Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2018 Páx. 3289

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2017, conxunta da Universidade de Santiago de Compostela e do Servizo Galego de Saúde, pola que se convoca concurso de acceso a prazas vinculadas de corpos docentes universitarios.

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, reformada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, (en diante, LOU), no Decreto da Xunta de Galicia 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG do 12 de febreiro), polo que se aproban os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (en diante, EUSC), no Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño (BOE do 31 de xullo) polo que se establecen as bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias e no concerto asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), para a utilización das institucións sanitarias na investigación y docencia universitarias o 20 de abril de 2001 (DOG do 29 de xuño) e en execución da oferta de emprego público (OEP) de persoal docente e investigador para o ano 2017 correspondente, entre outras, a dúas prazas do corpo docente de profesor titular de universidade (quenda de acceso libre) vinculadas con institucións sanitarias, aprobada por Resolución do 7 de xullo de 2017 (Diario Oficial de Galicia do 18 de xullo), despois de obter a autorización da Comunidade Autónoma de Galicia con data do 29 de xuño de 2017, tal e como se determina no artigos 12 e 34 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, a ao abeiro do disposto no artigo 62 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Esta reitoría, consonte os acordos do Consello de Goberno da Universidade acadados na sesión do 18 de xullo de 2017, e da Comisión Mixta Universidade de Santiago (USC)-Sergas, na sesión do 22 de decembro de 2017, resolve convocar concurso de acceso ás prazas dos corpos de funcionarios docentes universitarios vinculadas con institucións sanitarias que se detallan no anexo, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Estes concursos rexeranse polo disposto na LOU e nos Real decreto 1312/2007, modificado polo Real decreto 415/2015, do 29 de maio, e o Real decreto 1313/2007, do 5 de outubro, que regulan, respectivamente, a acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a estes. Ademais, regularanse polo disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP); a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP), nos EUSC, na Normativa provisoria pola que se regulan os concursos de acceso a corpos docentes universitarios, aprobada por acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 11 de febreiro de 2009, nestas bases de convocatoria e, con carácter supletorio, polo previsto na lexislación xeneral de funcionarios civís do Estado.

1.2. O réxime xurídico destas prazas será o establecido no Real decreto 1558/1986, (modificado polo Real decreto 644/1988, do 3 de xuño, BOE do 25 de xuño, e polo Real decreto 1652/1991, do 11 de outubro, BOE do 21 de novembro) e o Concerto asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servicio Galego de Saúde (Sergas), para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitarias o día 20 de abril de 2001 (DOG do 29 de xuño).

1.3. As prazas dos corpos de funcionarios docentes universitarios convocadas quedan vinculadas coa institución sanitaria e a categoría asistencial básica nos termos que se especifican no anexo.

1.4. A presente convocatoria comprende o concurso independente de cada unha das prazas convocadas.

1.5. Para o cómputo de prazos, o mes de agosto será inhábil para todos os efectos.

2. Requisitos das persoas candidatas.

2.1. Para participar nestas probas selectivas as persoas aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser español ou, consonte o disposto no artigo 57 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e no artigo 89 e na disposición adicional décimo primeira da LOU, ser nacional de estados membros da Unión Europea que terán o mesmo tratamento que os nacionais españois. Este mesmo criterio será de aplicación:

– Aos nacionais daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta se atopa definida no Tratado constitutivo da Unión Europea.

– Ao cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non se atopen separados de dereito, así como aos seus descendentes e aos do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito e sexan menores de 21 anos ou maiores desta idade e vivan ás súas expensas.

– Esta última extensión do beneficio será igualmente aplicable aos nacionais de terceiros Estados non membros da Unión Europea cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Cumprir os requisitos mínimos e máximos de idade legalmente establecidos para o acceso á función pública.

c) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas nin atoparse inhabilitado para o desempeño das funcións públicas por sentenza xudicial firme; os aspirantes que non posúan a nacionalidade española, ademais, non estarán sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

d) Non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por tráfico de seres humanos.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que impida o desempeño das funcións correspondentes á praza.

f) Estar en posesión da acreditación pertinente para o corpo docente universitario de que se trate, consonte o establecido no Real decreto 1312/2007, cumprir os requisitos establecidos no artigo 4 do Real decreto 1313/2007 e, no caso de ser funcionario, non estar incurso na prohibición do punto 4 do artigo 9 deste real decreto. Para concursar ás prazas de corpos docentes universitarios vinculadas con prazas asistenciais de institucións sanitarias, os concursantes deberán estar en posesión do título oficial de especialista que corresponda á praza.

As persoas acreditadas que sexan nacionais doutros Estados non membros da Unión Europea poderán tomar parte nos concursos de acceso e, de ser o caso, acceder á función publica cando o Estado da súa nacionalidade recoñeza aptitude legal aos españois para ocupar na docencia universitaria posicións análogas ás dos funcionarios docentes na universidade española.

g) Acreditar, unha vez nomeados funcionarios, ben a través da comisión de selección ou documentalmente, un nivel de coñecemento da lingua galega equivalente ao Celga 4 e do español equivalente ao nivel B2. De non ser así, a persoa nomeada funcionaria deberá realizar un curso de coñecemento da(s) lingua(s) organizado pola propia universidade.

2.2. A posesión dos requisitos establecidos nesta base, salvo os da alínea g), estará referida sempre á data de expiración do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter polo menos ata o momento da toma de posesión como funcionario de carreira.

3. Solicitudes.

3.1. A solicitude para participar nestas probas selectivas axustarase ao modelo aprobado oficialmente pola Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador que se atopa publicado no sitio web http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

A persoa aspirante deberá consignar na solicitude o seu domicilio e o seu enderezo de correo electrónico, e será preferentemente a este último a onde a USC enviará as notificacións.

As persoas que opten a máis dunha praza deberán presentar unha solicitude independente para cada unha delas.

Ademais, será requisito imprescindible para participar no proceso que os aspirantes, no acto de presentación, fagan entrega ao presidente da comisión de cinco exemplares do seu historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial, xunto cun exemplar das publicacións e documentos acreditativos dos méritos alegados, segundo o modelo publicado na páxina web.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Estas solicitudes poderán presentarse en calquera dos rexistros xerais da USC, situados no Campus de Santiago (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro s/n, 15782 Santiago de Compostela) e no Campus de Lugo (Servizos Centrais do Campus de Lugo, Campus universitario, 27002 Lugo) ou polos restantes procedementos previstos no artigo 16 da LPACAP. As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para que o empregado de Correos poida estampar nelas o selo de datas antes da súa certificación. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

Para o suposto de terse presentado a solicitude a través dos últimos procedementos descritos, os solicitantes deberán adiantar por correo electrónico, no enderezo spdocente@usc.es e dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes, a copia da instancia debidamente dilixenciada polo organismo competente.

3.3. Dereitos de exame:

As persoas aspirantes deberán aboar á Universidade de Santiago de Compostela por cada concurso en que soliciten participar a cantidade de 40,74 euros en concepto de dereitos de exame. O ingreso ou transferencia deberá efectuarse na conta IBAN-2080-0388-20-3110000646 de Abanca.

Estarán exentas do pagamento desta taxa as persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial, sempre que presenten xunto coa solicitude a xustificación documental correspondente. Os membros de familias numerosas de categoría xeral terán dereito a unha bonificación do 50 %.

Tamén se aplicará unha bonificación do 50 %, á inscrición no proceso selectivo, solicitada por persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación desta convocatoria e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados no parágrafo anterior, solicitarase nas oficinas do Servizo Público de Emprego e presentarase coa solicitude.

A falta de pagamento destes dereitos durante o prazo de presentación de instancias non é reparable e determinará a exclusión do aspirante, excepto que acredite estar exento do pagamento da dita taxa.

Non procederá a devolución dos dereitos de exame aos aspirantes no caso de exclusión definitiva das probas selectivas por causas imputables a eles.

3.4. Coa solicitude xuntaranse necesariamente os seguintes documentos, sendo causa de exclusión a falta dalgún deles:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a nacionalidade e, de ser caso, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco, e o feito de viviren ás expensas ou estaren a cargo do nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España, con que teña o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separados de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ao seu cargo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos para algunha das linguas oficiais da Universidade de Santiago de Compostela.

b) Fotocopia compulsada, ou simple acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo, dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos que se sinalan na alínea e) da base 2.1. No suposto de ser profesor dunha praza de igual categoría, certificación acreditativa do seu desempeño.

Os candidatos que pertenzan a esta universidade e así o fagan constar na solicitude só deberán presentar os documentos a que se refire este punto que non consten no seu expediente persoal.

c) Xustificante orixinal de ter aboado os dereitos de exame, no cal deberá constar necesariamente o nome e apelidos do aspirante e a referencia do número de concurso, así como, de ser o caso, xustificante da causa de bonificación ou exención.

3.5. De conformidade co disposto na alínea g) da base 2.1, os aspirantes poderán acreditar, nesta fase do procedemento, un nivel de coñecemento da lingua galega equivalente ao Celga 4 e do español equivalente ao nivel B2.

A falta de acreditación documental do requisito sinalado no punto 3.5 non será causa de exclusión e pode acreditarse a través da comisión de selección. De non ser así, a persoa nomeada funcionaria deberá realizar un curso de coñecemento da(s) lingua(s) organizado pola propia universidade.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo máximo de quince días, ditará unha resolución declarando aprobadas as listas provisorias de persoas aspirantes admitidas e excluídas aos distintos concursos de acceso, con indicación das causas de exclusión. A dita resolución, xunto coas listas completas de admitidos e excluídos, publicarase no taboleiro electrónico da USC.

Así mesmo, será obxecto de difusión a través da páxina web desta universidade no enderezo http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

4.2. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o reitor, no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación nos taboleiros de anuncios. Neste prazo as persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas e excluídas do correspondente concurso poderán reparar os defectos que motivaran a súa exclusión ou omisión da dita relación. No caso de non o faceren, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

Resoltas as reclamacións, no prazo máximo de quince días desde a finalización do prazo sinalado para presentar reclamación ditarase unha nova resolución aprobando as listas definitivas de admitidos e excluídos, que serán obxecto de publicación na forma indicada na base 4.1. Esta resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o reitor no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación, de acordo co previsto na LPACAP. Neste caso, non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo antes mencionado ata a resolución expresa ou a desestimación presunta do de reposición.

5. Comisións de selección.

5.1. A composición das comisións de selección é a que figura no anexo desta convocatoria. Conforme o establecido no artigo 6.4 do Real decreto 1313/2007, do 5 de outubro, os currículos dos membros da comisión de selección poderán ser consultados polos interesados, durante o tempo que dure o proceso, das 9.00 ás 14.00 horas os días laborables no Servizo de Planificación de PDI, sito no Pazo de S. Xerome, praza do Obradoiro, Santiago de Compostela.

5.2. Para a constitución e a actuación das comisións observarase ao recollido na Normativa provisoria pola que se regulan os concursos de acceso a corpos docentes universitarios, aprobada por acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 11 de febreiro de 2009. Os membros da comisión deberán absterse de actuar e os interesados poderán recusalos, en calquera momento da tramitación do procedemento, cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 23 da LPACAP.

5.3. Unha vez resoltas a renuncia, abstención ou recusación que puideren terse presentado, as persoas afectadas serán substituídas polos respectivos suplentes. No suposto de que tamén no membro suplente de que se trate concorra algunha das circunstancias de impedimento citadas anteriormente, a súa substitución farase por orde correlativa de nomeamento entre os membros suplentes.

5.4. As comisións deberán constituírse dentro dos tres meses seguintes á data de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Para iso, o/a presidente/a titular, realizadas as consultas pertinentes cos restantes membros, convocará os titulares e, de ser o caso, os suplentes para proceder ao acto formal de constitución daquela, fixando o lugar, a data e a hora en que terá lugar. Da constitución da Comisión tamén serán informadas as persoas candidatas.

6. Desenvolvemento do concurso.

6.1. Criterios de avaliación.

6.1.1. No acto de constitución as comisións de selección, en función das características das prazas que se van prover e das actividades docentes e investigadoras que figuren na convocatoria, aprobarán e farán públicos, no taboleiro de anuncios do centro en que actúen, os criterios de selección que serán utilizados para a resolución dos concursos de acceso convocados. Estes criterios deberán respectar o precisado no artigo 9 da Normativa desta universidade pola que se regulan os concursos de acceso a corpos docentes universitarios e as proporcións que se recollen no anexo da dita normativa para a valoración de cada categoría de méritos.

6.1.2. Publicados os criterios, o/a presidente/a convocará os candidatos admitidos ao acto de presentación, que deberá ter lugar entre as 24 e 72 horas contadas desde a publicación dos criterios. A comunicación incluirá o lugar, a data e a hora de celebración.

6.2. Acto de presentación.

6.2.1. A orde de actuación dos aspirantes nas probas orais seguirá a ordenación alfabética por apelido a partir da letra K, de conformidade co establecido na Resolución do 20 de xaneiro de 2017 da Consellaría de Facenda da Xunta de Galicia.

6.2.2. No acto de presentación, que será público, as persoas candidatas entregarán ao presidente/a da comisión de selección cinco exemplares do seu historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial, xunto cun exemplar das publicacións e documentos acreditativos dos méritos alegados. O historial deberá axustarse no posible ao modelo establecido no documento historial do aspirante publicado na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html. Para a súa elaboración seguirase o documento de instrucións que se atopa na mesma páxina. En calquera caso, o historial deberá incluír todas as partes do modelo establecido. O exemplar da documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse organizado na mesma orde que o modelo de historial.

6.2.2.1. As persoas aspirantes a unha praza de titular de universidade entregarán tamén ao presidente cinco exemplares dunha guía docente dunha materia das que se determinan no anexo desta convocatoria e cinco exemplares do proxecto investigador que se vai desenvolver no caso de serlle outorgada a praza. Cando no anexo se estableza «materias da área», a guía docente referirase a unha materia troncal, obrigatoria ou de formación básica adscrita á área de coñecemento das que se cursen para a obtención de títulos de carácter oficial de grao ou equivalente na USC.

A guía docente terá como máximo unha extensión de cincuenta páxinas en tamaño DIN A4 a dobre espazo e deberá facer referencia, como mínimo, aos seguintes aspectos:

– Datos descritivos da materia.

– Sentido da materia no plan de estudos.

– Obxectivos: competencias, destrezas e habilidades que debe adquirir o estudante.

– Desenvolvemento do temario teórico e práctico.

– Bibliografía recomendada.

– Metodoloxía e recursos necesarios.

– Sistema de avaliación da aprendizaxe.

– Outras informacións de interese.

O proxecto investigador terá como máximo vinte e cinco páxinas en tamaño DIN A4 a dobre espazo.

6.2.2.2. O/a secretario/a da comisión deberá garantir que a documentación entregada polos concursantes poida ser consultada con anterioridade ao inicio das probas por todas as persoas candidatas presentadas.

6.3. Probas.

6.3.1. Os concursos de acceso ao corpo de titulares de universidade constarán de dúas probas que serán públicas.

6.3.1.1. A primeira proba consistirá na exposición e defensa oral dos méritos e historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial de cada candidato. Esta exposición non poderá exceder noventa minutos, cun debate posterior coa comisión durante un tempo máximo de dúas horas.

No caso de que exista un único aspirante, a comisión, despois de analizar a documentación presentada por este, se considerar por unanimidade que resulta suficiente para a superación da proba, poderá eximilo da exposición oral e posterior debate.

Rematada esta proba, cada membro da comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados.

6.3.1.2. A segunda proba consistirá na exposición oral, durante un tempo máximo de 90 minutos, e posterior debate coa comisión, durante un máximo de dúas horas, de:

– A guía docente dunha das materias que se determinen na convocatoria ou, na súa falta, dunha materia troncal ou obrigatoria da oferta oficial de graos relacionada coa área pola cal se convoca a praza.

– O proxecto investigador que se desenvolverá no caso de lle ser outorgada a praza.

Rematada a segunda proba, cada membro da comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados.

O peso de cada proba na cualificación final dos candidatos será do 50 %.

De acordo con estes informes, a comisión elaborará unha proposta de provisión. Os membros da comisión que voten en contra da proposta maioritaria terán que facer constar a motivación do seu voto.

A proposta incluirá unha relación de todos os candidatos que sexan considerados aptos para ocupar a praza por orde de preferencia para o nomeamento polo reitor. O proceso poderá concluír coa proposta da comisión de non prover a praza convocada.

6.3.2. As persoas aspirantes serán convocadas pola comisión aos distintos actos en único chamamento que se fará público no taboleiro de anuncios en que actúe e serán excluídas do concurso os que non comparezan, salvo nos casos de forza maior debidamente xustificados e apreciados como tales pola comisión.

7. Proposta de provisión.

7.1. Nun prazo máximo de cinco días desde o seguinte á finalización das probas farase pública no taboleiro de anuncios do centro en que actúe a comisión de selección a proposta motivada e vinculante de nomeamento para a provisión da praza, con expresión de todos os candidatos propostos por orde de preferencia. Esta proposta será formalizada no modelo normalizado de acta que proverá a Vicerreitoría competente en materia de profesorado, facendo constar os mecanismos de impugnación que poidan utilizar os interesados. A proposta permanecerá exposta, polo menos, ata a expiración do prazo para interpor os correspondentes recursos.

O tempo transcorrido entre a publicación da convocatoria e a resolución do concurso non poderá exceder de catro meses, salvo nos supostos de suspensión ou ampliación deste prazo por impugnación ou outras causas xustificadas apreciadas por resolución do reitor da USC.

7.2. Unha vez publicada, a proposta será entregada polo presidente/a da comisión de selección ou, de ser o caso, polo secretario/a á Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador xunto coas actas e informes que compoñen o expediente, un exemplar da documentación achegada por cada persoa candidata coa xustificación documental correspondente e a certificación do secretario ou da secretaria da comisión en que se faga constar a data de publicación no taboleiro do centro.

7.3. Rematado o procedemento, a documentación dos concursantes quedará ao seu dispor na Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador, de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso non poderá retirarse ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que os interesados poidan realizar copia da documentación para outros efectos.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación que non fose retirada será destruída.

8. Presentación de documentos e nomeamentos.

8.1. No prazo máximo de vinte días contados desde o seguinte ao de publicación da proposta de nomeamento, o candidato proposto no primeiro lugar pola comisión de selección ten que presentar os seguintes documentos na Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 16 da LPACAP:

a) Copia compulsada do título académico requirido para a praza para a cal teña sido proposto.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar, de conformidade co establecido no artigo 7.2 do Real decreto 543/2001, do 18 de maio, sobre acceso ao emprego público na Administración xeral do Estado e nos seus organismos públicos de nacionais doutros estados aos cales é de aplicación o dereito á libre circulación de traballadores, que non están sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que impida o desempeño das funciones correspondentes a profesor de universidade.

d) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais. O dito certificado pode solicitarse ao ministerio con competencias en materia de xustiza.

8.2. Os que tiveren a condición de funcionarios públicos de carreira en activo estarán exentos de presentar os documentos mencionados nas alíneas b) e c) desta base e deben presentar certificación da Administración de que dependan acreditativa da súa condición de funcionarios e de cantas circunstancias consten na súa folla de servizos.

Os candidatos que pertenzan a esta universidade só deberán presentar os documentos a que se refire esta base que non consten no seu expediente persoal.

8.3. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela efectuará o nomeamento como funcionario de carreira do candidato proposto pola comisión, unha vez que presentase en prazo a documentación exixida no número 1 desta base. No caso de que o primeiro candidato proposto non acredite en tempo e forma os aspectos sinalados no parágrafo anterior, o reitor procederá, de xeito sucesivo, ao nomeamento dos seguintes candidatos propostos segundo a orde establecida pola comisión de selección, logo da acreditación por estes dos mencionados requisitos en idéntico prazo de vinte días.

8.4. Os nomeamentos, que especificarán a denominación da praza con indicación da área de coñecemento e o corpo a que pertence, serán publicados no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia e comunicados aos rexistros correspondentes para o efecto do outorgamento do número de Rexistro de Persoal e de inscrición no corpo respectivo, así como ao Consello de Universidades.

8.5. No prazo máximo de vinte días, contados desde o día seguinte ao de publicación do nomeamento no Boletín Oficial del Estado, o candidato proposto deberá tomar posesión do seu destino, momento en que adquirirá a condición de funcionario de carreira do corpo docente universitario de que se trate. No momento da toma de posesión, o candidato deberá presentar declaración de non estar afectado/a de incompatibilidade, ou opción no caso de ter outro traballo no sector público.

9. Norma final.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente poderase interpoñer recurso de reposición perante o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, sen que neste caso se poida interpoñer o recurso contencioso-administrativo antes mencionado ata a resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017

Juan Manuel Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO
Relación de prazas e comisións

Profesor titular de universidade

Nº de concurso: 2370-V/17. Dedic.: T.

Nº de prazas: 1 (C01782).

Corpo: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento: Medicina.

Departamento: Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina.

Perfil: Medicina Paliativa e Xeriatría (G5021430).

Centro*: Facultade de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Categoría asistencial: facultativo especialista de área.

Especialidade: Medicina Interna.

Institución sanitaria: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2371-V/17. Dedic.: T.

Nº de prazas: 1(C01781).

Corpo: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento: Radioloxía e Medicina Física.

Departamento: Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina.

Perfil: Radioloxía Xeral e Protección Radiolóxica (G2061123).

Centro*: Facultade de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Categoría asistencial: facultativo especialista de área.

Especialidade: Radiofísica Hospitalaria.

Institución sanitaria: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

(*) Centro onde se realizará con carácter preferente a actividade

Comisións de selección

Nº de concurso: 2370-V/17.

Corpo: titular de universidade.

Área de coñecemento: Medicina.

COMISIÓN TITULAR

Presidente

Casanueva Freijo, Felipe

T

Catedrático/a de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

Secretaria

Taracido Trunk, Margarita

T

Titular de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

1º Vogal

Bello López, José Luis

T

Titular de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

2º Vogal

De la Fuente Aguado, Javier

T

FEA Medicina Interna

Hospital Povisa de Vigo

3º Vogal

Civeira Murillo, Pilar

T

FEA Medicina Interna

Clínico Univ. Pamplona

COMISIÓN SUPLENTE

Presidente

González Quintela, Arturo

T

Catedrático/a de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

Secretaria

Torre Iglesias, Ángela Juana

T

Titular de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

1º Vogal

Araújo Vilar, David

T

Titular de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

2º Vogal

De la Fuente Cid, Ramón

T

FEA Medicina Interna

C. Hospitalario Univ. A Coruña

3º Vogal

Jorge Sánchez, Ramón

T

FEA Medicina Interna

C. Hospitalario Univ. Ferrol

Nº de concurso: 2371-V/17.

Corpo: titular de universidade.

Área de coñecemento: Radioloxía e Medicina Física.

COMISIÓN TITULAR

Presidente

Ruibal Morell, Álvaro

T

Catedrático/a de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

Secretario

Carreira Villamor, José Martín

T

Titular de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

1º Vogal

Núñez Iglesias, María Jesús

T

Titular de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

2º Vogal

Rodríguez Fernández, Ana María

T

FEA Radiofísica

C. Hospitalario Univ. de Ourense

3º Vogal

Sánchez García, Manuel

T

FEA Radiofísica

C. Hospitalario Univ. de Santiago

COMISIÓN SUPLENTE

Presidente

Pumar Cebreiro, José Manuel

T

Titular de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

Secretario

Souto Bayarri, José Miguel

T

Titular de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

1º Vogal

Torres Iglesias, Ángela Juana

T

Titular de universidade

Univ. de Santiago de Compostela

2º Vogal

López Medina, Antonio

T

FEA Radiofísica

C. Hospitalario Univ. de Vigo

3º Vogal

Galán Montenegro, Pedro

T

FEA Radiofísica

Hospital Carlos Haya (Málaga)