Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2018 Páx. 4493

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 4/2018, do 11 de xaneiro, polo que se crea a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021.

Os Camiños de Santiago supoñen historicamente un constante fluxo de peregrinos e peregrinas que, no seu itinerario cara a Santiago de Compostela, veñen construíndo unha cultura común europea ao longo de máis de mil anos de historia en común.

A política desenvolta pola Xunta de Galicia a principios dos anos noventa do pasado século revitalizou os Camiños de Santiago e fixo que nas últimas décadas estes camiños experimentasen un extraordinario pulo, vivindo un novo tempo de peregrinación, de intercambio de ideas, de culturas e de nacionalidades que converten os Camiños de Santiago e Galicia en elementos referenciais en Europa e en gran parte do mundo.

Non se pode esquecer, ademais da vertente cultural e relixiosa, o efecto económico e xerador de riqueza que achegan os Camiños de Santiago, especialmente, nos anos santos e que afectan tanto a cidade de Santiago de Compostela como o resto do territorio galego.

En consecuencia, a celebración do Ano Santo Xacobeo no ano 2021 constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzamento da dimensión internacional dos Camiños de Santiago e da propia comunidade, e leva consigo un amplo despregamento de actuacións en distintos ámbitos.

Así, a organización deste evento supón a planificación, programación e desenvolvemento de actuacións en materia de cultura, educación, turismo, sanidade, protección civil, patrimonio, infraestruturas, etc.

A consideración da organización dos actos con motivo da celebración do Ano Santo Xacobeo 2021 como un proxecto unitario require de mecanismos que garantan a coordinación das distintas actuacións e a participación e colaboración das administracións públicas e outras persoas e entidades neste evento.

Con este fin, a creación dunha comisión organizadora, como órgano colexiado con participación de distintos departamentos da Xunta de Galicia e doutras entidades relacionadas co evento, xunto coa designación dun/dunha comisario/a que actuará como cargo de apoio á dita comisión organizadora, constitúen os instrumentos básicos para procurar unha actuación coordinada que asegure o seu éxito en todas as súas vertentes.

Na comisión organizadora, ademais das persoas representantes da Administración autonómica, invitaranse para a súa participación como membros de pleno dereito as persoas representantes do Concello de Santiago e dos concellos galegos polos cales pasan os Camiños de Santiago, e as persoas representantes da Delegación do Goberno en Galicia e do Arcebispado de Santiago.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 11 de xaneiro de 2018,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación e adscrición

1. Créase a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 como órgano colexiado de coordinación e asesoramento para a promoción e organización do Xacobeo 2021.

2. A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 estará adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia.

3. En todo o non regulado neste decreto será de aplicación o establecido na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 2. Funcións

1. Son funcións da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021:

a) Fomentar e impulsar as actuacións das diferentes administracións públicas e, en especial, servir de instrumento de coordinación nas actuacións dos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico e dos concellos galegos, en relación coa organización e promoción do Xacobeo 2021, sen prexuízo do exercicio das competencias que lles sexan propias.

b) Definir as liñas estratéxicas para a aprobación do Plan estratéxico do Xacobeo 2021.

c) Elaborar e aprobar a programación de actividades do Xacobeo 2021 no marco do Plan estratéxico do Xacobeo 2021 e dos plans operativos anuais de desenvolvemento.

d) Aprobar a marca e o logo do Xacobeo 2021 e as condicións para a súa utilización.

e) Colaborar coas demais administracións e entidades públicas que participen na organización e desenvolvemento das actuacións do Xacobeo 2021.

f) Promover a participación privada na realización de proxectos e actividades que se desenvolvan con motivo do Xacobeo 2021 a través de convenios, patrocinios, doazóns ou calquera outra modalidade de colaboración.

g) Promover a aprobación de incentivos fiscais que poidan ser aplicables ás persoas físicas ou xurídicas que participen como patrocinadores privados de actividades organizadas polas distintas administracións públicas no marco da programación do Xacobeo 2021.

h) Impulsar a promulgación das disposicións e a realización das actuacións necesarias para a organización e coordinación do Xacobeo 2021.

i) Promover a adopción dos acordos necesarios para a difusión e promoción do evento.

j) Servir de instrumento de colaboración, asistencia e información recíproca na relación coas demais administracións públicas e entidades que participen na programación de actividades, coordinar o desenvolvemento das actuacións dos distintos departamentos da Administración xeral e do sector público autonómico e supervisar a súa adecuada execución.

k) Realizar as actividades necesarias para o seguimento e avaliación das estratexias e accións aprobadas.

l) Aquelas outras funcións que, en relación cos fins sinalados no punto 1 do artigo 1 deste decreto, lle sexan encomendadas.

2. En todas as funcións da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 terase en conta de xeito transversal a integración da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade de mulleres e homes.

Artigo 3. Composición

1. A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 terá a seguinte composición:

a) Presidencia: corresponde a Presidencia da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

b) Dúas vicepresidencias: a Vicepresidencia Primeira corresponderá á persoa titular da consellería con competencias en materia de Cultura e a Vicepresidencia Segunda corresponderá á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

c) Vogais en representación do sector público autonómico:

– Unha persoa representante da Presidencia.

– Unha persoa representante da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

– Unha persoa representante da Consellería de Facenda.

– Unha persoa representante da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

– Unha persoa representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Unha persoa representante da Consellería de Política Social.

– Unha persoa representante da Secretaría Xeral de Medios.

– Unha persoa representante da Axencia Turismo de Galicia.

– Unha persoa representante da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

d) Vogais en representación doutras administracións e institucións:

Invitaranse para a designación por cada unha delas dun vogal as seguintes administracións ou institucións:

– A Delegación do Goberno en Galicia.

– O Arcebispado de Santiago de Compostela.

– O Concello de Santiago de Compostela.

– A Fegamp, en representación dos concellos de Galicia polos cales pasan os Camiños de Santiago.

2. As funcións de secretaría serán desenvolvidas por unha persoa que sexa funcionaria pública autonómica, con rango mínimo de xefe/a de servizo, designada pola persoa titular da Presidencia da Comisión por proposta da Axencia de Turismo de Galicia, que actuará con voz pero sen voto.

3. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas titulares das vicepresidencias e os/as vogais serán substituídos/as polas persoas suplentes que designe para o efecto o departamento ou entidade que estean representando. O/a secretario/a será substituído/a pola persoa suplente que designe a Presidencia da Comisión por proposta da Axencia Turismo de Galicia.

4. A persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, as persoas titulares das consellerías de Facenda, de Infraestruturas e Vivenda e de Política Social, a persoa titular da Delegación do Goberno en Galicia, o arcebispo de Santiago de Compostela e a persoa titular da Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela poderán, de ser o caso, asistir como membros da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 en lugar dos/das representantes por eles designados/as, cando haxa circunstancias que o fagan conveniente.

5. Na composición da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 4. Presidencia

Son funcións da Presidencia da Comisión:

a) Exercer a superior representación da Comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias da Comisión, presidilas, levantalas e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Establecer a orde do día das sesións.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión.

f) Exercer cantas funcións sexan inherentes á Presidencia do órgano colexiado.

Artigo 5. Vicepresidencias

Corresponde ás persoas que exerzan as vicepresidencias e por orde de prelación:

a) Substituír a persoa que exerce a Presidencia na totalidade das súas atribucións, nos casos de vacante, enfermidade, ausencia ou outra causa legal.

b) Exercer as funcións intrínsecas á súa condición de membro da Comisión, con dereito a voto.

c) Cantas outras funcións expresamente lle sexan delegadas pola Presidencia.

d) Asistir a Presidencia nas correspondentes sesións da Comisión.

Artigo 6. Vogais

Corresponde ás persoas que exercen as vogalías:

a) Recibir a convocatoria das sesións da Comisión cunha antelación mínima de corenta e oito horas, que conterá a orde do día daquela.

b) Asistir ás reunións e participar nos debates e formular as propostas que consideren pertinentes.

c) Exercer o seu dereito ao voto, formular o seu voto particular, así como formular rogos e preguntas e propoñer á Presidencia, a través da Secretaría da Comisión, a inclusión de puntos na orde do día.

d) Solicitar e obter, mediante petición dirixida á Secretaría da Comisión, a información necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas á Comisión.

e) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogais.

Artigo 7. Secretaría

Son funcións do/da secretario/a da Comisión:

a) Asistir ás reunións con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da persoa que exerza a Presidencia, así como as citacións aos membros desta.

c) Actuar como canle de comunicación do órgano cos membros deste.

d) Preparar o despacho dos asuntos e levantar acta das sesións do Pleno.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Aquelas que sexan inherentes á Secretaría da Comisión.

Artigo 8. Mandato

1. Os membros da Comisión manterán a condición de membro por razón do seu cargo.

2. Os servizos que presten os membros da Comisión non xerarán dereitos laborais nin económicos para ningún dos seus membros.

Artigo 9. Comisión executiva

1. A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 nomeará de entre os seus membros unha comisión executiva integrada por oito membros, entre os cales estarán os vicepresidentes.

A Comisión Executiva estará presidida pola persoa que exerza a Vicepresidencia primeira e, na súa ausencia, pola persoa que exerza a Vicepresidencia segunda.

Con carácter xeral corresponde á Comisión executiva a realización de funcións de proposta, preparación e desenvolvemento de actuacións concretas nos termos que defina a Comisión Organizadora.

Artigo 10. Funcionamento

1. A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 funcionará en Pleno ou en Comisión executiva.

2. Para a válida constitución da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, en Pleno ou en Comisión executiva, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa que exerza a Presidencia e da persoa que exerza a Secretaría ou das persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros, presentes ou representados.

3. A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 poderá reunirse en Pleno ou en Comisión executiva empregando medios electrónicos para a súa constitución e adopción de acordos. A convocatoria e aprobación das actas poderá igualmente efectuarse por medios electrónicos sempre que se cumpran os requisitos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

4. O Pleno da Comisión reunirase, con carácter ordinario, dúas veces ao ano e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado pola persoa que exerza a Secretaría, por acordo da persoa que exerza a Presidencia. A Comisión executiva reunirase, con carácter ordinario, catro veces ao ano e, con carácter extraordinario, cando sexa convocada pola persoa que exerza a Secretaría, por acordo da persoa que exerza a Presidencia.

5. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos. A persoa que exerza a Presidencia, en caso de empate, terá voto de calidade.

6. Ademais dos seus membros, poderán asistir ás sesións do Pleno ou da Comisión executiva, logo de convite da persoa que exerza a Presidencia, con voz pero sen voto, persoas de recoñecida competencia profesional ou representantes de entidades cuxa actividade teña relación cos asuntos que vaian tratarse, cando a natureza destes o requira.

Artigo 11. Comisario ou comisaria do Xacobeo 2021

1. Exercerá as funcións de comisario ou comisaria do Xacobeo 2021, como cargo executivo e de apoio á Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, o conselleiro/a delegado/a da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, que estará asistido para o desenvolvemento das súas funcións co necesario apoio orzamentario, administrativo e material da Axencia Turismo de Galicia.

2. Ao comisario ou comisaria do Xacobeo 2021 corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Dirixir as actuacións para a aplicación e execución dos acordos da Comisión e velar polo seu cumprimento.

b) Coordinar as relacións entre as distintas administracións públicas, persoas ou entidades presentes na Comisión, nos termos que esta estableza, así como actuar en representación da Comisión nas súas relacións con outras administracións, persoas ou entidades.

c) Asistir ás sesións do Pleno e da Comisión executiva, con voz e sen voto, e dar conta das actuacións desenvolvidas desde a última sesión e das próximas actuacións que se vaian realizar, así como informar a persoa titular da Presidencia nos períodos entre sesións.

d) Elaborar os informes de avaliación e seguimento das actuacións das distintas administracións e entidades presentes na Comisión, así como das administracións e entidades que colaboren nas distintas actuacións que promova a Comisión.

e) O desenvolvemento das actuacións precisas para o cumprimento das súas funcións, sen prexuízo das competencias das administracións públicas e entidades presentes na Comisión.

f) Prestar asesoramento e asistencia técnica aos membros da Comisión para a coordinación das actuacións que lle son propias.

g) Elaborar as propostas que considere oportunas para o mellor funcionamento da Comisión.

h) Someter á consideración da Comisión calquera asunto relacionado coa coordinación, fomento e impulso das actuacións que considere oportunas, no marco das funcións da Comisión.

i) O exercicio das competencias que lle sexan delegadas ou encomendadas pola Comisión.

Disposición adicional única. Gastos de funcionamento

O funcionamento da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 non xerará incremento das consignacións orzamentarias.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Extinción da Comisión

A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 deixará de desempeñar as súas funcións e considerarase extinguida unha vez cumpridos os obxectivos e realizadas as actuacións que motivan a súa creación.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xaneiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza