Mediante a Orde do 11 de abril de 2005 pola que se regula o acceso ao certificado electrónico de identidade polos/as profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego, a Consellería de Sanidade desenvolveu os elementos necesarios para a identificación individualizada dos/das profesionais que interveñen nos ditos procedementos; tal e como se recolle no Decreto 70/2004, do 25 de marzo, polo que se establece o código numérico persoal dos/das profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego.
Desde ese intre, o marco lexislativo tense ampliado, e mediante o Real decreto 1671/2009, do 6 de novembro, polo que se desenvolve parcialmente a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, determinouse como sistema de sinatura electrónica os «certificados de empregado público» así como o documento nacional de identidade electrónico, regulado polo Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro.
Co obxectivo de dispoñer deste tipo de certificados, existirá un prestador de servizos de certificación para todo o ámbito sanitario público galego, que expedirá os certificados electrónicos cumprindo cos requisitos establecidos na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, para que sexan cualificados como recoñecidos, e proverá os recursos necesarios para poder comprobar a validez de cada un dos certificados nas operacións de sinatura.
Aínda que ata o momento a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde estiveron a utilizar os servizos da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre-Real Casa de la Moneda, como prestador de servizos de certificación, a partir da publicación desta orde producirase un cambio do prestador e no futuro estes cambios de prestador poden ser habituais.
Pola súa vez, nas aplicacións informáticas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde que requiran ou admitan o emprego da sinatura electrónica, adoptaranse as medidas técnicas necesarias para permitir unicamente sinaturas baseadas en certificados electrónicos recoñecidos e comprobables.
É por iso que se acomete a adopción desta norma, de xeito que as persoas usuarias de aplicacións que requiran o uso de sinatura electrónica deberán facer uso obrigatoriamente do certificado de identidade proporcionado pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde. Poden existir excepcións no caso de entidades que xustifiquen que os/as seus/súas profesionais dispoñen de certificados que ofrecen as mesmas garantías e así sexa recoñecido pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, así como a posibilidade de utilizar o documento nacional de identidade electrónico.
En consecuencia, e co obxecto de acadar estes fins, no uso das facultades que me confiren o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
ACORDO:
Artigo 1. Identificación do persoal empregado público da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde
1. Todos/as os/as profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego, e que no desempeño das súas funcións precisen acceder ás aplicacións informáticas da consellería competente en materia de sanidade e do Servizo Galego de Saúde que incorporen sinatura dixital, e realizar anotacións nelas, deberán obter, utilizar e custodiar un certificado electrónico. O dito certificado será un certificado de empregado/a público/a no caso das persoas con vínculo contractual directo coa consellería competente en materia de sanidade ou Servizo Galego de Saúde, podendo ser de persoa física no resto dos casos.
2. O centro onde o/a profesional estea vinculado facilitará os medios necesarios para a obtención deste certificado.
3. A administración sanitaria proverá aos/ás profesionais dunha tarxeta electrónica portadora do dito certificado, a medida que se vaian implantando nos centros as aplicacións informáticas que requiran o uso destes. As unidades nas que se emitirán estes certificados e tarxetas estarán claramente identificadas como puntos onde se realiza esta acreditación electrónica e difundirase a súa existencia entre todo o persoal.
Artigo 2. Outros sistemas de identificación
1. Recoñécense tamén outros medios de sinatura dixital que proporcionen niveis de seguridade equivalente, como o documento nacional de identidade electrónico e os certificados profesionais emitidos por outras entidades, sexan estas do sector público, do sector privado ou de colexios oficiais sempre que as aplicacións informáticas o poidan permitir.
2. Non se poderá, con carácter xeral, utilizar certificados non instalados en tarxeta nas aplicacións que accedan a datos de carácter persoal cualificados como de especial protección pola lexislación vixente. A única alternativa que se considera ás tarxetas é a utilización de certificados xerados e instalados nos dispositivos criptográficos do tipo módulos de seguridade hardware (HSM) que estean recoñecidos pola consellería competente en materia de sanidade e o Servizo Galego de Saúde.
Artigo 3. Información sobre os obxectivos do proceso e sobre o prazo de execución
A información necesaria para que os/as profesionais coñezan os obxectivos do proceso e os prazos de execución a que se refire esta orde, farase pública utilizando medios electrónicos.
Disposición adicional única. Información sobre a certificación
Os/as profesionais poderán solicitar información do prestador de servizos de certificación para a consellería competente en materia de sanidade e o Servizo Galego de Saúde nos puntos onde se realice a acreditación electrónica.
Disposición transitoria única. Limitación de identificación a empregados públicos e persoal con vínculo contractual
Tras un período máximo de dous anos desde a publicación desta orde, a administración sanitaria galega soamente emitirá certificados de empregados/as públicos/as e proporcionará tarxetas ás persoas con vínculo contractual con ela.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda expresamente derogada la Orde do 11 de abril de 2005 pola que se regula o acceso ao certificado electrónico de identidade polos profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego.
Disposición derradeira primeira. Medidas de execución
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade para adoptar as medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2018
Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade