mil euros (1.000,00 €), se é o caso, ao establecido no artigo 9.3, por cada entidade de economía social constituída ata un máximo de dez mil euros (10.000,00 €) adicionais por entidade beneficiaria.

De non resultar suficiente o crédito dispoñible para atender os ditos importes adicionais, as contías destes reduciranse proporcionalmente.

Artigo 11. Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Documentación complementaria

1. A documentación que deberá acompañar a solicitude é a seguinte:

a) para as entidades a que se refire o artigo 6.1.a) e 6.1.e), certificación do rexistro competente que acredite a súa inscrición nel, así como que están ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos ditos rexistros. Non será necesario achegar a documentación acreditativa dos datos existentes nos rexistros dependentes da Secretaría Xeral de Emprego.

b) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

c) Memoria de cada entidade asinada pola persoa que exerza a representación legal e que conteña:

1. Breve descrición das actividades realizadas durante o ano 2017 en relación co fomento do cooperativismo e a economía social, identificando claramente aquelas que foron obxecto de subvención ao abeiro das axudas a entidades colaboradoras da Rede Eusumo.

2. Breve descrición das actividades previstas para os anos 2018 e 2019 co mesmo obxecto, identificando as que serán obxecto de solicitude de axuda con arreglo a este programa.

d) Proposta das actividades para as que se solicita a axuda, especificando, como mínimo, para cada unha delas:

1. A súa finalidade.

2. A descrición detallada do seu contido e plan de traballo.

3. As persoas destinatarias, indicando o número previsto delas.

4. Os medios previstos para a súa realización.

5. Cronograma.

6. Informe relativo á capacidade profesional das persoas que vaian desenvolver as actividades.

7. Orzamento detallado e individualizado por conceptos, cuantificado economicamente por anualidades e co IVE desagregado, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento e a porcentaxe de actividades que se pretendan subcontratar.

8. Declaración da lingua utilizada no desenvolvemento das actividades.

e) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente por varias entidades, documento en que se acorde a colaboración entre elas, a designación da que as representa, os compromisos asumidos por cada unha delas para a execución das actividades e o importe de subvención solicitado por cada unha.

f) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente por varias entidades, autorización á entidade sinalada como representante da presentación da solicitude en nome do resto e autorización ou denegación da comprobación dos seus datos, de acordo co sinalado no artigo 13 (anexo II).

g) De ser o caso, declaración relativa aos grupos promotores que formalizaron a súa constitución como entidade de economía social no ano inmediatamente anterior, con identificación das súas características e as persoas integrantes, e asinada de conformidade por todas elas.

h) Se é o caso, documentación acreditativa de que a entidade solicitante non pode recuperar o IVE soportado.

i) No caso de concellos ou outras entidades ás que se refire o artigo 6.1.b), certificación expedida pola secretaría da entidade local, ou persoa á que legalmente lle corresponda, do acordo polo que se solicita a subvención e se aceptan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incursa a entidade solicitante nas prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante e das persoas por quen se solicita subvención.

c) Certificación de atoparse ao día das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificación de atoparse ao día das obrigas coa Atriga.

e) Certificación de atoparse ao día das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Emenda de solicitudes

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Subdirección Xeral de Economía Social, para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

No caso de que a solicitude sexa presentada de xeito presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, requirirase o interesado para que a corrixa a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realice a emenda.

2. Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Secretaría Xeral de Emprego, a que se refire o artigo 12.1.a) así como as certificacións correspondentes aos datos indicados no artigo 13.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que aplicará os criterios de valoración sinalados no artigo 17.

Non obstante, no suposto de que, unha vez analizadas todas as solicitudes polo órgano instrutor, resulte que existe crédito orzamentario suficiente para a totalidade de solicitudes presentadas, non será necesaria a valoración das solicitudes pola comisión de avaliación.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Comisión de avaliación

1. A comisión de avaliación das solicitudes presentadas estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Economía Social, que a presidirá, a persoa titular da xefatura de Servizo de Cooperativas e Economía Social e dúas persoas funcionarias designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, actuando unha delas como secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa funcionaria que, para o efecto, designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa en que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria.

2. A comisión de valoración levantará acta en que conste a valoración efectuada e trasladaralla ao órgano instrutor, quen formulará proposta de resolución.

3. Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada e homes e mulleres.

Artigo 17. Criterios obxectivos de concesión

1. Para a concesión das axudas realizarase unha comparación de todas as actividades propostas nas solicitudes presentadas, asignándolles a puntuación que corresponda segundo os seguintes criterios:

a) Pola presentación conxunta de solicitudes. Actividades incluídas en solicitudes formuladas conxuntamente por dúas ou máis entidades solicitantes: 10 puntos

b) En función da tipoloxía da actividade:

b.1) Actividades incluídas nalgunha das categorías seguintes: 15 puntos.

i. Actividades formativas cun mínimo de 40 horas de duración.

ii. Actividades de asesoramento e acompañamento.

b.2) Actividades incluídas nalgunha das categorías seguintes: 10 puntos.

i. Actividades formativas cun mínimo de 15 e menos de 40 horas de duración.

ii. Celebración de feiras, mostras ou congresos.

iii. Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.

iv. Elaboración de plans estratéxicos.

b.3) Actividades incluídas nalgunha das categorías seguintes: 5 puntos.

i. Actividades formativas de menos de 15 horas de duración.

ii. Actividades de difusión como xornadas, conferencias, simposios, charlas ou visitas formativas.

iii. Celebración de encontros entre entidades de economía social.

iv. Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, etc.

v. Calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo e a economía social, non comprendidas nas epígrafes anteriores.

c) En función do colectivo destinatario:

c.1) actividades de cuxo contido e formulación derive claramente que o colectivo destinatario son as mulleres: 5 puntos.

c.2) actividades de cuxo contido e formulación derive claramente que o colectivo destinatario son as persoas en risco de exclusión: 5 puntos.

d) Pola calidade da definición e precisión na presentación das actividades propostas: de 0 a 5 puntos.

e) Polo carácter innovador das actividades propostas en canto ao seu obxecto, finalidade ou metodoloxía, pola idoneidade do seu deseño, así como pola relevancia dos efectos esperados: de 0 ata 10 puntos.

A puntuación total da actividade será a suma das puntuacións obtidas nas epígrafes a), b), c), d) e e). Dentro dunha mesma epígrafe só se poderá obter puntuación por un dos criterios recollidos nela.

2. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada a cada unha das actividades para as que se solicita a subvención e ordenada de acordo con ela.

3. O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes correspondentes ás actividades que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

En caso de empate de puntos de baremación, asignarase a subvención ás entidades beneficiarias que empreguen a lingua galega na realización das actividades. Se persistise o empate, terán prioridade as solicitudes que obtivesen maior puntuación no criterio sinalado na letra a), logo no sinalado na letra b) e así sucesivamente. De persistir o empate, asignarase a subvención segundo a súa orde de entrada.

4. No suposto de renuncia ou non aceptación da subvención por parte dalgún beneficiario e/ou de ampliación do crédito, e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente poderá acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ás actividades seguintes na orde de puntuación.

Artigo 18. Proposta de redistribución

1. Se da asignación de crédito derivada do artigo anterior resultase que se esgota o crédito dunha anualidade en que hai actividades propostas que non obterían subvención, mentres que aínda existe crédito sen asignar doutra anualidade, o órgano concedente formulará proposta de redistribución das anualidades para as actividades afectadas.

2. A dita proposta será enviada á entidade solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, a acepte ou a rexeite. En caso de non contestar nese prazo, entenderase a proposta rexeitada e resolverase a convocatoria de acordo coa distribución inicial.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle á Secretaría Xeral de Emprego por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses, contados desde o fin do prazo da presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Unha vez notificada a resolución as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 20. Execución das actividades

1. As actuacións subvencionadas deben executarse nas condicións descritas na memoria descritiva das actividades, sen prexuízo do sinalado no artigo 24.

2. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva das entidades solicitantes, ben que a consellería debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con elas.

3. Con carácter previo á realización de actividades divulgativas ou formativas ou á celebración de encontros a que se refiren as letras a), b), c) e d) do artigo 7, para as que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá poñer en coñecemento da Subdirección Xeral de Economía Social, cunha antelación mínima de cinco días hábiles ao seu inicio, os seguintes datos:

– Nome das actividades.

– Datas de inicio e remate e o horario de realización.

– Planificación temporal dos módulos da acción formativa ou da actividade divulgativa, se é o caso.

– O enderezo completo do lugar de realización.

– Relación nominal das persoas docentes/relatoras con especificación o seu DNI.

4. De todo o material e documentación obxecto do financiamento da consellería, esta poderá facer uso coa finalidade de multiplicar o efecto promotor en toda a comunidade autónoma.

Artigo 21. Subcontratación

Autorízase a subcontratación con terceiros ata unha porcentaxe máxima do 50 % do custo total de cada unha das actividades subvencionadas a través desta convocatoria, coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos nos cales teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

2. No caso de actividades consistentes en elaboración de estudos, informes, traballos de investigación, manuais, guías, unidades didácticas ou similares, así como dos plans estratéxicos a que se refiren, respectivamente, as letras f) e h) do artigo 7 desta orde, o órgano concedente poderá autorizar a superación desta porcentaxe, en casos debidamente xustificados e logo de solicitude da entidade interesada.

Artigo 22. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.

2. O importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde non poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria, en que se incluirán todos os custos directamente derivados dela.

3. O importe máximo das axudas para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nestas bases reguladoras.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidade beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, en especial, as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

f) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, nos termos establecidos na normativa vixente sobre actividades de información e publicidade e na normativa aplicable polo carácter finalista dos fondos.

As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado tanto na súa forma coma na súa duración, e deberán incluír a imaxe institucional da Xunta de Galicia e da Rede Eusumo, así como lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben mencións realizadas en medios de comunicación.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 24. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade á que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Tamén se poderá autorizar expresamente a modificación da resolución de concesión, por solicitude da entidade beneficiaria, se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin dane dereitos de terceiros.

b) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude.

3. A solicitude de modificación debe formulala a persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria, na forma sinalada no artigo 11, expresando os motivos e os cambios que se propoñen.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano competente para resolver a solicitude de subvención. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle á persoa interesada.

Artigo 25. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento por cada unha das anualidades en función das actividades xustificadas e de acordo coa resolución de concesión.

As solicitudes presentaranse conforme o modelo do anexo IV, acompañada da documentación que se especifica no artigo seguinte, na forma sinalada no artigo 11.

2. As solicitudes de pagamento e a documentación xustificativa da subvención presentaranse nos prazos fixados na resolución de concesión da axuda e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Excepcionalmente, este prazo poderá ser prorrogado de xeito extraordinario e por causas debidamente xustificadas, por un prazo non superior a 15 días, sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros e que permita a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá á entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro, se é o caso, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos da xustificación, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

5. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique mediante documentos bancarios, en que deberán quedar claramente identificadas as persoas ou entidades receptoras e as emisoras dos pagamentos así como o concepto destes. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

6. A Subdirección Xeral de Economía Social analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará á Secretaría Xeral de Emprego, órgano competente para ordenar o pagamento.

7. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida como subvención.

8. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

9. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexan debedoras en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teñan algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

10. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá, excepcionalmente solicitar, de xeito motivado, a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que, de acordo co artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, xa se atope en poder da administración actuante.

Artigo 26. Documentación xustificativa para o pagamento

As entidades beneficiarias deberán achegar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, termos e na forma que estableza a resolución da concesión e que constará dos seguintes documentos:

a) Memoria resumo da execución do programa subvencionado, que inclúa a xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada, así como a xustificación da porcentaxe de imputación, asinada pola persoa que teña a representación da entidade beneficiaria

b) Certificación detallada expedida pola persoa que ocupe o cargo da secretaría da entidade, dos gastos realizados e do cumprimento dos fins obxecto da subvención.

c) Relación debidamente asinada pola persoa que ocupe a secretaría da entidade, das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, en que deberán constar:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

d) Facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra c). Nos xustificantes bancarios deberá constar, claramente, a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

e) Cando a xustificación comprenda gastos de persoal a documentación xustificativa consistirá en:

– Contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social, documento de ingreso das retencións a conta do IRPF (modelo 111) e xustificantes bancarios de pagamento das retribucións, correspondentes á persoa contratada. Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

– Partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

f) No caso de actividades formativas e divulgativas (cursos, xornadas e similares) deberá achegarse, ademais, relación de persoas asistentes, por cada unha das sesións celebradas, segundo modelo que figura como anexo V, debidamente asinada por todas elas, así como certificación do persoal docente ou responsable da actividade onde conste a asistencia do alumnado ou participantes segundo o establecido no artigo 8, punto 2.1 desta orde.

g) Copia de todos os documentos xerados durante a execución dos proxectos como, por exemplo, documentos de difusión, materiais entregados, material docente, etc.

h) Documentación acreditativa da repercusión pública das accións executadas, cando proceda.

i) No caso de actividades de asesoramento e acompañamento de grupos promotores e entidades de economía social a que se refire o artigo 7.e) deberá achegarse un informe de seguimento, segundo o modelo que forma parte do «Itinerario do emprendemento en economía social», debidamente asinada polas persoas participantes e pola entidade beneficiaria. Deberán especificar os custos das xestións realizadas durante esta actividade.

j) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo III. No caso de solicitude conxunta, deberá presentarse un por cada unha das entidades solicitantes.

k) No caso de non estar exenta da obriga de levar contabilidade, balance provisional de fondos da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada da subvención.

l) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes de anticipos non aplicados así como dos xuros derivados destes.

Artigo 27. Pagamento anticipado

Unha vez acreditada a aceptación da subvención e se así o solicita o beneficiario, poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata un 80 % do importe da subvención, sen que en ningún caso, o pagamento anticipado poida superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, segundo o previsto nos artigos 63 e 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, en referencia aos pagamentos anticipados e a exoneración da constitución de garantía por tratarse de entidades non lucrativas e administracións públicas.

Artigo 28. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da axuda

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento das obrigas establecidas no artigo 23 letras e) e f), dará lugar a un reintegro dun 2 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga establecida no artigo 23 letra d) dará lugar ao seguinte reintegro da axuda concedida:

i. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, procederá ao reintegro do 5 % do importe da subvención percibida.

ii. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, procederá ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo de sancións que puidesen corresponder.

d) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobro ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sobre infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións.

Artigo 29. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención, indicando expresamente a beneficiaria da subvención e o número de expediente.

2. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente memoria explicativa das circunstancias que dan lugar a devolución, con expresión das persoas ou entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados con indicación das contías do principal da subvención que se devolve e dos xuros aplicados. A memoria deberase acompañar da copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

Artigo 30. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da administración, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

3. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e para estes efectos as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

CAPÍTULO II
Convocatoria de axudas para os anos 2018 e 2019

Artigo 31. Convocatoria

Convócanse para os anos 2018 e 2019, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social reguladas por esta orde.

Artigo 32. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 33. Período de execución das accións

O período de execución de accións será o comprendido entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2019.

Artigo 34. Xustificación das accións subvencionadas

1. As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos mediante solicitude conforme o modelo do anexo IV.

2. As entidades beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente. A primeira anualidade comprende as actuacións realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018 e a xustificación presentarase con data límite do 16 de outubro de 2018. A segunda anualidade comprende as actuacións realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de setembro de 2019 e a xustificación presentarase con data límite do 16 de outubro de 2019.

Artigo 35. Financiamento e normativa reguladora

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo ás aplicacións 09.40.324C.445.0, 09.40.324C.460.0 e 09.40.324C.481.1 cunha contía inicial de un millón cento vinte e catro mil euros (1.124.000,00 €), distribuído en dúas anualidades:

Aplicación

2018

2019

Total

09.40.324C.445.0

20.000,00

14.000,00

34.000,00

09.40.324C.460.0

150.000,00

100.000,00

250.000,00

09.40.324C.481.1

480.000,00

360.000,00

840.000,00

Total

650.000,00

474.000,00

1.124.000,00

Adicionalmente, no caso de resultaren beneficiarias as universidades, habilitarase a aplicación orzamentaria 09.40.324C.444.0.

2. A dita distribución poderá alterarse, logo das modificacións orzamentarias precisas, en función da tipoloxía de entidades que vaian realizar as actividades que resulten subvencionadas.

Artigo 36. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo a que se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria a favor da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Remanentes de crédito

Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resulta remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición adicional terceira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación, nos casos en que así o prevé a norma reguladora, autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxa finalidade é a xestión das relacións administrativas coa cidadanía, entre elas procedementos administrativos, rexistros, portelo electrónico 24×7, axudas, subvencións; e a xestión das relacións administrativas con entidades sen ánimo de lucro que manteñan relación coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través de correo electrónico a lopd.industria @xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file