Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2018 Páx. 1944

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión a favor de Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., ordenada pola Resolución do 22 de novembro de 2017 para a tramitación e execución do procedemento de alleamento de bens inmobles de natureza patrimonial que lle sexan adxudicados en procedementos xudiciais.

En cumprimento da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a dar publicidade á encomenda de xestión a favor de Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., ordenada por Resolución do conselleiro de Economía, Emprego e Industria do 22 de novembro de 2017, para a tramitación e execución do procedemento de alleamento de bens inmobles de natureza patrimonial que lle sexan adxudicados ao Igape en procedementos xudiciais.

1. A actividade obxecto de encomenda é a tramitación e execución do procedemento de alleamento de bens inmobles de natureza patrimonial que lle sexan adxudicados ao Igape en procedementos xudiciais, segundo o establecido na Lei 5/2011, de patrimonio de Galicia.

2. A empresa pública Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., constitúese ao abeiro do establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia como unha sociedade anónima de nacionalidade española para a realización de actividades urbanísticas no territorio de Galicia.

Segundo os seus estatutos, Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., ten a consideración de medio propio e instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico que teñen a consideración de medios propios.

Esta sociedade está adscrita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda e será tutelada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos termos previstos na lexislación aplicable.

3. O Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape) creado pola Lei 5/1992, do 10 de xuño, como ente de dereito público autonómico, e adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, créase como un instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, así como un desenvolvemento económico armónico, equilibrado e xusto, baseado nun tecido industrial moderno e competitivo.

O Igape, no desenvolvemento das súas funcións, xestiona os programas de avais (segundo o Decreto 284/1994) e de préstamos (segundo o Decreto 133/2002) establecidos pola Xunta de Galicia para promover o financiamento das empresas galegas. Nas operacións formalizadas no ámbito dos ditos programas e segundo os termos e condicións particulares de cada acordo de concesión, o Igape pode constituír garantías a fin de asegurarse o recobro dos riscos financeiros. En execución das ditas garantías e previos os procedementos oportunos, Igape pode devir titular de bens mobles e inmobles. As funcións do Igape son alleas á explotación económica directa de actividades empresariais, polo que non procede a explotación por parte de Igape dos bens adxudicados-non vinculados os seus fins e funcións e que se considera que deben ser devoltos para a súa explotación no trafico xurídico privado.

O artigo 27 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que as entidades públicas instrumentais poderán allear bens adquiridos por elas co propósito de devolvelos ao tráfico xurídico privado, de acordo cos seus fins particulares.

Tendo en conta que o Igape non dispón de medios técnicos axeitados para o alleamento deste tipo de bens, nin a experiencia na tramitación deste tipo de expedientes, procede encomendar a xestión do procedemento de alleamento a Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., como medio propio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para este tipo de tarefas.

A execución das tarefas resulta obrigatoria para Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., e será considerada efectuada con medios propios da Administración.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), na súa condición de órgano competente e encomendante das actuacións exercerá en todo momento o control de execución da encomenda, supervisando a súa realización e ditando os actos e instrucións precisos para a efectividade desa.

4. O prazo de execución da encomenda será desde a data de inicio da execución e ata o 31 de decembro de 2019, e poderase prorrogar por períodos anuais en caso de persistencia da necesidade da encomenda, previa existencia de crédito axeitado e suficiente.

Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, poderá proceder a finalización anticipada da encomenda por razóns de eficacia, previa comunicación escrita a Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., cun mes de antelación.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Juan M. Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica