Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2018 Páx. 1974

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 19 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a participación pública o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural Monte Aloia.

O Monte Aloia, situado integramente no concello de Tui, na zona sur da serra do Galiñeiro, foi o primeiro espazo en ser declarado parque natural na nosa comunidade mediante o Decreto 3160/1978, do 4 de decembro (BOE nº 16, do 18 de xaneiro de 1979). O Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) deste espazo foi aprobado polo Decreto 274/2001, do 27 de setembro (DOG nº 205, do 23 de outubro).

O marco legal no momento da aprobación deste PORN e da declaración de parque natural era a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, que constituía a lexislación estatal básica, vixente ata decembro de 2007. Desta forma, a estrutura e contidos do PORN do Parque Natural Monte Aloia son previos á actual lexislación ambiental.

No ano 2001, a Xunta de Galicia, facendo uso das facultades que lle outorga o artigo 27.30 do Estatuto de autonomía para establecer normas adicionais sobre protección do medio, aproba a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que é o marco normativo galego para a conservación dos espazos naturais e da biodiversidade. Esta norma, no seu artigo 34, establece a estrutura e contido mínimo dos plans reitores de uso e xestión (en diante PRUX), que desenvolverán as directrices emanadas do PORN e as previsións de actuación da Administración no seu ámbito de aplicación. Tamén se instaura que estes plans prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación do territorio. Así mesmo, determina que a vixencia máxima do plan reitor de uso e xestión (PRUX) será de seis anos, e que será obrigatorio revisalos ao final de cada período, ou antes se for necesario.

Por outra banda, no contexto da política de conservación da Unión Europea, coa aprobación da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre, abordáronse os traballos de deseño da Rede Natura 2000 en Galicia. Neste senso, o territorio delimitado polo Parque Natural Monte Aloia formou parte da proposta galega á Rede Natura 2000, integrando o espazo natural protexido lugar de importancia comunitaria (LIC) ES 1140005 Monte Aloia (Decisión 2004/813/UE da Comisión, do 7 de decembro de 2004, pola que se aproba, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, a lista de lugares de importancia comunitaria da Rexión Bioxeográfica Atlántica (DOUE L387/1, do 29.12.2004).

Na actualidade é a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a que establece o réxime xurídico básico da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural, da cal salientamos os seguintes aspectos:

Sobre o contido das normas reguladoras dos espazos naturais protexidos, o artigo 29.2 di que se se solapan nun mesmo lugar distintas figuras de espazos protexidos, as normas reguladoras destes, así como os mecanismos de planificación, deberán ser coordinados para unificarse nun único documento integrado, co obxecto de que os diferentes réximes aplicables en función de cada categoría conformen un todo coherente.

No seu artigo 31.5 establece a necesidade de elaborar plans reitores de uso e xestión para os parques naturais que aprobará o órgano competente da Comunidade Autónoma.

Por último, en relación coa Rede Natura 2000, a lei recolle no artigo 46 a conveniencia de realizar un plan de xestión específico para os lugares, así como a necesidade de que os LIC designados sexan declarados oficialmente como zonas especiais de conservación (ZEC) polos gobernos autonómicos.

Obedecendo a estas premisas, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, que declarou ZEC os LIC presentes en Galicia e aprobou o Plan director da Rede Natura 2000 como instrumento de planificación e xestión para os espazos naturais incluídos no seu ámbito de aplicación.

O artigo 24 do Plan director establece que naqueles territorios incluídos no seu ámbito territorial que, pola súa condición de parque nacional ou parque natural, posúen un plan de ordenación dos recursos naturais, o Plan director se considera complementario dos obxectivos, directrices e normas incluídos nos ditos instrumentos de planificación. En particular, será aplicable a zonificación do Plan director, sen prexuízo da zonificación que se recolla nos instrumentos de ordenación específicos como consecuencia do planeamento de maior detalle, que se manterá en vigor. Atenderase entón á regulación de usos previstos, sen prexuízo da aplicación das limitacións específicas que se recollan no PORN.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso ao ambiente establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento inicial do Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural Monte Aloia durante un prazo de 20 días hábiles, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico parques.naturais@xunta.gal, poñendo no asunto: PRUX PN Monte Aloia.

Segundo. Durante o citado prazo, o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural Monte Aloia poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Pontevedra, avda. Fernández Ladreda, 43-1º-4º, 36071 Pontevedra.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio:

http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural