Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 2 de xaneiro de 2018 Páx. 234

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Vilarmaior (expediente IN407A 2017/057-1).

Expediente: IN407A 2017/057-1.

Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Denominación da instalación: LMTS, CTC e RBT Os Chaos e anexo 1 (do 3 de outubro de 2017).

Concello: Vilarmaior.

Feitos:

1. O 5 de outubro de 2017 a promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG nº 208, do 2 de novembro de 2017, e no BOP nº 207, do 31 de outubro de 2017.

3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. A promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6. As características técnicas da instalación son as seguintes:

Liña eléctrica de media tensión subterránea a CT Os Chaos, a 15 kV, cunha lonxitude de 962 m, coa orixe no CT Breanca (expediente 25.679) a reformar, condutor tipo
RHZ1-2OL-12/20 kV-3 (1×240) AI, e final no CT Os Chaos proxectado.

Centro de transformación prefabricado Os Chaos, cunha potencia de 250 kVA, e unha relación de transformación de 15.000/400-230 V.

Reforma do centro de transformación existente Breanca, cunha potencia de 100 kVA, e unha relación de transformación de 15.000/400 V, coa instalación de novas celas compactas de media tensión 3L+1P telecontroladas por GPRS.

O orzamento da instalación segundo o proxecto é de 200.298,56 €.

7. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar perante esta xefatura territorial unha solicitude que se acompañará da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipo, e as certificacións ou homologacións se procede.

– Un certificado do director da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así coma das regulamentacións e normas oportunas, na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuizo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 5 de decembro de 2017

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña