Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2018 Páx. 1284

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2018, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de que os concellos presten determinados servizos públicos. Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda da Comunidade Autónoma de Galicia se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, mediante o potenciamento e apoio á prestación de servizos por parte dos nosos concellos, que é a Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional.

Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pretende colaborar cos concellos na mellora das condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais a través da mellora das dotacións existentes de infraestruturas básicas e do fomento da implantación e a reforma dos servizos básicos demandados pola poboación rural, proporcionándolle aqueles que cubran as súas principais necesidades, facilitando a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas das áreas rurais.

Para tal fin, por medio desta orde, regúlanse os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas aos concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas á creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

No actual contexto de estabilidade orzamentaria, cómpre consolidar medidas que impulsan e promoven unha xestión eficaz e eficiente e permiten rendibilizar os recursos das administracións, das que veñen sendo boa mostra as fórmulas de xestión compartida na prestación dos servizos públicos, de tal xeito que os resultados positivos dunha posta en común dos recursos permitan continuar prestando uns servizos públicos de calidade sen alterar a estabilidade da situación económica municipal. Xa que logo, cómpre manter os incentivos á cooperación puntual entre os concellos e aos procesos de fusión municipal, voluntariamente concertados, como medidas de colaboración e reorganización que fagan posible o aforro de custos e, asemade, a eficacia na xestión.

Así, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 28 de febreiro de 2013 adoptou o acordo de aprobar os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal. En cumprimento do devandito acordo, a presente convocatoria pública incorpora criterios para promover a realización de proxectos conxuntos, presentados por agrupacións ou asociacións de concellos, fronte ás solicitudes presentadas individualmente.

De conformidade co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que lle atribúe á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral, será ese centro directivo o que xestione esta convocatoria de subvencións.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 19 de outubro de 2017, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e bases reguladoras

1. Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais (PR486A), que se indican a seguir:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública.

b) Pavimentación de vías públicas municipais.

c) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos: prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

2. Para os efectos desta orde terán a consideración de servizos básicos aqueles recollidos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Artigo 2. Gastos subvencionables e requisitos dos proxectos

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización de proxectos de investimento indicados no artigo 1, acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo.

2. Serán gastos subvencionables aqueles que reúnan os seguintes requisitos:

a) Serán subvencionables a execución de obras e a adquisición de equipamentos que sexan imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

b) As actuacións que se subvencionarán deberán responder ás seguintes tipoloxías:

1º. Obras de construción, rehabilitación ou mellora de inmobles.

2º. Adquisición de equipamento, maquinaria e bens de equipo, incluídos os soportes lóxicos de ordenador, así como outros investimentos materiais e inmateriais necesarios para a execución do proxecto.

3º. Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría. O importe total destes custos xerais non poderá superar o máximo do 12 % do investimento subvencionable.

c) Serán proxectos completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:

a) A adquisición de terreos.

b) Os gastos orixinados para a creación ou adquisición de bens que reúnan as seguintes características:

1º. Ser bens funxibles.

2º. Ter unha duración previsiblemente inferior ao exercicio orzamentario.

3º. Non ser susceptibles de inclusión en inventario.

4º. Ser gastos previsiblemente reiterativos.

c) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos no número 2.b) deste artigo.

d) Os proxectos relacionados coa implantación de enerxías renovables ou coa prevención e extinción de incendios forestais.

e) As obras de reparación e de mantemento, como rozas e limpezas de gabias ou reparación de fochas en vías públicas; os proxectos de redes de luz pública que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias; ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos e pezas illadas en mobiliario ou equipamentos públicos.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2016, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2016 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

No caso das agrupacións ou asociacións de concellos, deberán cumprir ambos os requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención supoñerá a inadmisión desta.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar ata dúas solicitudes, sempre e cando unha delas sexa individual e a outra sexa unha solicitude conxunta, de agrupacións ou asociacións de concellos. En todo caso, ambas as solicitudes deberán ser para actuacións diferentes.

A inclusión dun concello nunha solicitude de xestión compartida dunha asociación ou agrupación de concellos exclúe a posibilidade de participar con outros concellos noutra solicitude e só é compatible coa presentación dunha solicitude individual de concellos.

Cando o órgano tramitador observe que un concello participa en máis dunha solicitude individual de concellos e/ou en máis dunha solicitude de agrupacións ou asociacións de concellos, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que o concello participe.

b) Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Malia o anterior, nas solicitudes para investimentos presentadas por agrupacións ou asociacións de concellos, cada proxecto deberá corresponderse cunha única actuación e constituirá causa expresa de inadmisión a presentación de solicitudes conxuntas para a realización dun proxecto de investimento que inclúa máis dunha actuación.

Para os efectos desta orde, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención.

Cada actuación virá definida no documento que corresponda segundo a súa tipoloxía:

a. Equipamento: memoria detallada e valorada.

b. Obras: proxecto/s ou anteproxecto/s.

O orzamento total da solicitude e, xa que logo, do proxecto, é o resultado da suma dos orzamentos parciais das actuacións que o integran, incluído o imposto sobre o valor engadido.

c) Que a entidade solicitante teña a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios en que se pretende realizar as actuacións.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III, segundo proceda. Neste último caso, a certificación emitirase con base na emitida pola secretaría do concello en que se localicen os terreos ou predios en que se vaian desenvolver cada unha das actuacións que integran o proxecto.

Para os efectos desta orde entenderase que existe plena dispoñibilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención non están pendentes de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ou por non ser preceptiva.

d) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde con base no proxecto, anteproxecto ou memoria detallada ou valorada, segundo o caso, e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III. Neste último caso emitirase a certificación con base nos acordos adoptados, antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, por cada un dos concellos que integran a asociación ou agrupación, e incluirá a designación dun/dunha alcalde/alcaldesa como persoa representante única que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Dirección Xeral de Administración Local e será quen reciba e xustifique a subvención.

e) Sen prexuízo doutros supostos en que proceda a inadmisión da solicitude, para as solicitudes formuladas por agrupacións ou asociacións de concellos establécese expresamente a inadmisión daquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para a cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

3. Os concellos que desexen formular unha solicitude conxunta deberán regular a agrupación ou asociación mediante un convenio de colaboración que achegarán xunto coa solicitude e que terá o contido mínimo obrigatorio que se establece no artigo 7.7 desta orde.

4. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Artigo 4. Crédito e importe máximo das subvencións

1. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141.A.760.2 (código de proxecto: 2016 00023 Creación, mellora e ampliación de servizos locais básicos), ata unha contía máxima de dous millóns trescentos dezanove mil novecentos noventa e nove euros (2.319.999,00 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2018.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2018 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

3. A axuda económica que se conceda financiará ata o 80 % do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e 50.000 euros para as solicitudes conxuntas e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos cinco anos.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos, individualmente, asociados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 6 ou no artigo 7 desta orde, segundo proceda.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación que integra a solicitude individual

Para solicitar as subvencións que se regulan mediante esta orde, o concello peticionario presentará a documentación que se indica a seguir:

1. Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR486A) a esta orde.

2. Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, incluída no anexo I desta orde, na cal se fai constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

3. Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:

a) O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) A remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2016, á cal fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde.

No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.

c) A plena dispoñibilidade do concello sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa ten a dispoñibilidade sobre eles.

d) Dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade do ano 2016, para o cálculo do esforzo fiscal do concello.

4. Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local.

5. Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras, deberá achegarse proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos a escala suficiente.

– Plano do Sixpac indicando as coordenadas UTM da actuación.

No caso de parques infantís será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.

6. Nas solicitudes de subvención para equipamento, ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, deberá achegarse unha memoria detallada e valorada do equipamento para o cal se solicita subvención, asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.

Artigo 7. Documentación que integra a solicitude conxunta

Para solicitar as subvencións que se regulan mediante esta orde, a agrupación ou asociación de concellos presentará a documentación que se indica a seguir:

1. Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR486A) a esta orde.

2. Declaración responsable asinada electronicamente polo alcalde ou pola alcaldesa representante da asociación ou agrupación de concellos, incluída no anexo I, na cal se fai constar, con base nas declaracións responsables emitidas polos alcaldes e/ou alcaldesas de cada un dos concellos asociados ou agrupados participantes na solicitude:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que ningún dos concellos integrantes da solicitude está incurso nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

As declaracións orixinais emitidas polos concellos integrantes da asociación ou agrupación deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

3. Certificación emitida e asinada electronicamente polo secretario ou secretaria do concello representante no modelo do anexo III, na cal se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados ou agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos secretarios e/ou secretarias dos concellos participantes na solicitude:

a) Que todos os concellos integrantes acordaron solicitar subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, mediante a fórmula de xestión compartida e que aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

No referido acordo, que deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.

b) O nomeamento do alcalde ou da alcaldesa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación ou asociación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a, perceptor/a e xustificador/a da axuda.

c) O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.

d) Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do exercicio orzamentario 2016 ao Consello de Contas, segundo exixe o artigo 3.1.b) desta orde. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data de sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou en todo caso nunha data anterior á emisión do certificado.

e) A plena dispoñibilidade dos concellos sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que os concellos, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa teñen a dispoñibilidade sobre eles.

f) Certificación referida aos dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) dos orzamentos liquidados dos concellos do ano 2016, para o cálculo do esforzo fiscal da entidade solicitante.

g) Certificación referida ao importe total dos capítulos de gasto de capital (V a IX) dos orzamentos vixentes dos concellos participantes na solicitude.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta de referencia expresa ao contido determinado en calquera das letras desta alínea 3, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas ou asociadas, determinará a inadmisión da solicitude conxunta.

Os acordos orixinais emitidos polos concellos integrantes da asociación ou agrupación así como as certificacións emitidas polos secretarios e polas secretarias destes concellos, entre as cales se atopará, en todo caso, a certificación de plena dispoñibilidade dos terreos emitida polo secretario ou secretaria do concello en que se van desenvolver as actuacións, deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

4. Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade solicitante.

Esta memoria xustificativa conterá unha memoria de aforro de custos, na cal se fará constar en cadro comparativo a diferenza dos custos da execución compartida respecto da execución individual por cada concello participante. Neste cadro comparativo consignarase o importe do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a execución individual da actuación produciría para cada un dos concellos.

5. Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras, deberá achegarase proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos a escala suficiente.

– Plano do Sixpac indicando as coordenadas UTM da actuación.

No caso de parques infantís será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.

6. Nas solicitudes de subvención para equipamento, ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, deberá achegarse unha memoria detallada e valorada do equipamento para o que se solicita subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da agrupación ou asociación solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.

7. Convenio de colaboración que regule a asociación ou agrupación de concellos, co seguinte contido mínimo obrigatorio:

a) Concellos que subscriben o convenio e capacidade xurídica con que actúa cada unha das partes.

b) Obxecto do convenio, obxectivos e actuacións que acorden desenvolver para o cumprimento da actuación subvencionada, de ser o caso.

c) Designación de alcalde ou alcaldesa como representante único que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Dirección Xeral de Administración Local e será quen reciba e xustifique a subvención.

d) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da asociación ou agrupación de concellos que incluirán unha referencia expresa ás porcentaxes e/ou importes de financiamento do proxecto que achegará cada un dos concellos participantes.

En ningún caso a participación de cada un dos concellos poderá ser inferior ao 25 % do orzamento total do proxecto. En agrupacións ou asociacións de catro ou máis concellos, as porcentaxes de participación deberán ser a partes iguais.

e) O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.

f) O compromiso de non disolver a agrupación ou asociación mentres non transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 65 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Forma de presentación da documentación complementaria para a tramitación do procedemento

1. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Defectos na solicitude e outra documentación

1. A Dirección Xeral de Administración Local, que é o órgano competente para a instrución do procedemento, notificaralles ás entidades solicitantes os defectos emendables nas solicitudes e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daralles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días para emendaren os erros ou omisións, con indicación que, de non facelo así, se lles terá por desistidas da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa consta en poder da Dirección Xeral de Administración Local, e non se producise desde o momento en que foi presentada, ningunha variación que afecte o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegala novamente. Neste caso, a entidade solicitante indicará a data e o procedemento para os que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, sen prexuízo do previsto con carácter xeral no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A Dirección Xeral de Administración Local poderá requirir as entidades solicitantes para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.

Artigo 10. Instrución e resolución

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados a unha comisión para que as valore de acordo cos criterios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras.

2. A comisión de valoración estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e dela formarán parte os delegados e as delegadas territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretaria a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou unha persoa funcionaria da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

3. Unha vez que a comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación e repartición establecidos no artigo 11, da que quedará constancia en acta motivada, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

4. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Asemade, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

5. Contra esta resolución, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

6. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro, no prazo e na forma previstos no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

7. O prazo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de tres meses contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Criterios de avaliación

Na valoración das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes aspectos, ata un máximo de 100 puntos:

1. Co fin de fomentar a realización de proxectos conxuntos, incentivaranse as solicitudes presentadas por agrupacións ou asociacións de concellos para a realización dun proxecto común, reservándose 30 puntos da puntuación total. Para a valoración deste criterio teranse en conta:

a) Pola presentación dunha solicitude conxunta asignaranse 15 puntos.

b) A repercusión do orzamento do proxecto con respecto aos orzamentos municipais puntuarase ata 5 puntos, considerando a porcentaxe que o orzamento do proxecto representa con relación á suma dos créditos iniciais dos capítulos de gasto de capital (capítulos V a IX) dos orzamentos vixentes en 2016 en cada un dos concellos participantes.

c) A valoración dos aforros obtidos puntuarase ata 10 puntos considerando a ratio de aforros obtidos co proxecto conxunto respecto do custo total por execución individual.

En caso de presentar solicitude unha entidade resultante ou en proceso de fusión municipal, outorgaranse os 30 puntos previstos nesta alínea 1 pola simple presentación da solicitude.

2. A necesidade das actuacións para as cales se solicita a subvención, con base no contido da memoria presentada por cada entidade solicitante, puntuarase ata 40 puntos.

3. A valoración do esforzo fiscal do concello ou concellos en atención á contribución media por habitante ao orzamento liquidado de 2016 calcularase dividindo os dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III) entre o número de habitantes e asignaráselle un máximo de 15 puntos.

4. Por acreditar unha boa xestión, ata 10 puntos. A valoración deste criterio realizarase con base nun informe emitido pola intervención da entidade solicitante no cal se fagan constar os seguintes datos:

a) Que a entidade local rendeu as contas do exercicio 2016 dentro do prazo legalmente establecido: 2 puntos.

b) Que a entidade local cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio 2016: 4 puntos.

c) Que a entidade local aprobou no prazo legalmente establecido o orzamento 2016 e non o prorrogou: 4 puntos.

No caso das asociacións ou agrupacións de concellos as puntuacións asignaranse con base nos informes emitidos polas respectivas intervencións municipais e só se puntuarán aqueles datos acreditados por todos os concellos que integran a solicitude.

5. Pola porcentaxe de paro rexistrada, considerando o número total de persoas en situación de desemprego do concello ou concellos participantes en relación co total da poboación, asignaranse ata 5 puntos.

Para a asignación de puntuacións naqueles criterios que incorporan referencias a datos de poboación, utilizaranse as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2016, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Aceptación

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida. Para as subvencións concedidas a agrupacións ou asociacións de concellos, o escrito de renuncia deberá vir subscrito pola persoa representante de cada un dos concellos.

A aceptación da subvención implica, en todo caso, o compromiso de execución completa do proxecto que fundamentou a resolución de concesión.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidas nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar consonte as prescricións da normativa de aplicación.

4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme coas prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.

5. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión, a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables. Exceptúanse as reducións no custo final do proxecto respecto do orzamento que derivan de baixas de licitación a favor da proposición economicamente máis vantaxosa.

b) Incumprimento da obriga de xustificar a efectividade do pagamento da subvención nos termos establecidos no artigo 19 desta orde.

En todo caso será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

c) Incumprimento da obriga de solicitar e obter un mínimo de tres ofertas, nos supostos en que sexa exixible en aplicación do artigo 16 desta orde, non achegalas xunto coa xustificación da subvención ou a falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) De conformidade co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o incumprimento da obriga de dar a adecuada publicidade do cofinanciamento das actuacións nos termos establecidos nos artigos 15.10 e 17.3.d) desta orde.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Nas solicitudes de agrupacións ou asociacións de concellos, responderán de forma solidaria todos os concellos integrantes da agrupación ou asociación.

6. Destinar os bens ao fin concreto para o que se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos posteriores ao seu outorgamento, procedendo ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación importante que afecte a natureza do investimento ou o seu réxime de propiedade.

O incumprimento da obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e os bens quedarán afectados ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

9. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

10. Todas as entidades beneficiarias estarán obrigadas a cumprir as obrigas de información e publicidade establecidas nestas bases reguladoras, que incluirán en todo caso:

– Colocación dun cartel publicitario, durante a execución do proxecto subvencionado.

– Instalación dunha placa explicativa permanente ao remate do proxecto.

As entidades locais que reciban subvención para un proxecto que inclúa actuacións en varios lugares, deberán colocar, en todos os lugares en que as actuacións se desenvolvan, os respectivos carteis informativos durante a execución e placa explicativa permanente, segundo o modelo que se incorpora como anexo VI a esta orde.

11. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 16. Contratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación da obra e/ou equipamento, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 30 de setembro de 2018.

2. No caso das subvencións concedidas a asociacións ou agrupacións de concellos, será o concello representante o responsable de acreditar a execución do proxecto subvencionado e de presentar a documentación xustificativa establecida neste artigo.

3. A documentación xustificativa que deberán achegar as entidades beneficiarias das subvencións, no prazo indicado no número 1 deste artigo, é a seguinte:

a) Facturas e, de ser o caso, certificacións de obra con relación valorada e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local.

b) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria (concello, agrupación ou asociación de concellos), segundo o modelo do anexo IV desta orde, en que se faga constar:

– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

– Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

– Prezos dos carteis informativos e das placas explicativas así como a data de colocación de cada un destes elementos.

c) Certificación emitida e asinada electronicamente polo secretario ou pola secretaria do concello beneficiario ou do concello representante, no caso de agrupacións ou asociacións de concellos, no modelo do anexo V, na cal se faga constar:

– O acordo de aprobación polo órgano competente do concello beneficiario das facturas e, no caso de obras, das correspondentes certificacións de obra, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.

– Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade, en fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.

– Que na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

d) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na orde deberán achegar, ademais:

– Fotografías do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan.

– Fotografías do cartel ou carteis das actuacións, segundo o modelo do anexo VI.

– Fotografías da placa ou placas explicativas permanentes, no modelo do anexo VI, colocadas nun lugar visible no lugar das actuacións, que deberán permanecer durante, cando menos, cinco anos.

e) Nos supostos en que sexa exixible, consonte o artigo 16.2 desas bases reguladoras, a entidade beneficiaria deberá presentar:

– As tres ofertas que debe solicitar e obter.

– Copia compulsada da resolución de adxudicación da obra ou equipamento, onde quede acreditado que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

4. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 18. Pagamento

1. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento da subvención realizarase de acordo co custo real do proxecto executado e xustificado. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe de financiamento establecida na resolución de concesión, ata o límite do importe concedido.

3. En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente do proxecto e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 19. Acreditación da efectividade dos pagamentos

1. De conformidade co artigo 3.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades ás entidades locais galegas, e para os efectos do establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase gasto realizado cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

2. Sen prexuízo do anterior, o concello beneficiario está obrigado a acreditar documentalmente, mediante xustificante de transferencia bancaria, a efectividade dos pagamentos dos gastos correspondentes á actuación subvencionada no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria do aboamento da subvención concedida.

Para o cómputo do prazo dos sesenta días naturais, o concello presentará un certificado da intervención municipal en que se faga constar a data de ingreso na conta bancaria do concello do aboamento da subvención.

3. O xustificante da transferencia bancaria estará debidamente identificado e selado pola entidade bancaria, agás que o pagamento se realice mediante banca electrónica. Neste caso, o xustificante da transferencia bancaria deberá presentarse asinado electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria das subvencións.

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen causa de perda do dereito ao cobramento da subvención as seguintes:

1. Non presentar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos polo artigo 17 desta orde.

2. Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos aplicables, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión as seguintes:

a) Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión. Para estes efectos, considerarase execución incompleta a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables. Exceptúanse as reducións no custo final do proxecto respecto do orzamento que derivan de baixas de licitación a favor da proposición economicamente máis vantaxosa.

b) Incumprimento das obrigas de publicidade establecidas nesta orde, nomeadamente a obriga de colocar cartel e placa informativa permanente en todos os lugares en que se executen as actuacións que integran o proxecto subvencionado.

c) De ser o caso, non achegar as tres ofertas de diferentes provedores exixidas polos artigos 16 e 17 desta orde, e/ou a falta ou insuficiente acreditación de que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

d) Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

A perda do dereito será total ou parcial segundo afecte todas ou algunha das actuacións que integran o proxecto subvencionado.

Artigo 21. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios, poderán dedicarse a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 22. Modificación

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As presentes bases habilitan para autorizar as modificacións das características dos proxectos subvencionados atendendo aos obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación, en particular, ao establecido no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A autorización para a modificación do proxecto acordarase por resolución do órgano competente para a concesión destas axudas, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

3. Malia o anterior e sen necesidade de instar procedemento de modificación de subvención, poderanse aceptar variacións nas partidas de gasto do proxecto subvencionado sempre que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento total, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

Artigo 23. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Porén, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 24. Publicidade das subvencións concedidas

Consonte o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Por outra parte, segundo os artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Protección de datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a administracionlocal@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file