Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2018 Páx. 6390

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (PO 184/2016).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que por resolución ditada no día da data, no proceso seguido por instancia de Manuel Rozas Couselo contra Seijas y Amigo, S.L., en reclamación por ordinario, rexistrado co número de procedemento ordinario 184/2016, se acordou, en cumprimento do que dispón o artigo 59 da LXS, citar cautelarmente a Seijas y Amigo, S.L., en ignorado paradoiro, co fin de que compareza o día 26 de febreiro de 2018, ás 11.15 horas, na planta baixa, sala 1, Edificio Rúa Berlín, para a celebración dos actos de conciliación e, de ser o caso, xuízo. Poderá comparecer persoalmente ou mediante persoa legalmente apoderada e deberá acudir con todos os medios de proba de que se intente valer, coa advertencia de que é única convocatoria e que estes actos non se suspenderán por falta inxustificada de asistencia.

Ao se ter solicitado o interrogatorio de parte e ao ser esta persoa xurídica, débense facer as advertencias que se conteñen no artigo 91.3 e 5 da LXS. Conforme dispón o dito precepto, o interrogatorio das persoas xurídicas privadas practicarase con quen legalmente as represente e teña facultades para responder a tal interrogatorio. Se o representante en xuízo non interviñese nos feitos, deberá achegar ao xuízo a persoa coñecedora directa destes. Con tal fin, a parte interesada poderá propor a persoa que se deba someter ao interrogatorio, xustificando debidamente a necesidade de tal interrogatorio persoal.

A declaración das persoas que actuasen nos feitos litixiosos en nome do empresario, cando sexa persoa xurídica privada, baixo a responsabilidade deste, como administradores, xerentes ou directivos, soamente se poderá acordar dentro do interrogatorio da parte por cuxa conta actuasen e en calidade de coñecedores persoais dos feitos, en substitución ou como complemento do interrogatorio do representante legal, salvo que, en función da natureza da súa intervención nos feitos e da súa posición dentro da estrutura empresarial, por non prestar xa servizos na empresa ou para evitar indefensión, o xuíz ou tribunal acorde a súa declaración como testemuñas.

O seu interrogatorio como demandado.

Para tal efecto indícase que, se non comparece, se poderán ter por certos os feitos da demanda en que interviñese persoalmente e lle resultaren en todo ou en parte prexudiciais (artigo 91.2 da LXS).

Advírtese a destinataria de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, agás no suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamento.

En caso de que pretenda comparecer no acto de xuízo asistida de avogado ou representada tecnicamente por graduado social colexiado, ou representada por procurador, porá esta circunstancia en coñecemento do xulgado ou tribunal por escrito, dentro dos dous días seguintes ao da súa citación para o xuízo co obxecto de que, unha vez trasladada esta intención ao demandante, poida este estar representado tecnicamente por graduado social colexiado, ou representado por procurador, designar avogado noutro prazo igual ou solicitar a súa designación a través da quenda de oficio. A falta de cumprimento destes requisitos supón a renuncia da parte ao dereito de se valer no acto de xuízo de avogado, procurador ou graduado social colexiado.

E para que sirva de citación a Seijas y Amigo, S.L., expídese esta cédula para a súa publicación no Boletín Oficial da provincia e colocación no taboleiro de anuncios deste xulgado.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2018

A letrada da Administración de xustiza