Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2018 Páx. 4341

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 381151.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As entidades locais que desenvolvan actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, que se relacionan:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais de Galicia constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de municipios, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán participar nesta convocatoria as setes grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, e as entidades locais de carácter supramunicipal nas que estean integradas.

Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Segundo. Obxecto

Fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Son subvencionables:

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico da contorna dos recursos turísticos.

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación de miradoiros paisaxísticos, carreiros, rutas.

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes, nos que á súa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten a súa contorna de protección que poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Soterramento de colectores de residuos.

– Eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– Facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos, mediante a adaptación das páxinas web, sinalización en linguaxe braille ou calquera outra de análoga natureza.

e) Sinalización dos recursos turísticos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de xaneiro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Contía de 2.500.000 € á aplicación orzamentaria 04 A2 761 A 760.0, proxecto 2016 00002, financiada con fondos propios da comunidade autónoma.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo para a xustificación da subvención será o 1 de outubro de 2018.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2018

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia